O horizonte do 2005 engade varios graos de tensión sobre os tres vertixes nos que se apoian os desiguais lados do triángulo comercial escaleno formado por Estados Unidos (EEUU) América Latina (AL) e a Unión Europea (UE). En tres anos América Latina converterase nun espacio comercial aberto cara aos dous xigantes contrapostos do mercado mundial UE-EEUU, a piques enfrontarse nunha guerra comercial. Deixará aberta unha porta expedita de cada lado para que circulen as saudables correntes dos intercambios comerciais que poidan traer un pouco de esperanza ao continente no que a pobreza escala ata lugares insospeitados.
Na II Cimeira da UE-AL, os presidentes latinoamericanos abriron un oco na axenda da seguridade internacional e do terrorismo para laiarse do desequilibrio existente entre o grao de apertura que se lle demanda a América Latina e os proteccionismos que os EEUU e a UE exercen sobre sectores sensibles da súa economía.
Dende o 11 de setembro a escala de prioridades na política internacional das grandes potencias ten mudado considerablemente. América Latina que durante a década dos 70 viu maniatadas as liberdades pola vixencia da Doutrina da Seguridade Nacional na que se sustentou unha fervenza de dictaduras; asiste agora, nos albores do terceiro milenio, ao renacer dunha neodoutrina da seguridade, ampliada ao contexto internacional, que opaca temas cruciais como a pobreza, a corrupción, as desigualdades, etc.
O terrorismo bateu na conciencia da humanidade tras do impacto dos avións suicidas contra das torres xelmelgas. Permitiu establecer unha estratexia mundial no combate da violencia organizada. Por tanto non é de estrañar que terrorismo, narcotráfico… figuren nun lugar prioritario das axendas nas cimeiras internacionais. Pero dende o sur do Río Grande tamén se poñen enriba das mesa outros temas tan vitais para a súa supervivencia con víctimas tan reais e maís numerosas. Nos informes da CEPAL, durante a Conferencia Rexional Gobernamental de Lima de 2001, constatouse que nas últimas décadas existe un parón económico, un afondamento nas diferencias entre ricos e pobres. Se temos en conta que América Latina é considerada, segundo o criterio de distribución da riqueza, como unha das zonas máis inxustas do planeta; se cotexamos que en América Latina e o Caribe, o número de pobres pasou de 136 millóns en 1980 a 266 millóns en 1992, isto é, do 41% da poboación ao 62%. sobre a pobreza, se na década dos 90 acentuouse esta tendencia… enténdese mellor a preocupación dos presidentes latinoamericanos.
Nestas circunstancias non é de estrañar que Un Instituto Chileno prestixioso que edita o latinobarómetro anual, no 2001 tirase a conclusión que a maioría dos Latinoamericanos identifica pobreza con mala xestión de gobernos democráticos. Cómpre atallar os problemas estructurais da miseria para que non se incremente o número de desencantados coa democracia.
Entre o 17 e 19 de maio, os mandatarios reunidos en Madrid, non demandaron esmolas, non pediron paquetes de axudas ao desenvolvemento, só esixiron a equidade no comercio internacional. Isto é, rematar coas políticas proteccionistas que aplican tanto EEUU como a UE sobre aqueles productos nos que América Latina posúe vantaxes comparativas. Dificultades que se presentan como barreiras infranqueables para un continente que padece raquitismo no desenvolvemento.
Aínda así, a apertura de mercados non significaría necesariamente crecemento económico. México, que posúe o Tratado de Libre Comercio de América do Norte con Canadá e os EEUU, que dende que asinou un tratado semellante coa UE, aumentou o seu comercio co vello continente nun 30%, entrou en recesión, leve si pero recesión, do 0,1% no 2001.
Dende México cara ao sur existe unha boa predisposición para incrementar cos segundos "partenaires" mundiais, eses 50.000 millóns de euros que cada ano circulan en ambos sentidos nos intercambios comerciais. Sábese apreciar que Europa forneza o 60% da axuda a cooperación mundial que recibe América Latina.
O unilateralismo do goberno de George W. Bush na política internacional, a dureza mostrada con Arxentina, os escuros fíos que manexou no golpe venezolano, as hipócritas esixencias de apertura de mercados alleos mentres levanta barreiras proteccionistas diante do aceiro ou os productos agrícolas… facilita a o camiño para practicar boas artes diplomáticas dende Europa, para ensaiar outra forma de entender as relacións internacionais.
A reconquista de América non pode ser desde unha visión neoimperialista, ten que enfocarse dende un mutuo namoramento, onde as cifras do comercio só sexan un poderoso pretexto para o beneficio bilateral en valores, en democracia, en proxectos de futuro.
Reciprocidade onde Europa estea disposta a deixarse conquistar. Acelerar as relacións, ou centralas exclusivamente nun Tratado de Libre Comercio que se adiante ao ALCA (Acordo de Libre Comercio das Américas) impulsado polas distintas xeracións presidenciais Bush, deixa pouco espacio para o romanticismo, para o compromiso sincero ou para vínculos imperecedeiros.