O ocurrido o 11 de setembro será materia de especulación o resto das nosas vidas, un misterio que rexurdirá de cando en vez nos periódicos e libros. As súas consecuencias estratéxicas foron, en esencia, dúas: a acentuación das hostilidades entre Estados Unidos e o mundo árabe, favorecidas pola presión dos sectores proxudeos en Norteamérica, que tratan de convertir a War on terror nunha guerra contra os inimigos de Israel: Palestina, Líbano, Siria, Arabia Saudita, Irán e Iraq.
A segunda consecuencia é o pulo americano cara Asia Central. Nesa rexión brotan coma fongos novas bases americanas. Varios países (Azerbaixán, Kyrgizstán, Uzbequistán, sobre todo Xeorxia) competen entre sí para convertírense en aliados extratéxicos dos Estados Unidos. O interese destes últimos xurde da importanca desta rexión, situada no centro de Eurasia, o Heartland, o Corazón da terra, palabra grata a afeccionados a mistificacións xeoestratéxicas ao McKinder e Brzezinski. Ó que se engade, dende logo, as reservas de gas e petróleo que anegan, din, o Caúcaso, e polas que porfían os grandes países e as súas grandes empresas.
Esta presencia alenta o nerviosismo dos dirixentes rusos. Recordemos cómo tra-lo 11 de setembro produciuse un acercamento entre Rusia e Estados. Moitos observaron as posibilidades dunha relación estratéxica entre os antigos inimigos. Ambos tiñan graves problemas co mundo islámico, ambos temían a unha rexurdente China. O petróleo e gas ruso podería facilitar ós americanos una diversificación xeográfica das súas fontes de enerxía, o cal era un imperativo estratéxico para o país debido á inseguridade dos subministros árabes. Engadíase a iso unha afinidade cultural entre ambas nacións que era tempo de aproveitar. Neses breves meses, era habitual escoitar que se aveciñaba unha nova era entre Estados Unidos e Rusia. Repitíase mesmo o vello soniquete da "verdadeira fin da guerra fría".
Nembargantes, un ano despois da caída das Torres Xemelgas, moitas esperanzas esvaeronse e varios son os desacordos públicos entre ambas partes, centrados case todos eles no rexeitamento de Rusia de aceptar os requerimentos da política estadounidense. Por exemplo, o mantemento das súas relacións con Iraq, a continuación da colaboración con Irán para desenrolar un reactor nuclear, a súa continua presión sobre Xeorxia, o estado máis preto de América na rexión caucásica. Máis preocupante para Estados Unidos é ver que Rusia e China seguen a manter o seu acordo estratéxico, e os primeiros continúan a vender productos de alta tecnoloxía militar ós seus viciños. Nos próximos anos, a pregunta que se farán os americanos é: ¿qué perdeu Rusia?
A miña hipótese é a seguinte: Máis alá de disputas coxunturais, a clave tras o novo alonxamento entre Rusia e Estados Unidos é que os americanos son incapaces actualmente de manter unha relación estratéxica fluida con ninguén. Xa non escoitan nen entenden as necesidades internas e externas doutros países, e que ás veces éstas son opostas ás súas. Estados Unidos xa non busca acordos en pé de igualdade, senón distintos graos de obediencia. E non pode ter aliados quen só gusta de súbditos.
Besamos, por exemplo, a cuestión dos oleoductos. A aposta americana foi nos últimos anos polo Bakú-Ceyhan ou, como agora gustan en chamar, Bakú-Tiflis-Ceyhan. Cruzaría Azerbaixan, Xeorxia ata chegar ao Mediterráneo turco, e daí para Occidente. Permitiría ós americanos ser o axente principal do fluxo de petróleo dende o Caspio, evitando así dúas alternativas máis baratas, pero máis incómodas estratéxicamente, a do Norte por Rusia, a do sur por Irán. Estados Unidos non desistiu desta aposta estratéxica tra-lo 11 de setembro, e Rusia, que considera esencial manter o control desas rutas, non cree que haxa razóns para ceder nesa cuestión.
Parecido é o tema do reactor nuclear a Irán. O complexo nuclear exsoviético necesita como sexa recibir divisas, e o seu expertise é a mellor fonte posible para conseguilas. O temor americano a que desta maneira Irán se achegue a conseguir a Bomba é comprensible, pero a razón última desta oposición é que Israel teme perder o monopolio nuclear da rexión. Todo moi comprensible, pero de novo, ¿cómo pode aceptar Rusia que sexa tabú que Irán teña centrais nucleares, ó tempo que o mundo permite que Israel dispoña dun enorme e secreto arsenal nuclear, que inclúe xa armas intercontinentais?
E quén dí tecnoloxía atómica, dí tamén barcos, avións e submarinos. Os rusos permitiron arrumbar as vellas armas e aparatos e convertir en caricaturas corpos enteiros do exército. Pero seguen a manter un formidable complexo militar-industrial capaz de fabricar armas de todo tipo, á altura das mellores do planeta. Non é bó isto, lóxicamente, pero ¿sabe alguén de un só país que teña destruido voluntariamente as súas fábricas militares? E se os rusos venden ós chinos e non a nós, ou ós franceses, é porque Occidente prefire manter abertas as súas proprias fábricas a pesares de que os productos rusos son moito máis baratos.
Estes exemplos nos falan por tanto de friccións constantes entre Estados Unidos e Rusia, que non semellan que vaian a rematar axiña. Xurde dunha relación que os úns creen que debería ser alianza, os outros liderato incontestado dunha das partes. A próxima ampliación da OTAN será outra causa de tensión. Entrarán probablemente tres repúblicas exsoviéticas, as do Báltico. Nun principio, Rusia parece aceptar aínda que non lle guste. A súa posición foi suavizada gracias ó suposto profundizamento das relación entre Rusia e OTAN hai uns meses. Pero as declaracións públicas que dende Washington e Bruxelas aseguran que as necesidades rusas serán escoitadas, non soen ser cumpridas máis tarde. En conclusión, o mundo está nun remuiño tra-lo 11 de setembro, e hai moitos, entre eles nós, coma membros da OTAN, que están a tentar á súa sorte.