Evolución e Contribución dos ODS en América Latina (I)

Nos últimos días, a Comisión Económica para América Latina e o Caribe (CEPAL) ven de rebaixar considerablemente as súas previsións de crecemento para a rexión neste 2019 do 1.7% ao 1.3%, o que unido á inminente ‘Terceira Reunión do Foro dos Países de América Latina e o Caribe sobre o Desenvolvemento Sostible’ do 24 a 26 de abril en Santiago de Chile, invítanos a reflexionar sobreo funcionamento da Axenda 2030 de desenvolvemento sostible da ONU, os ben coñecidos 17 Sustainable Development Goals neste espazo.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Palabras chave América Latina CEPAL ods
Idiomas Galego

Nos últimos días, a Comisión Económica para América Latina e o Caribe (CEPAL) ven de rebaixar considerablemente as súas previsións de crecemento para a rexión neste 2019 do 1.7% ao 1.3%, o que unido á inminente ‘Terceira Reunión do Foro dos Países de América Latina e o Caribe sobre o Desenvolvemento Sostible’ do 24 a 26 de abril en Santiago de Chile, invítanos a reflexionar sobreo funcionamento da Axenda 2030 de desenvolvemento sostible da ONU, os ben coñecidos 17 Sustainable Development Goals neste espazo.

Non é o cometido deste artigo explicar o funcionamento destes 17 obxectivos e as súas correspondentes metas, pero si que compre lembrar que, co funcionamento desta axenda de progreso, faise un esforzo por colocar a “dignidade e igualdade” das persoas no centro da mesma, convocando tanto aos Estados como ao resto de sectores da sociedade a empurrar, dende diferentes ángulos mais nunha mesma dirección, que permitan mellorar as condicións presentes das xeracións actuais sen comprometer a capacidade das próximas de facelo.

Ademais, temas de colosal transcendencia para o adecuado crecemento dos Estados latinoamericanos pasan por traballar en liñas centrais da axenda tales coma a redución das desigualdades, unhas condicións laborais decentes e regularizadas, construír cidades e entornos sostibles para a poboación e todo o concerninte á dimensión ecolóxica, coñecendo as capacidades actuais, potencialidades futuras a nivel medioambiental e de recursos naturais do que se dispón.

Unha vez recoñecida a crucial importancia deste megaproxecto global na axenda de desenvolvemento rexional, cales son as principais conclusións dos diferentes informes e investigacións de seguimento da propia CEPAL (todos eles citados na bibliografía ao fin do texto) despois de 4 anos de funcionamento da mesma? Está América Latina e o Caribe (en adiante ALC) avanzando cara a consecución das 169 metas definidas na axenda de desenvolvemento global para a próxima década? Para ordenar todas as dimensións, seguiremos unha secuencia analítica similar á que emprega a propia CEPAL nos citados documentos mais recentes, e dividiremos en dúas entregas este resumo das principais conclusións e liñas de traballo abertas.

O primeiro será o grao de evolución institucional e creación de instrumentos que implementen e acompañen a Axenda 2030, e se ben todas estas dimensións van a presentar diferentes velocidades marcadas polos dous grandes xigantes rexionais (Brasil e México), en tanto que ambos presentan maiores capacidades nunha rexión no que as diferenzas entre Estados, xa de por si mesmas superlativas, son aínda maiores no ámbito institucional entre eles mesmos. Mais se temos que ofrecer unha avaliación xeral, poderíamos asegurar que a tendencia na esfera institucional é de progreso notable.

Así, apreciamos unha vontade de cumprimento na presentación de informes voluntarios pola maior parte dos países do espazo latinoamericano(1), mellor articulación e capacidade institucional nun nivel tanto cuantitativo coma cualitativo (apoiado en iniciativas coma este Foro presentado ao inicio do texto que celebrará a súa III edición); un aumento de iniciativas nacionais e subnacionais (concretadas en conferencias, congresos, seminarios ou exercicios similares) que vinculen a Axenda e os ODS tanto ás institucións coma á sociedade; mais e mellores relacións Estado-Mercado-Sociedade, coa inclusión do sector privado á axenda (coma por exemplo a rede do ‘Global Compact’) e cunha importancia sobre maneira, unha maior articulación entre os diferentes plans nacionais de desenvolvemento e a axenda 2030 (CEPAL, 2019).

No referente á xeración de estatísticas que gobernen –e redirixan- o progreso dos ODS, algo intrinsecamente relacionado coa capacidade institucional á que nos referimos no apartado anterior, atopamos tamén unha enorme disparidade en función do país do que tratemos (lembremos que aínda que estean apoiadas por organismos supranacionais coma a CEPAL, xeralmente as estatísticas son producidas ou perseguidas polos Institutos Estatísticos Nacionais ou equivalentes), e tamén do campo (ODS e metas subsecuentes) ó que nos refiramos.

Actualmente, ALC ten a capacidade(2) de xerar aproximadamente a metade dos indicadores necesarios para o seguimento dos 17 ODS e 169 metas. Alén diso, se está traballando de maneira continuada nas novas necesidades que trouxeron estes indicadores consigo, xa que moitos deles implican empregar unha información ou database que ata o de agora non era recollida por ningún organismo e de ningunha maneira. Ademais, a propia organización reguladora da Axenda 2030 e dos ODS fará no 2020 unha revisión dos indicadores e estatísticas que se precisan para o correcto seguimento dos mesmos, polo que é algo que do que aínda non se poden establecer conclusións significativas.

Por último nesta primeira entrega, no campo socioeconómico e das dinámicas produtivas, unha das grandes metas rexionais presente en todas as axendas de desenvolvemento integra a necesidade de mellorar a competitividade das empresas latinoamericanas, un avance que de xeito cuasidirecto debe reflectir na mellora dos niveis salariais dos asalariados e asalariadas. Asumindo así, que o factor traballo é a principal vía para a corrección das desigualdades(3), e debe ser na distribución primaria da renda onde se produza unha primeira asignación que corrixa esas grandes iniquidades especificadas nos ODS 8, 9 e 10.

            Sen embargo, eses ansiados incrementos da produtividade non se están dando ao ritmo esperado. A explicación, á marxe da obvia (caída do prezo das commodities e freo da fase expansiva), ten que ver coa ausencia dun cambio estrutural na matriz produtiva e exportadora nas últimas décadas: a importante presenza do sector agrícola(4) e as súas características intrínsecas impiden pechar a brutal diferenza de produtividade das economías de América Latina e o Caribe con respecto ás economías desenvolvidas(5). Esta falta de “competitividade auténtica” ten sido motivo de infinidade de investigacións e traballos relacionados coas políticas de desenvolvemento e cambio estrutural. Mais son dúas as grandes causalidades ás que debemos referirnos para describir esta situación:

 

  • En termos agregados,a baixa produtividade responde de maneira consecuente ao propio perfil produtivo e exportador da rexión: concentración en poucas actividades, intensivas en recursos naturais ou mano de obra barata e de baixa cualificación e que teñen poucas conexións co resto da estrutura produtiva, que non supoñen avances tecnolóxicos ou encadeamentos produtivos (CEPAL, 2019).
  • Aterrando na “economía real”, compre constatar as baixas produtividades obtidas polas mipymes (micro, pequenas e medianas empresas) con respecto das grandes empresas. En América Latina e o Caribe, as primeiras apenas acadan un 40% das segundas, mentres que nas áreas desenvolvidas (coma Europa), estas obteñen ata un 60%.
  • Ademais, existen moitísimos outros factores decisivos que son tratados no texto de maneira tanxencial coma o emprego informal, a violencia, a falta de infraestruturas adecuadas ou a imposibilidade de construír ou “apropiarse” das capacidades tecnolóxicas empregas nos países desenvolvidos.

Mais recuperando o hilo condutor do noso texto, os ODS e a Axenda 2030, como pode ALC loitar contra o seu gran problema histórico a partir de esta oportunidade? Precisamente, aproveitando este momento para tentar superar algún dos seus déficits estruturais relacionados coa falta de produtividade e competitividade da que falamos. O mais importante en base ao comentado, consistirá en xerar un “emprego decente con crecemento económico (ODS 8) que supere as sempre altas taxas de emprego informal e subemprego a partir da mellora institucional e da construción de infraestruturas e espazos sustentables que o permitan.

Tamén todos os ODS relacionados coas desigualdades teñen un impacto directo na evolución económica, pois amais de que está ben demostrado que unha sociedade mais equitativa e con menos diferenzas é mais eficiente e produtiva economicamente, en América Latina e o Caribe avanzar nesta dimensión da igualdade tería unha repercusión directa na caída da violencia, un dos grandes obstáculos históricos e que presente no ODS 16 (Paz, Xustiza e Institucións Sólidas), debe abrir unha xanela a través da cal establecer procesos transformadores que muden –para mellor- a vida das persoas de aquí a non moito tempo.

 

Bibliografía:

 

 

 

 


(1) Cos xa presentados (22) e os anunciados para os próximos meses, América Latina e o Caribe contaría con 34 informes voluntarios presentados por 23 países no ciclo 2016-2020. En total, só 17 países asinantes da Axenda 2030 presentaron 2 informes voluntarios neste primeiro ciclo, dos cales 7 pertencen a ALC.

(2) Isto significa que ou ben xa se producen ou ben hai a información necesaria para producir estes indicadores.

(3) Sen querer infravalorar o efecto e capacidade das políticas redistributivas e das transferencias, creemos que para sentar as bases dun crecemento inclusivo e corrixir de raíz as desigualdades debe ser na distribución primaria (no reparto entre traballo e capital e na medida na que se repartan os beneficios asociados á mellora da produtividade entre ambas) onde se pode corrixir con maior forza este problema.

(4) No ano 2015, o sector agrícola representaba só o 5% do PIB rexional, pero sen embargo contribuíu ata nun 25% das exportacións e ao emprego do 19% do total da poboación. (CEPAL, 2018)

(5) Actualmente, ALC apenas consegue un 22% da produtividade da economía estadounidense, tendo acadado un 38% a principios da década de 1980. (CEPAL)