Exipto: evitar o efecto “Buteflika”

O actual proceso de reforma constitucional vía Asemblea Nacional exipcia que se leva a cabo actualmente, entre o 22 e 24 de abril, orientado a ampliar ata o 2030 o período de mandato do “xeneral-presidente” Abdel Fatah al Sissi, denota os intereses do establishment dese país pero tamén dos seus aliados occidentais (EUA e Europa) de inmunizar un socio tan estratéxico como Exipto para non ver reproducidas as tensións políticas de países veciños (Libia, Alxeria, Sudán) que eventualmente repliquen nun inesperado e indesexable cambio político no Cairo. Por tanto, esta reforma “faraónica” para al Sissi asúmese como imperativa para estes intereses, tanto internos como externos, especialmente ante os recentes acontecementos no conflitivo contexto rexional magrebí e do Corno de África.

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Oriente Medio
Palabras chave Exipto al Sissi
Idiomas Galego

O actual proceso de reforma constitucional vía Asemblea Nacional exipcia que se leva a cabo actualmente, entre o 22 e 24 de abril, orientado a ampliar ata o 2030 o período de mandato do “xeneral-presidente” Abdel Fatah al Sissi, denota os intereses do establishment dese país pero tamén dos seus aliados occidentais (EUA e Europa) de inmunizar un socio tan estratéxico como Exipto para non ver reproducidas as tensións políticas de países veciños (Libia, Alxeria, Sudán) que eventualmente repliquen nun inesperado e indesexable cambio político no Cairo. Por tanto, esta reforma “faraónica” para al Sissi asúmese como imperativa para estes intereses, tanto internos como externos, especialmente ante os recentes acontecementos no conflitivo contexto rexional magrebí e do Corno de África.

No poder desde 2013 tralo abrupto “golpe palaciego” contra o goberno do islamita Mohammed Morsi, confirmado un ano despois cunhas eleccións presidencias “á medida”, al Sissi seguirá firmemente ao mando investido nunha especie de poder “faraónico”. Con isto, o equilibrio de poder no Cairo amortece momentaneamente calquera síntoma de reprodución do “efecto Buteflika” acontecido na veciña Alxeria.

A reforma constitucional exipcia vía poder lexislativo reforza un presidencialismo autoritario onde o estamento militar vinculado a al Sissi manterá a súa hexemonía incontestable. A concesión de maiores poderes ao presidente, a atribución ao Exército para “a Constitución, a democracia, a composición estatal e a súa natureza civil”, así como a eliminación de calquera vestixio de independica xudicial, deixa ás claras as intencións estipuladas con esta reforma: poder absoluto para al Sissi e do establishmet político, militar e empresarial exipcio como garantes da estabilidade nacional. E reforzamento dun ríxido conservadurismo non só político senón tamén cultural, relixioso e social.

Toda vez, esta reforma sepulta calquera tentativa de fiscalización e de equilibrio de poderes, principalmente en materia de investigacións sobre corrupción e ante as denuncias internacionais sobre as rampantes violacións dos dereitos humanos cometidos no réxime de al Sissi. A censura informativa e a persecución de medios independentes é igualmente un piar básico desta estratexia.

Equilibrar Exipto reproducindo o tradicional poder “faraónico” convértese así nun imperativo para os intereses destes establishments. Expectativas que se reforzan ante o actual contexto rexional magrebí, particularmente en Libia, cun xeneral Jalifa Haftar lanzando a súa ofensiva militar cara a capital Trípoli (coa “bendición” do presidente estadounidense Donald Trump e tacitamente europea) e ante as incertezas traducidas na Alxeria “post-Buteflika”, trala recente renuncia (mediados de marzo) do seu octoxenario presidente para presentarse a un novo mandato.

Precisamente, na Alxeria, o igualmente poderoso establishment político-militar, moi similar ao exicpio, asegura a súa hexemonía incontestable neste contexto “post-Buteflika” a través dunha sórdida purga interna de posibles elementos discordantes, que manteña desmobilizadas as protestas de rúas que levaron á caída de Buteflika.

Esta perspectiva “faraónica” de al Sissi e da Alxeria “post-Buteflika” tamén ten a súa óptica colocada na recente caída do réxime de Omar al Bashir en Sudán, tras tres décadas no absoluto poder, vía revolta popular. En Marrocos tamén veñen presentándose protestas populares pedindo a liberación de presos políticos.

O xefe da Xunta Militar de Sudán, o xeneral Abdelfatah al Burham, declarou que o período transitorio sería de “dous anos” e que o estamento militar estaría disposto a entregar o poder en caso de alcanzarse un acordo coas forzas políticas para instaurar un goberno civil. Polo pronto, as negociacións están momentáneamente suspendidas.

Como no caso do seu homónimo exipcio, non é descartable que as palabras do xefe da Xunta Militar sudanesa teñan outro significado, expresadas en eventualmente reproducir en Sudán o “modelo al Sissi” ante a posibilidade de procrearse situacións de inestabilidade, tomando en conta as fortes desigualdades socioeconómicas, a presenza de grupos islamitas con capacidade insurxente e os intereses xeopolíticos existentes en torno a Sudán, principalmente colocados cara o Mar Vermello e o Corno de África.

Non se debe descartar tampouco o contexto do conflito armado na veciña Iemen, que involucra choques de intereses sauditas e iranianos así como doutros actores externos. Unilateralmente, o propio Trump decidiu esta semana vetar a resolución do Congreso estadounidense de retirar a Washington no conflito iemenita, o cal reforza os intereses sauditas nese conflito.

Tanto como o reforzamento de al Sissi en Exipto, a caida de Bashir e as incertezas en torno á transición política en Sudán obsérvanse con minuciosa atención no contexto rexional, dende Siria ata Turquía, Arabia Saudita e Irán, sen descartar tampouco a Rusia, con importantes intereses nese país.

Símbolo da “domesticación” e do enterramento da “Primavera árabe”, al Sissi asúmese fundamental para unha serie de intereses de poder, tal como o foi o seu antecesor Hosni Mubarak, varrido precisamente por esa vaga de cambios que hoxe permite a transición calculada en Alxeria e as lembranzas da “Primavera árabe” en Sudán. Isto flutúa igualmente na concreción dunha pragmática política exterior por parte de al Sissi, equilibrando intereses con EUA, China, Rusia, Europa, Turquía, Arabia Saudita e Israel, pero claramente minando calquera tipo de apertura favorable a Irán, en contraposición ao que si fixera o defenestrado Morsi.

Intereses imperativos que tamén se observan en Washington e nunha Europa en silencio, expectante ante o que realmente lle interesa: evitar crises humanitarias na súa contorna Mediterránea, toda vez o clima político en Europa caldéase ante o avance dos movementos xenófobos e antiinmigración, con vistas ás eleccións parlamentarias de maio próximo.