Bandeira de Ucraína

Putin celebra unha vitoria que non é súa

79 anos despois de que a Alemaña nazi capitulou ante a alianza da Unión Soviética, o Reino Unido, os Estados Unidos e Francia, cando fai décadas que marcharon os xenerais que comandaron as tropas vitoriosas e os combatentes reais teñen máis de 97 anos, Putin celebra en Moscova un desfile pomposo para facer crer ao mundo que é o único herdeiro da vitoria sobre o nazismo en 1945. E máis aínda, que a guerra de agresión contra Ucraína é tamén unha loita antifascista.
Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Europa
Palabras chave URSS Ucraína

Estas ideas que intentan impor á opinión pública tanto no seu país, como no resto do mund,o son máis que mentiras descomunais. En primeiro lugar, os herdeiros da vitoria da Unión Soviética son as 15 repúblicas que a compoñían, non só a Federación de Rusia. Tampouco foi ela quen sufriu os maiores danos pola ocupación nazi, senón Bielarús e Ucraína (por iso estaban entre os fundadores das Nacións Unidas, aínda que entón ninguén recoñecía formalmente a súa soberanía nacional). En canto á oposición á ocupación alemá, é moi elocuente o feito de que o memorial israelí do Holocausto, Yad Vashem, conmemora 12 veces máis ucraínos que rusos como Xustos das Nacións (persoas que arriscaron a súa vida para salvar xudeus).

Tampouco é certo que a Unión Soviética loitou practicamente soa. No verdadeiro Desfile da Vitoria, en xuño de 1945, o primeiro suplente do comandante en xefe das Forzas Armadas Soviéticas, o mariscal Georgii Zhukov, destacou: “Grazas aos esforzos conxuntos das grandes potencias -a Unión Soviética, os Estados Unidos de América e Gran Bretaña-, a Alemaña fascista quedou reducida a cinzas”.

victoria

A propaganda putinista reviviu o mito estaliniano de que as grandes potencias occidentais prestaron pouca axuda e tardaron demasiado en abrir unha segunda fronte de loita contra a Alemaña de Hitler. A verdade é que Francia e o Reino Unido entraron en guerra no terceiro día da agresión alemá contra Polonia. Non corresponde criticar a eficiencia da súa loita no período inicial, xa que o que facía a URSS nese período era colaborar con Alemaña en todos os ámbitos e, de acordo cos arranxos soviético-nazis, realizar agresións e anexións contra Polonia, Romanía, Finlandia, Lituania, Letonia e Estonia.

Así, a segunda fronte foi aberta polo propio Hitler agredindo a Stalin e anulando, deste xeito, o pacto que asinaran. Francia e o Reino Unido xa estaban na loita contra Alemaña: primeiro sen éxito en Europa Occidental, sempre activos no aire e no mar, en África, despois no sur de Europa e, finalmente, con EE.UU. desembarcando en Normandia.

Por iso, os soviéticos e agora os putinistas prefiren cultivar a historia mitificada da súa “Gran Guerra Patria 1941-1945” illándoa ao máximo do contexto da Segunda Guerra Mundial que Hitler comezou en 1939, conseguindo o “permiso” de Stalin co pacto de non agresión. A pesar de moitos retoques e abertas mentiras non é posible cubrir, a verdade innegable de que o enorme custo material e humano da vitoria da URSS, as grandiosas perdas de persoal, armamentos e territorios foron debido á política desacertada do réxime de Stalin, a quen Putin, con todo, quere ver como un xestor eficaz, con millóns de mortos inocentes. Nun só ano foi fusilar a máis do dobre das persoas que caeron en toda a Guerra Civil española.

A vitoria de Stalin na Segunda Guerra Mundial tamén foi contra o seu pobo. Neste sentido, Putin pode considérarse copartícipe, tamén obtivo unha vitoria sobre o pobo da Federación Rusa que non sería posible sen a “vitoria” de Stalin; é a submisión que está nos xenes da poboación rusa, froito dos anos de terror estaliniano, e que permite a Putin “seguir elixido” cinco veces, sacrificar miles de vidas dos seus concidadáns polo seu delirio imperial, renunciando á democracia e a liberdade en aras da “grandeza da Patria”. Crendo neste fantasma, aceptan a miseria da súa vida.

Unha manifestación reveladora deste atontamento do pobo son as marchas dos chamados “rexementos inmortais”, eventos nos que a xente sae á rúa coas fotos dos seus familiares que participaron na guerra. Un homenaxe aos que participaron na guerra defensiva é unha acción loable, pero cando o fan pretendendo ser todos descendentes de heroes vitoriosos coa disposición de “repetir, se é necesario”, todo aquelo convértese nunha aberración da idea inicial, porque se sabe que moitas fotos son falsas e despois vense abandonadas en lixeiras públicas, que houbo millóns de soviéticos impedidos de loitar contra o fascismo porque Stalin declarounos arbitrariamente inimigos, pero os seus descendentes saen á rúa igualmente, exhibindo fotos alleas, para no ser diferentes ao resto. E resulta máis grotesco aínda incorporar a estas marchas ‘antifascistas’ as fotos dos que caeron na actual guerra imperialista de Rusia contra Ucraína, pretendendo darlle á súa morte sen sentido un carácter sublime. O que queda da acción é manifestar a lealdade ao réxime totalitario de Putin e a memoria dos que loitaron para que houbese paz é abusada para lexitimar as súas guerras imperialistas.

A situación actual na Ucraína

A guerra contra Ucraína está moi lonxe de ser vitoriosa. O relativo éxito do avance nas primeiras semanas da chamada “operación militar especial para desnazificar e desmilitarizar” débese, máis que nada, ao que os altos comandos ao redor do presidente Zelenskyi non tiñan ningunha intención de prepararse para repeler a invasión nin sabían organizar unha defensa eficaz. En vez de poñer en guerra todo o país para enfrontarse ao agresor, que se supón que ten o segundo exército máis forte do mundo, a oficina do presidente puxo todo en dependencia de axuda occidental, que chega moi dosificada e sen moita présa. Con todo, os rusos non conseguiron desenvolver o seu éxito. Putin incorporou catro provincias ucraínas como suxeitos da Federación de Rusia e durante máis dun ano demostrou ser incapaz de defender as súas “terras patrias” contra a “agresión ucraína”.

Os recentes avances dos rusos no leste despois da caída de Avdíivka significaron apenas centos de metros ao día, ocasionalmente tomáronse algunhas aldeas destruídas, mais este desenvolvemento coincidiu sorprendentemente coa escasa intervención de Zelenskyi como comandante en xefe supremo nos escalóns máis altos da cadea de mando militar, xusto cando as tropas rusas estaban aumentando a súa presión para aproveitar o bloqueo da axuda norteamericana na Cámara de representantes onde teñen maioría os republicanos.

É certo que os dous principais partidos dos Estados Unidos están a favor de axudar a Ucraína, pero no actual ambiente preelectoral, o interese por lograr a presidencia está por riba de calquera outro interese internacional. O paquete de axuda a un país en guerra contra un inimigo agresivo moito máis numeroso converteuse nunha ficha de xogo movida por egoísmos partidistas.

Putin sempre presumiu que, sen axuda occidental, Ucraína caería en dúas semanas. Con todo, isto non aconteceu durante os meses que durou o bloqueo. En principio, todos sabían que, antes ou despois, a lei sobre a axuda sería aprobada e finalmente a solución chegou a un proceso bastante eficaz: o director da CIA publicou un informe que dicía que sen a axuda norteamericana Ucraína podía perder a guerra en 2024. O día seguinte, o presidente republicano da Cámara de Representantes apoiou a votación a lei, logo o presidente Biden coa súa firma validouna e xa comezou o subministro.

A tardanza fixo mal a Ucraína, permitindo aos rusos crear unha forte presión en diferentes sectores da fronte, aínda que sen conseguir que a rompesen e se preparasen para unha nova ofensiva contra Kharkiv, a segunda cidade ucraína máis importante, a só 40 km da fronteira rusa.

Pero a situación mantense dentro do marxe estratéxico sobre o que os amigos occidentais de Ucraína non teñen dúbida: é absolutamente inadmisible que Putin gañe esta guerra, porque significaría a desaparición de Ucraína como estado soberano e sería unha base para seguir recuperando o terreo e a hexemonía política que tiña a URSS. Non hai plans sobre como derrotar militarmente a Putin, porque iso resultaría nun caos non predicible no enorme país que é a Federación Rusa. No fondo, o que se espera é que a guerra esgote a Putin, e el e o seu estado volvan ás normas civilizadas de convivencia.

Parece unha ilusión, con todo, esperar que isto aconteza. Foi precisamente porque Putin se sentía ligado polas normas que lle mantiñan nunha posición humillante, que se atreveu a romper para impor a sangue e fogo o que el considera o seu dereito.

Na actualidade vese que o réxime de Putin, fracasada a súa acción inicial relámpao, reorganizouse e dispúxose para unha guerra prolongada (ou disimúlao de forma convincente) e non está disposto a retroceder. Percebe que Occidente ten medo de responder adecuadamente á súa chantaxe e segue escalando, atravesando todos os límites. Despois de colocar armas nucleares en Bielorrusia, agora manda facer adestramentos militares co uso de armas nucleares tácticas na fronteira inmediata con Ucraína. O resultado de tais supostos adestramentos en 2022 está a sentilo agora o pobo ucraíno e os seus soldados na súa carne.

Non obstante, os políticos parecen facerse os desentendidos e crer que aínda se pode previr/desactivar a guerra desencadeada desde hai máis de 10 anos.