Artigo publicado orixinalmente en Nós Diario, o 2 de xaneiro do 2024
Tecnopole

Exportar a alta tecnoloxía galega

A investigación vén remarcando a través de numerosos estudos nos últimos anos que a innovación é fonte de crecemento e motor do desenvolvemento económico. Polo tanto, a aposta pola innovación é unha necesidade para o tecido empresarial galego. A pesar disto, o esforzo en investimento en I+D apenas supera o 1% respecto ao PIB en Galicia, tanto a nivel público como privado.

Os sectores que máis invisten proporcionalmente en innovación en Galicia son, por orde, a automoción (4,04%), a saúde e asistencia social (3,47%), o téxtil e a moda (3,12%), o sector das TIC (3,01%), madeira e moble (2,88%), servizos profesionais (2,68%), pesca (2,43%), a produción de maquinaria e bens de equipo (1,31%), e o sector de químicos e derivados (1,11%).  Un feito contrastado é que a innovación galega veu caracterizándose nas últimas décadas por estar centrada en sectores de baixa intensidade tecnolóxica.

O concepto de intensidade tecnolóxica (tech intensity) é un indicador da capacidade de innovación das empresas e da súa capacidade de adaptacións aos cambios da contorna,  que permitirían asegurar a súa supervivencia futura. Nun contexto no que as habilidades e ferramentas dixitais son necesarias en practicamente todos os sectores, a intensidade tecnolóxica estaría relacionada non só coa capacidade das empresas para crecer mediante a adopción de tecnoloxía externa, senón tamén a través da construción de tecnoloxías (dixitais) propias.

O sector exterior da alta tecnoloxía

Se reparamos nas estatísticas de exportación de alta tecnoloxía en Galicia, o primeiro que chama a atención é o crecemento anual case constante que estas veñen reflectindo nos últimos vinte anos (en concreto entre 2004-2022), agás en 2009 e 2018. Neste período, as exportacións de alta tecnoloxía galega multiplicaron o seu valor por más de oito (+812,44%). Se observamos a información polo miúdo, os datos veñen a reflectir principalmente os incrementos do valor das exportacións do sector químico nos últimos 10 anos (+1.637,68%), acompañados polo incremento no sector farmacéutico (+1.804,08%) e na exportación de material electrónico e equipos de comunicación (+276,27%).

É precisamente nestes sectores, produtos químicos (59,40% do total), farmacéuticos (16,17%), e material electrónico (12,61%), acompañados pola maquinaria informática (3,35%) e eléctrica (3,39%) e do instrumental científico (3,29%) nos que se distribúen as exportacións da alta tecnoloxía galega. Máis de tres cuartas partes do total das exportacións concéntranse nos sectores químico e farmacéutico, o que convidaría a fomentar a diversificación deste tipo de exportación.

cetaqua

“Deberes” pendentes da internacionalización da innovación

Ademais de reforzar as políticas específicas de internacionalización da innovación, sería conveniente apostar polo incremento da capacidade tecnolóxica doutros sectores. Nesta dirección, a implantación da Axencia Europea de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) -coa posibilidade de crear un polo TIC máis consistente- e o pulo cara modelos produtivos máis sostibles poderían supoñer unha oportunidade.  

Con todo, a decisión de innovar presenta aínda outros obstáculos para as empresas en Galicia, entre os que se distinguen factores de custo, de coñecemento e de mercado. En relación aos primeiros, o sector privado subliña con frecuencia o alto custo da innovación e a falta de financiamento para levala a cabo. Entre os factores de coñecemento, os aspectos clave virían marcados pola falta de persoal cualificado e a dificultade para atopar socios para innovar. Por último, respecto dos mercados de factores, as barreiras máis importantes serían as creadas polas grandes empresas que dominan determinados mercados, así como a existencia de incertezas respecto da demanda futura. 

Sen dúbida, son estes algúns factores nos que cómpre incidir mediante un reforzo a nivel sistémico (infraestruturas, espazos para a cooperación, seguir afondando na diversificación de programas, etc), o que requiriría de maior intensidade nas políticas tecnolóxicas. Mais con este fin habería outras cuestións necesarias de fondo que sería necesario tratar, como o apoio a sectores determinados, ou o  incremento de tamaño das empresas (con persoal máis cualificado, ampliación do coñecemento, etc), o que permitiría sentar as bases para abordar cun mellor punto de partida parte dos problemas antes mencionados. Isto implicaría tamén o apoio a través de políticas industriais. Complexo, pero posible.

[Publicado en Nós Diario o 02/01/2024]