Artigo orixinalmente publicado na Revista ECO do mes de abril, conmemorativa do 35 aniverario da publicación.
35eco

Galiza no mundo: 35 anos de análise crítica dende o IGADI

O mundo, e as relacións internacionais, experimentaron transformacións profundas dende 1991. A chamada orde liberal internacional, baseada no respecto ao dereito, no multilateralismo e no (neo)liberalismo económico, baixo a hexemonía dos Estados Unidos de América, atópase en crise. O escenario internacional multipolar de 2026 é máis complexo, fragmentado e marcado pola intensificación das tensións xeopolíticas entre grandes e potencias rexionais, combinado cun crecente desprezo polo dereito internacional.
Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia

A transcendencia destas transformacións para a sociedade galega é innegábel. No mundo globalizado actual, afectan directamente á nosa economía produtiva, ás condicións de vida e traballo, aos fluxos migratorios, á cultura, á sustentabilidade ambiental e á nosa capacidade como sociedade para decidirmos o noso rumbo colectivo. No espírito do universalismo de Castelao, tamén interpelan a nosa identidade como país chamado a exercer capacidade de acción propia en favor dun mundo máis xusto, pacífico e antiimperialista.

Porén, nas últimas décadas asistimos a unha progresiva relegación da acción exterior galega como política pública estruturada e socialmente recoñecida. A pesar dos avances normativos producidos na última década, nomeadamente coa aprobación da Lei 10/2021, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, esta continúa ocupando unha posición secundaria no sistema político e institucional. Todo isto tradúcese nunha limitada apropiación social e nunha escasa repercusión nas axendas políticas do país.

Á luz deste contexto, un dos principais retos da sociedade galega é construír unha relación máis consciente, informada e activa co ámbito internacional. Nun escenario global cada vez máis complexo, resulta esencial desenvolver unha mirada propia que nos permita comprender as dinámicas en curso e situar Galiza como suxeito con capacidade de análise e acción. A acción exterior debe ser entendida como un ámbito estratéxico para o presente e o futuro do país.

No Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) levamos 35 anos traballando por unha Galiza máis consciente do seu lugar no mundo. Fundado en 1991 por Xulio Ríos e dirixido desde 2017 por Daniel González Palau, o IGADI inicia unha nova etapa tras o cambio na súa presidencia. Esta etapa oriéntase polas “Liñas Estratéxicas 2026-2031. Desde Galicia, pensar e actuar no mundo”, aprobadas por unanimidade, que sitúan o reforzo da utilidade pública e do impacto galego e internacional como eixos centrais.

Nos vindeiros anos, o escenario internacional estará marcado pola incerteza, a competencia entre potencias e a erosión da orde global. Para Galiza, estes cambios traduciranse en novos desafíos e tamén en oportunidades, que esixirán unha maior capacidade de comprensión, adaptación e definición de posicións propias. Fronte a este contexto, no IGADI reafirmamos a nosa misión fundacional ao servizo do país, apostando polo coñecemento, a análise crítica e a implicación da sociedade civil como ferramentas imprescindíbeis para fortalecer a posición de Galiza no mundo e contribuír dende ela a unha orde internacional máis xusta, máis plural e máis diversa.

Queremos expresar o noso agradecemento á Revista ECO polo espazo ofrecido ao IGADI ao longo de décadas, contribuíndo a promover a pluralidade, fortalecer unha esfera pública galega e impulsar unha análise rigorosa arredor do eixo atlántico. Parabéns polo camiño percorrido e polo que está por vir.