pt esaez

Galiza tira de Portugal cara o norte

O 10 de marzo, máis de un millón de portugueses deron o voto á ultra dereitista Chega, liña en ascenso en moitos países. Case sempre vótanlles as zonas atrasadas, por medo a unha globalización que cuestiona valores culturais, raciais ou produtivos. En Iberia, cun norte máis industrial e avanzado e un sur máis agrícola e atrasado, os moi conservadores son fortes na zona meridional, subvencionada polo Estado e que, polo tanto, tamén teme perder recursos se cambian as regras de xogo. Chega gañou no Algarve. Aquí, Vox ten peso no centro sur, pero é pouco relevante nas tres nacionalidades históricas.
Liñas de investigación Observatorio Galego da Lusofonía
Apartados xeográficos Europa
Palabras chave Portugal Eleccións

Os romanos colocaron en provincias diferentes, Gallaecia e Lusitania, os espazos setentrional e meridional do país veciño. División caracterizada, agora, pola concentración da poboación arredor de Lisboa e Porto, cidades que lideran os territorios daquelas antigas provincias e compiten entre elas. O mapa por distritos dos resultados electorais do día 10 no Portugal continental, que recolle a forza política gañadora en cada lugar, está influído por esa realidade. Como viña de facer Galiza uns días antes, o norte inclinouse máis pola dereita, Alianza Democrática, reflexada en color máis claro. O sur votou maioritariamente socialista, salvo no Algarve onde gañou Chega.

A entrada do país na UE, simultaneamente con España, provoca que o convento Bracarense da Gallaecia, orixe de Portugal, estea a converxer co Lucense, a actual Galiza. Un proceso que sacou a esta do seu illamento dentro dunha España pechada. Despois de nove séculos, Galiza volve sentirse norte e tende crecer por riba da media das comunidades autónomas. Máis alá do Miño, a área setentrional de Portugal tamén se beneficia dunha nova dinámica, económica e cultural, que traslada cara Porto o centro dun eixo atlántico integrado.

O medo de Lisboa a ficar no límite sur desa zona e perder liderado económico, xustifica, por exemplo, o que aconteceu en febreiro, durante a celebración de Fitur no IFEMA, cando o alcalde lisboeta chegou a un acordo coa presidenta de Madrid para premeren a favor de que o goberno portugués cambie de criterio e de prioridade á comunicación ferroviaria entre as capitais, en detrimento da conexión setentrional. O acordado non vai servir de moito porque precísase diñeiro europeo para a necesaria modernización do sistema ferroviario portugués e a lóxica da economía do transporte leva a que a UE se centre en conectar a liña de cidades, portos, aeroportos e plataformas loxísticas da costa atlántica ao norte de Setúbal.

As recentes eleccións parecen indicar que a parte do territorio que máis apoia a rexionalización aposta pola tendencia política menos estatalista, mentres lideran o sur os máis orientados a exerceren poder desde unha administración forte. Portugal necesita descentralizar un aparato público demasiado pesado, lento e ineficiente, o principal problema do país. Lisboa resístese e como, despois do 10 de marzo, non hai unha clara maioría de goberno, seguirase adiando o asunto.

Pero, mal que lle pese á capital, a natural integración da Galiza co resto da costa occidental da península seguirá tirando de Portugal cara o norte e agravando antigas tensións, reforzadas por un centralismo que vai deixando de ser central.

image 50