Gitmo

 Campo de prisioneiros de Guantánamo, clic para aumentar
Gulag ou non, en Gitmo (abreviación usada e preferible de Guantánamo que non merece estar asociada a esta barbarie), pode haber diferenza na cantidade de vítimas, pero o que alí pasa é igual de vergoñento e escandaloso. Máis de tres anos despois da súa apertura, as voces que reclaman o seu peche e a clarificación da situación legal dos detidos (combatentes inimigos ilegais, no argot estadounidense), vai medrando dun recanto a outro do planeta.
 

Amnistía Internacional cualificou de gulag da nosa época o campo de prisioneiros de Guantánamo, en Cuba, un centro de detención que o presidente Bush pouco menos que define como modélico e no que toda conduta arbitraria, por suposto illada, por parte do persoal militar estadounidense parece que é obxecto de reprobación e condena sen paliativos por parte do Pentágono. Bush chegou a sinalar que as informacións recollidas no informe de AI son parciais e que fan o xogo a individuos que detestan América e que só por iso son quen de mentir de forma… desapiadada. E Rumsfeld insiste en que ninguén poderá atopar ningún documento que conteña instrucións para aplicar torturas aos detidos ou para mirar cara outro lado cando se producen por axentes privados.

Gulag ou non, en Gitmo (abreviación usada e preferible de Guantánamo que non merece estar asociada a esta barbarie), pode haber diferenza na cantidade de vítimas, pero o que alí pasa é igual de vergoñento e escandaloso. Máis de tres anos despois da súa apertura, as voces que reclaman o seu peche e a clarificación da situación legal dos detidos (combatentes inimigos ilegais, no argot estadounidense), vai medrando dun recanto a outro do planeta. Ata algunha prensa norteamericana, que secundou sen reservas e cunha docilidade asombrosa a política antiterrorista de Bush, comeza a dar sinais de dúbida e cansazo cunha guerra sen fin contra o terrorismo, que revela unha faciana cada vez máis inmoral e perigosa. Dende o New York Times ata algúns senadores demócratas e republicanos, as mostras de indignación contra os métodos de tortura revelados polo semanario Time do 20 de xuño, cun relato tan detallado como estremecedor, dan conta dun progresivo cambio na opinión pública que xa non pode ignorar a súa conivencia cega cos abusos da Administración Bush. Ninguén pode dicir que non sabe o que pasa en Gitmo.

Pero non é só nesa base. En Afganistán e en Iraq son varios os centros de detención xestionados directamente pola CIA nos que os valedores universais da democracia e da liberdade sacrifican e negan os dereitos mais elementais. Trátase de verdadeiros laboratorios nos que se practican todo tipo de experimentos de tortura que ninguén pode xustificar en función do traumatismo sufrido pola sociedade estadounidense no 11S. Non hai comprensión posible, nin defensa lexítima que ampare semellantes comportamentos, evocados por Donald Rumsfeld como inevitables para gañar á guerra ó terror.

Gitmo vai ampliarse nos próximos meses. O Pentágono anunciou o pasado 18 de xuño a conclusión dun contrato coa sociedade Kellogg Brown and Root (KBR), filial inevitable do grupo Halliburton (presidida durante cinco anos polo vicepresidente Cheney), para agrandar as instalacións de Guantánamo. Na actualidade acolle a uns 520 detidos de mais de corenta nacionalidades. Coas novas instalacións, haberá acollemento para 220 máis. A inauguración está prevista para dentro dun ano, e daquela celebraremos un novo avance dos dereitos humanos e do dereito internacional. Coa sombra da impunidade e a falta de control sobre a superpotencia estadounidense se non hai quen pare tan abominable exhibición de cinismo.