Iberoamérica despois de Lima

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

Os pasados días 23 e 24 de novembro celebrouse en Lima (Perú) o XI Cumio Iberoamericano. O cumio, baixo o lema de "Unidos para construir el mañana", non tiña, en principio, un tema específico como en anteriores ocasións senón que estaba adicado a efectuar unha avaliación da década de existencia dos cumios e a analizar as perspectivas da Comunidade Iberoamericana de nacións no século XXI. Nembargantes, os tráxicos sucesos do pasado 11 de setembro e a comprometida situación económica pola que atravesan varios países latinoamericanos motivou que os Xefes de Estado e de Goberno centraran a súa atención sobre estos temas así como a súa incidencia na Comunidade Iberoamericana.

Tras dous días de debate a porta pechada, unha das principais novidades do Cumio, a Declaración de Lima recolle, xunto ós tradicionais obxectivos de defensa da democracia, protección dos dereitos humanos, desenvolvemento económico e social, ou o fomento da integración rexional, o compromiso dos Xefes de Estado e de Goberno de loitar contra o terrorismo "en todas sus formas y manifestaciones dondequiera que se produzcan y por quienquiera que los cometa" así como de acadar "una mejora sustantiva del entorno económico internacional".

A este respecto, suscribíronse dúas declaracións políticas anexas á Declaración final. O primeiro documento, "Declaración Política contra el terrorismo", insta ós gobernos a subscribir acordos xerais ou rexionais que senten a base para unha cooperación efectiva na loita contra o terrorismo. Ademáis, entre as medidas a adoptar figuran: o fortalecemento das lexislaciós nacionais para garantir o sometemento a xuízo ou a extradición dos terroristas, a exclusión do asilo e a loita contra o financiamento. Preténdese así obstaculizar os movimentos destes grupos e desmontar os "santuarios terroristas".

Neste sentido, Madrid obtivo un importante trunfo. Se no anterior Cumio de Panamá manifestouse a solidariedade con España na loita contra ETA pero sen adquirir compromisos concretos, en Lima, Aznar conseguiu un respaldo incondicionado (incluida Cuba), xa que non se fai ningunha distinción entre clases de terrorismo.

Pola súa parte, na "Declaración política sobre la situación económica mundial y el comercio internacional", os xefes de Estado e de Goberno comprometéronse a impulsar as reformas estructurais para acadar a recuperación económica do continente. En concreto, tratarán de adoptar posicións comúns e accións concertadas tendentes a procurar unha expansión do comercio, un aumento dos fluxos de capital cara América Latina e a reforma do sistema financeiro internacional.

Os participantes no Cumio comprometéronse, tamén, a impulsar a asociación estratéxica entre América Latina e a Unión Europea, que deberá recibir un forte pulo no II Cumio Unión Europea, América Latina e Caribe, a celebrarse en Madrid en maio do 2002.

A única ausencia do Cumio foi a de Fidel Castro quen, no último momento, cancelou a súa viaxe a Lima dadas as graves consecuencias ocasionadas polo furacán que azotou Cuba hai semnas.