Mao e San Cristobo

Mentres algúns na China e moitos máis no resto do mundo celebran a súa entrada na Organización Mundial do Comercio, por todo o vello Imperio do Medio revívese a devoción pola figura de Mao. A febre afecta especialmente ao mundo dos transportes. Conductores de metro, bus, camión ou taxi, colgan a estampiña co retrato do Gran Temoneiro nun lugar ben visible da súa cabina. ¿Será que a cidadanía quer transportar de volta o réxime ao maoísmo? Polo que parece o fenómeno garda relación cun grave accidente de tráfico acontecido hai uns meses na provincia meridional de Hunan e no que se involucraron numerosos vehículos. O mellor parado resultou un bus que levaba un retrato de Mao colgado do seu parabrisas. A noticia correu como a pólvora por todo o país e Mao pasou a converterse nun talismán dos transportistas, unha especie de San Cristobo de oriente.

Se na orde social, a Mao era o que lle faltaba para consagrarse a pesar dese trinta por cento de erros que o propio Comité Central do Partido concretou en 1981 como contrapeso do setenta por cento de acertos, na orde política, a erosión das danwei (empresas estatais) ameaza con eliminar un dos últimos vestixios do maoísmo. Zhu Rongji, o primeiro ministro, presenta a reestructuración destas empresas como un imperativo e unha esixencia da entrada na OMC. A pesar de todos os cambios producidos, o sector estatal representa aínda hoxe o70% dos activos, o 62% do capital, o 60% do emprego, o 50% do valor da producción ou o 44% do emprego urbano.Zhu Rongji iniciou en 1997 un impetuoso plan de saneamento do sector estatal, pero sen acadar resultados espectaculares. É verdade que das 6.600 grandes ou medianas empresas estatais que naquel ano rexistraban perdas, o 63% amosaron signos de recuperación en 1999, pero no seu conxunto, o volume total de perdas soamente se reduciu nun 13% nese periodo. A carga social que deben soportar (pagan ata as pensións dos seus propios xubilados) dificulta a súa competitividade.

Despois de Qatar é previsible un novo impulso da reforma no sector público. Pero non lle vai resultar nada doado. En primeiro lugar, deberá vencer a resistencia dos poderes provinciais e locais e dos “directores vermellos” que non asumirán de boas a primeiras medidas drásticas. As dificultades, ademáis, axexarán a numerosos colectivos sociais. O desemprego e a precariedade afectan xa a un de cada sete empregados urbanos. O número de despedidos do sector público dende o inicio das reformas en 1997 se eleva a 13 millóns e soamente a metade puideron ser recolocados. Mentres a pobreza rural se reduciu a 50 millóns de persoas en 1997, hoxe deambulan nos medios urbanos 32 millóns de desamparados que antes non existían. O emprego crece moito menos que a economía e dificilmente ese problema atopará unha solución coa entrada na OMC. A China confía en que a enorme envergadura da súa economía lle permita sortear as dificultades, pero o equilibrio social e político, máxima do proceso de reforma, pende dun fio. A China carece dun sistema de protección capaz de amortiguar a crise social que se aveciña.

A entrada na OMC, por último, tensionará o debate político sobre a orientación final do proceso de reforma. Ata agora, os chamados pragmáticos aseguraban que o sentido final da actual política non era a destrucción do sistema socialista, senón a súa mellora e perfeccionamento a través do chamado socialismo de mercado, garantindo o dominio da propiedade pública (estatal e colectiva), a atenuación das desigualdades sociais e a construcción dun país forte e próspero. Pero ¿como se poderá manter no futuro esa defensa dunha perspectiva hipotéticamente socialista coa plena integración nun sistema mundial dominado polo capitalismo? ¿Permitirá a entrada na OMC afondar no contido potencialmente socialista do sistema ou culminará o lento tránsito ao capitalismo “cruzando o río e sentindo cada pedra baixo os pés”? A entrada da China na OMC ben podería significar non soamente o principio do fin dos últimos vestixios do maoísmo senón tamén unha profunda reorientación do denguismo, abrindo paso a unha opción capitalista e autocrática sen restriccións.

A adaptación ós imperativos da OMC vai desenvolverse nun contexto de cambio sucesorio moi delicado pois non soamente abandonará os seus cargos Jiang Zemin, quen probablemente manterá por un tempo a presidencia da Comisión Militar Central, senón tamén a maior parte dos membros do Comité Permanente doBuró Político (Li Peng, Zhu Rongji, Li Ruihuan, Li Lanqing, Wei Jiangxin). Non o vai ter fácil Hu Jintao, o chamado a liderar o PCCh o ano próximo, para evitar o derrape do socialismo con peculiaridades chinesas e manter o Partido “como unha roca en medio dunha corrente impetuosa”, como acostuma salientar Jiang Zemin.