cultura galega

Internacionalizar a cultura galega

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego
 Torres Hejduk, clic para aumentar
A contratación de produtores culturais estranxeiros para eventos emblemáticos da nosa identidade, como a Cidade da Cultura, constitúen comportamentos prexudiciais para a imaxe da nosa cultura a nivel internacional ao daren a ver unha desvalorización da mesma. (Foto: Torres Hejduk na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela).
 

I. A cultura no propio país

Ultimamente está a ouvirse falar na necesidade de proxectarmos a cultura galega no mundo; e non era sen tempo pois, na verdade, deste feito poderían derivarse proveitos materiais e inmateriais do máximo interese para o noso país.

Mais eu quería, neste artigo, chamar a atención para un imprescindíbel paso paralelo, senón previo, que, de non ser dado, podería levar a un sonoro fracaso de calquera tipo de esforzo encamiñado a colocar a nosa cultura nunha posición de visibilidade no plano internacional. E, infelizmente, nisto non se está a falar, o que me leva a intuír unha eventual inconsciencia que podería vir a revelarse grave.

Ese paso previo, necesario para asegurarmos unha exitosa proxección exterior da cultura galega, consiste na garantía da súa valorización adecuada no ámbito interno. Quere dicir, será difícil conseguirmos unha boa demanda externa dos nosos produtos culturais, se non somos quen de facer ver que no propio país do que proceden son apreciadas.

Pensemos nun veciño dunha aldea galega que se chama André e que ten un boi que quere vender. Imaxinemos que non o trata ben na casa: non lle dá de comer ben e que o ten completamente suxo. A isto acrecentemos que cando debería botar man del, por exemplo para labrar algunha veiga, pide emprestado o boi do Manuel. Quen vai querer comprarlle o boi? E, en caso de haber alguén que o queira comprar, alguén pensa que será por un bo prezo? Parece lóxico pensar, a partir do tratamento que o André dispensa ao seu boi, que o tal boi é considerado inútil polo seu propio dono, de xeito que poucos veciños estarán dispostos a compralo e quen o estean será por un prezo ben baixo.

Pois o André nesta metáfora sería o pobo galego, que non trata ben a súa cultura, ou boi, e mesmo chega a suplantala por outra (normalmente a castelá) cando podería, e en ocasións até debería, usar a súa propia. Isto acontece, por exemplo: cando facemos predominar de maneira extraordinaria a contratación de formacións musicais e artistas estranxeiros ou produtores de cultura estranxeira nos cartaces de actuacións das festas do verán; ou cando contratamos a un arquitecto estadounidense para a construción dunha das obras potencialmente máis emblemáticas da nosa identidade, a Cidade da Cultura; ou cando utilizamos o castelán en contextos nos que poderíamos empregar perfectamente o noso idioma.

Con estes e outros moitos comportamentos diarios, individuais e colectivos, da sociedade civil e das institucións, estamos dando a ver ao mundo que a nosa cultura, para nós, vale pouco. Nestas circunstancias a proxección internacional da cultura galega non só será máis difícil, senón que tamén obterá peores resultados.

Sería bo, pois, que fósemos asumindo por fin que temos unha cultura tan boa como calquera outra, que é a nosa e que, por selo, merece todo o noso respecto e cariño. E que ese respecto e cariño non deben ficar nas palabras.

 Pesqueiro Ardora II, clic para aumentar
A maior visibilidade externa da nosa cultura faría que máis probabelmente as persoas que se achegasen ao noso país, e especialmente as inmigrantes, tivesen un maior coñecemento previo das nosas singularidades e, até, un maior interese nelas e no aprofundamento do seu coñecemento. (Ilustración: Figura cerámica de Sargadelos representando ao pesqueiro Ardora).
 

II. Para que?

Nos últimos tempos comeza a ouvirse falar na necesidade de exportarmos a cultura galega, de facermos visíbeis as nosas singularidades no plano externo, chegándose mesmo a suxerir que aos poderes públicos galegos debería corresponder un papel importante neste labor. Podería pensarse que se trata dunha reivindicación proveniente dalgunha selecta elite de persoas que producen ou consumen cultura galega, desexosas de que sexan investidos fondos públicos que satisfagan os seus sofisticados e postmaterialistas intereses particulares. No entanto, o certo é que a proxección internacional da cultura galega, de ser ben feita, debería traducirse en proveitos prácticos de primeira orde para o noso país e todas as súas xentes, sen excepción. A clarificar e razoar, burdamente, algúns destes beneficios dedicaremos os próximos parágrafos.

En primeiro lugar, a proxección exterior da cultura galega debería aumentar o nivel de vendas da produción cultural galega, pois implicaría:

a) Dar a coñecer o produto cultural galego, incluíndoo entre as opcións de compra do público internacional. Téñase en conta que non se pode comprar aquilo que non se sabe que existe.

b) Facilitar o acceso á produción cultural galega a través de Internet, de feiras internacionais, de eventuais delegacións culturais…

c) Prestixiar e valorizar a produción cultural galega. Algo que xa non só influiría positivamente na cantidade de produción vendida, senón tamén nos prezos a que podería ser alleada.

Deste modo estarían aumentando os ingresos económicos na Galiza e, ao tempo, tamén se xeraría emprego: nuns casos por necesidade de aumentar a produción para facer fronte á maior demanda; noutros casos porque persoas que até a altura debían desenvolver traballos paralelos para subsistiren (algo habitual no tecido produtivo cultural galego), poderían agora dedicarse en exclusiva a producir cultura na medida en que o aumento da demanda significase un crecemento suficiente de ingresos, de modo que deixarían eses postos de traballo paralelos libres para outras persoas.

En segundo lugar, a internacionalización da cultura galega tamén axudaría á convivencia harmónica entre as persoas que habitan no noso país. E isto de dous modos diferentes. Dun lado, o aumento de transaccións económicas e riqueza a que daría lugar o crecemento das vendas de produtos culturais galegos debería envolver, en parte, un aumento da recadación dos poderes públicos galegos, o que lles atribuiría unha maior capacidade para obraren unha redistribución mitigadora das diferenzas socioeconómicas existentes entre as xentes galegas. Doutro lado, a maior visibilidade externa da nosa cultura faría que máis probabelmente as persoas que se achegasen ao noso país, e especialmente as inmigrantes, tivesen un maior coñecemento previo das nosas singularidades e, até, un maior interese nelas e no aprofundamento do seu coñecemento. Lévese en conta, por exemplo, e isto coñézoo de moi primeira man, están a chegar estudantes universitarios Erasmus pensando que poderán, na Galiza, asistir con asiduidade a touradas e espectáculos de música flamenta!

Finalmente, a exportación de cultura galega debería garantir a sobrevivencia da mesma. Algo importante na medida en que consideremos que a maior riqueza cultural universal aumenta as posibilidades de os seres humanos seren felices, e na medida en que consideremos que cada pobo ten a obriga moral de velar pola sobrevivencia da súa cultura singular e, por tanto, do seu contributo específico á tal riqueza cultural e posibilidades de felicidade dos seres humanos que compartillamos o planeta.

Así pois, a proxección exterior da cultura galega, de ser ben feita, debería supor beneficios para todas e todos, de modo máis ou menos directo, polo que a todas as persoas da Galiza preocupar e interesar.

 Rosalía e Cela, clic para aumentar
Non toda a cultura producida na Galiza constitúe propiamente cultura galega. Para que os proveitos da internacionalización cultural galega, que eran vistos na segunda parte desta serie de artigos, se centren no país galego, será preciso priorizar a cultura propiamente galega, por ser máis facilmente identificábel co noso territorio, a nosa xente, o noso pobo. Só deste modo, os beneficios esperábeis farán que mereza a pena o esforzo internacionalizador. (Ilustración: Montaxe a partir dunha foto de Rosalía de Castro e unha caricatura de Camilo José Cela publicada na revista El Cultural do 19/01/2002).
 

III. Que é cultura galega?

Sendo este o último artigo dunha serie de tres, estímase conveniente rever, moi brevemente, o contido dos anteriores.

No primeiro, abordábase a ligazón existente entre as dimensións interna e externa da cultura galega a efectos de proxección internacional, postulando que se a sociedade galega e as súas institucións non fan ver que queren e valoran as súas propias manifestacións culturais (dimensión interna), estas probabelmente perdan valor perante o resto do mundo (dimensión externa) sendo, pois, máis difícil vender cultura galega fóra.

No segundo, tentábase expor por que motivos resulta interesante a internacionalización da cultura galega, chegando a aseverar que, no mínimo, existían tres boas razóns, pois da tal internacionalización debería derivarse: o fortalecemento do tecido interno cultural galego e, por tanto, o seu avigoramento e dinamización; un crecemento económico no ámbito propiamente cultural (e non só); e, finalmente, unha maior cohesión social.

Neste último artigo, verase que os positivos efectos que vimos de lembrar, que xustifican e até recomendan un esforzo colectivo, público e privado, na proxección exterior da cultura galega; esixen definirmos e delimitarmos o contido do concepto cultura galega. Por que? Porque se os produtos exportados non se identifican de maneira específica co país, os eventuais beneficios da súa proxección tampouco redundarán de maneira exclusiva no propio país. Algo que non parece demasiado adecuado se temos en conta que se está a colocar a hipótese dun esforzo proxectador meramente galego (e non hai razóns para pensarmos que outros vaian facer ese esforzo por nós).

Así, será necesario que os produtos que incluamos no concepto "cultura galega" sexan susceptíbeis de seren identificados co país, coa Galiza, para que o esforzo investido polas xentes e institucións galegas rinda beneficios a esas mesmas xentes e institucións, de modo que redunde nunha mellora da súa cualidade de vida.

A chave, desde este punto de vista, está en conseguirmos unha definición de cultura galega que remita para produtos culturais que se poidan identificar coa Galiza de modo máis ou menos exclusivo. Definición que só debería ficar estabelecida após un aberto debate. Con todo, permítase que se avance desde este artigo xa unha modesta proposta aínda non completamente desenvolvida ou operacionalizada, como dirían os colegas do gremio politolóxico, e aínda outros. Cultura galega podería ser: o conxunto de produtos culturais que gozan de profundo enraizamento histórico no pobo galego ou que, sendo novos ou de difícil ligazón a pobo ningún, constitúen contributos singulares da Galiza para o patrimonio cultural universal.

Exemplos de produtos profundamente enraizados na historia do pobo galego poderían ser as cantigas medievais ou a obra de Rosalía de Castro, as músicas chamadas tradicionais galegas, os muíños e mosteiros, etc. Exemplos de produtos novos singulares poderían ser músicas actuais, de orixe non galega, mais cantadas en lingua galega, verbi gratia. Deste modo, os Tamara (pop) ou Astarot (rock) farían parte da cultura galega. Finalmente, segundo a definición de cultura galega utilizada no parágrafo anterior, deberíamos incluír tamén aquelas creacións que pola súa natureza carecen ou poden carecer de ligazón a pobo ningún (pinturas, fotografías, esculturas, etc.), sendo nestes casos a orixe do autor ou autora o criterio considerado determinante.

Con esta definición de cultura galega, ficarían excluídas, póñase por caso, bandas de música pop en castelán ou inglés (a non ser que incluísen algún elemento singular sistemático, como a gaita galega), escritores galegos en lingua castelá, etc. Este tipo de manifestacións culturais, que son absolutamente valiosas e enriquecedoras, insérense na cultura española ou mesmo noutras; quere dicir, son identificadas prioritariamente con estas culturas no plano internacional, e estas xa dispoñen das súas propias institucións e mecanismos de promoción externa. Alén diso, os eventuais beneficios derivados do esforzo realizado para a súa internacionalización beneficiarían aos territorios cos que se identifiquen esas culturas, polo que non semella razoábel que o groso dese esforzo sexa asumido polas xentes galegas. Por iso é que se suxire, desde este artigo, que o intento de internacionalización levado adiante desde a sociedade civil e institucións galegas se centre na cultura galega.

En conclusión, internacionalizar a cultura galega constitúe un obxectivo que debería ser prioritario para a sociedade galega e as súas institucións, vistos os interesantísimos beneficios materiais e inmateriais que cabería agardar. Proveitos que, ademais, non beneficiarían unha minoría, senón o conxunto da sociedade galega. Isto fai recomendábel a realización dun esforzo colectivo, que debería ser guiado desde o poder público galego, e concretamente desde a Consellaría de Cultura e Deporte, para a proxección, esencialmente, daqueles produtos culturais susceptíbeis de seren identificados coa Galiza, quere dicir, da cultura galega.