20080612 mullingar cartel vote non

Irlanda di non, Europa frea

 Cartel pedindo o non no referendo irlandés; clic para aumentar
A Constitución Irlandesa obrigaba a convocar un referendo sobre o Tratado de Lisboa, o acordo que tiña que servir para recuperar a senda da reconstrución europea, enchendo o oco deixado polo chamado Tratado Constitucional, tumbado por sendos referendos en Francia e Holanda no 2005. O 12 de xuño pasado, os irlandeses dixeron non ao novo tratado, que, como o anterior, tentaba dar maior viabilidade operativa a unha organización política e económica que abrangue 27 estados. (Foto: Cartel nunha rúa de Mullingar pedindo o non ao Tratado de Lisboa no referendo irlandés do 12 de xuño de 2008).
 

Tiven o privilexio de coñecer Irlanda en 1963, cando era un adolescente. O Eire era un país illado, cunha renda per cápita similar á española, que aínda sufría a tutela da ex metrópoli, o Reino Unido, da que se separara definitivamente en 1949. Daquela, a libra irlandesa estaba vencellada á inglesa, que circulaba en Irlanda con normalidade, e as costas eran vixiladas pola Royal Navy, xa que o país non dispoña de forzas navais.

Moito ten cambiado a República de Irlanda. O feito decisivo ocurriu dez anos despois daquela primeira visita, cando o país se incorporou á Unión Europea. Dende entón non parou de medrar, axudada polo acceso ao gran Mercado Común, polos 40.000 millóns de euros de axudas comunitarias e pola afluencia contínua de capitais norteamericanos, atraídos por unha agresiva política fiscal e apoiados nas relacións privilexiadas coa extensa e poderosa colonia irlandesa dos EEUU. Irlanda aproveitou a oportunidade, ata o punto de que hoxe ten unha das rendas per cápita máis altas do mundo, superior á do Reino Unido, o Estado veciño no que estivo incorporada e no que fora perenne exemplo de atraso endémico.

Pero isto de ser rico incentiva a defensa dos privilexios. A Constitución Irlandesa obrigaba a convocar un referendo sobre o Tratado de Lisboa, o acordo que tiña que servir para recuperar a senda da reconstrución europea, enchendo o oco deixado polo chamado Tratado Constitucional, tumbado por sendos referendos en Francia e Holanda no 2005. O 12 de xuño pasado, os irlandeses dixeron non ao novo tratado, que, como o anterior, tentaba dar maior viabilidade operativa a unha organización política e económica que abrangue 27 estados.

Un dos elementos básicos da estrutura institucional que procura a UE é o aumento dos temas nos que se poden tomar decisións por maioría, para, sen deixar de esixirse amplos consensos, evitar que o dereito de veto dos Estados bloquee a cotío o seu funcionamento. Este foi un elemento central da oposición ao Tratado que deu pé ao seu rexeite polo electorado, que desexa que Irlanda (4 millóns de habitantes sobre un total de 500 na UE) poda seguir a ter un xeneroso dereito de veto en defensa dos seus intereses. Había outros temas, como a perda dun comisario fixo ou o menor número de votos no Consello, inevitábeis para facer operativas as institucións comúns. A todo iso xuntáronse as campañas de pequenos partidos situados fóra do sistema que esgrimían razóns diversas, de índole ecolóxica ou de defensa dos traballadores ante unha Europa percibida como excesivamente liberal.

A solución ao desafío de Irlanda vai requerir moito traballo á presidencia francesa que comenza en xullo, ademáis de que, como mínimo, vai adiar a aprobación do Tratado de Lisboa. Pero, independentemente das solucións que se adopten, o non irlandés amosa o pouco espirito europeista dos pobos europeos, cando se someten a campañas que aparentan defender intereses nacionais, e demanda unha reflexión seria sobre a desconexión entre a UE e os seus cidadáns.