¿Israel en Europa?

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego

A carreira electoral xa comezou en Israel, nada estraño se temos en conta que os comicios están programados para principios do próximo ano. O que si pode sorprender é que nesta ocasión os contendentes principais non parecen ser os tradicionais partidos políticos como o Laborista ou o Likud, se non que a loita é dentro mesmo deste último que está á busca dun candidato gañador. O laborismo perdeu postos ata límites insospeitados despois da súa ruptura interna as pasadas eleccións e da falta actual dunha cabeza carismática que se erixa en líder. Isto provoca que a atención se centre na pugna interior do Likud.

O actual Primeiro Ministro, Ariel Sharon, chamou, nunha acción desesperada para manter con vida o seu goberno, ó seu contrincante natural dentro do partido, Benjamin Netaniahu, para ocupar a carteira de exteriores; dende ese posto, Netaniahu está a lanzar o seu asalto particular para conseguir a candidatura polo Likud para volver a facerse cargo do goberno israelí a partires de Febreiro do 2003.

Mentres, a situación con Palestina non parece mellorar, e, moi ao contrario, nesa loita semella que o mostrarse máis duro e inflexible cos palestinos, suma puntos para a gran final do vindeiro ano. O Primeiro Ministro Sharon trata de facer crer que mudou de opinión sobre o Presidente Arafat, quen despois do acoso e sufrimento dos últimos tempos ven de atopar unha nova pedra no seu zapato pois agora ten ó seu maior opositor no novo ministro de exteriores.

O caso é que ninguén propón, na súa recén comezada campaña, un plan de paz cos palestinos capaz de sacar o proceso da vía morta na que leva instalado dende hai xa dous anos e nin unha soa opción se encamiña a atopar a paz. Ariel Sharon soamente pensa na opresión e no derrube definitivo do pobo palestino a través de seguir fomentando a súa política de asentamentos e colonialismo ademais de continuar co terrorismo de Estado, tan denunciado internacionalmente, e planificado e executado co visto e prace dos Estados Unidos.

Benjamin Netaniahu non anuncia unha política moi distante da do seu compañeiro de partido como xa tivo ocasión de demostrar cando ocupou anteriormente o cargo de Primeiro Ministro; pero acaba de sorprender a propios e estranos co seu recente acercamento cara a Unión Europea.

Non cabe dúbida que a relación entre Israel e a UE non deixa de ser polémica en moitos aspectos: mentres a UE participa nas negociacións de paz como mediador e valedor da causa palestina, é un dos principais socios comerciais de Israel; e o tempo que a UE é relegada a un segundo plano na súa política exterior en Oriente Medio a favor dos Estados Unidos, fírmase no ano 2000 un acordo de asociación entre as dúas entidades políticas, UE-Israel. Nese marco de relación desigual chega agora como última nova o desexo de Netaniahu de integrar no menor tempo posible a Israel como un membro máis da UE.

Europa terá que marcar os seus límites nalgures porque unha cousa é integrar os países do leste e outra ben distinta dar cabida e paso a todo o que baseándose nunha suposta vinculación territorial ou civilizacional, así o solicite; porque si Turquía é membro da Otan non podemos esquecer que Israel participa ano tras ano no festival de Eurovisión como un integrante europeo de pleno dereito máis.

Israel a diferencia de moitos países do leste en "lista de espera" cumpre coas condicións económicas, de desenvolvemento e de nivel de vida necesarios para presentar a súa candidatura pero ¿poderá Europa esquecer a súa situación territorial? e o que importa máis ¿poderá Europa obviar os requisitos democráticos, de respecto polos dereitos humanos e pola paz?

Quizáis en cambio si os políticos europeos soubesen utilizar nun futuro esta posible opción como baza diplomática ou como moeda de cambio, esta podería ser a pedra de toque que situase dunha vez por todas a política exterior europea na categoría que merece, á vez que abriría as portas a un posible acordo de paz estable, xusto e definitivo entre as partes, auspiciado por Europa que ten o privilexio de querer vivir en paz e rexeitar toda clase de violencia.

Pero aínda cabe preguntarse que dirán de todo isto os Estados Unidos que de momento e no Oriente Medio teñen moito que engadir, e a cidadanía israelí que se pronunciará proximamente nas urnas.