Dende que se está a falar da posibilidade máis que real de que EEUU desencadee unha nova guerra contra Iraq, parece que nos esquecemos de que todo Oriente Medio é un taboleiro de xogo de xadrez donde calquera movemento de peza comporta irremediablemente consecuencias de posicionamento para as demais.
Nesta partida, as pezas brancas as manexan EEUU con alianza incondicional de Gran Bretaña e o respaldo "condicional" de Israel; pero as pezas negras, nesta ocasión, non son exclusivas de Iraq se non que inclúen e incluirán a todo aquel que se interpoña nos intereses dos Aliados.
A diferencia máis notable entre os posicionamentos actuais e os da Guerra do Golfo de 1991 é que Israel está disposta a entrar activamente na contenda. É máis, dende o principio chama a atención a coalición formada en Israel, tanto polas pombas do laborismo como polos falcóns do Likud, a favor da guerra.
É certo tamén, que a tendencia dos dous principais partidos políticos respecto da cuestión palestina non distan moito na súa base nin nos seus principios, pero as súas actuacións diferían notablemente e se diferenciaban case sempre pola case-diplomacia de uns (as pombas querían conseguir os seus fins a través de acordos e tratados que por moi prexudiciais que fosen para os palestinos outorgaban certa lexitimidade) e a brutalidade dos outros (os falcóns actuaron sempre pola forza e pola imposición militar).
A situación que se aveciña é diametralmente oposta á que se atopa agora mesmo nesa zona do mundo. Todas as forzas vivas israelís ven a posibilidade de terminar de xeito definitivo con esta cuestión tan farragosa para eles como é a reivindicación dun Estado Palestino independente e soberano, xa que en tempo de guerra todo é posible. De aí que Israel ó completo (goberno, oposición e mesmo a sociedade no seu conxunto) sexa un dos principais alentadores dos EEUU; porque para conseguir ese fin é necesario unha solución política que pasa por un cambio estratéxico en Oriente Medio que soamente pode proporcionar de xeito inmediato o uso da forza militar por parte dos EEUU.
Quere isto dicir en primeiro termo que EEUU non intervirá en Iraq coa idea "altruista" de derrocar ó actual réxime de Sadam Husein e restaurar a democracia, se non que os intereses van máis alá, dende os puramente económicos ata os xeoestratéxicos que incluirían a cuestión da dependencia enerxética dos EEUU e para acadar eses obxectivos, tal e como se fixera xa trala I e II Guerra Mundial, haberá que garanti-la dominación e influencia en toda a zona para o que é necesario unha reestructuración do espacio, é dicir, do territorio e dos Estados Nación establecidos no século pasado.
Esta será, por tanto, a situación máis favorable que atope o Estado israelí, dende a súa creación en 1948, para dar un xiro radical á actual situación de conflicto que se vive entre israelís e palestinos.
A idea principal de Israel radica en que unha comezada a guerra se poidan abrir dúas frontes. A primeira delas tería como escenario a totalidade da extensión de Iraq e a segunda produciríase nos Territorios Ocupados palestinos. O obxectivo que o Primeiro Ministro israelí, Ariel Sharon, leva perseguindo dende a década dos 80, aniquilar (ben política ou fisicamente) a Iasser Arafat, podería facerse realidade sen moita condena internacional si se producise en medio da contenda bélica. Ao mesmo tempo, as tropas israelís acabarían por ocupar Gaza e Cisxordania, convertendo así o territorio do actualmente "imposible Estado Palestino" en cantóns de reducido tamaño, illados entre eles, tomados militarmente e valeirados literalmente de calquera oposición. A clase dirixente palestina tería que voltar forzosamente ó exilio mentres que a maioría da poboación que agora ocupa a zona sería "transferida" a outros Estados limítrofes no que se convertiría nunha nova oleada de refuxiados como xa sucedera tralo fin da Guerra de 1967.
O que aquí se resume en tres simples pinceladas e a grandes trazos é un plan israelí ben estudiado e avaliado por EEUU que podería en pouco tempo comezar a facerse realidade. Cando hoxendía nos alporizamos ó comprobar, a través da historia, as atrocidades que as potencias occidentais cometeron en nome do progreso e da cultura durante a súa etapa colonial, non será nada cando dentro doutro século a historia refira os acontecementos desta etapa.