11S: o mundo árabe un ano despois

Apartados xeográficos Estados Unidos ARQUIVO
Idiomas Galego

Dende o 11 de Setembro do 2001 semella que toda a actualidade internacional experimentou unha volta e que despois da atribución dos ataques terroristas nos Estados Unidos ó grupo Al-Qaeda, financiado, integrado e dirixido por árabes e islamistas, toda a política internacional e sobre todo o interese mediático se viorou cara ós países árabes.

A marxe deste acontecemento que tanto alporizou o mundo, a política internacional xa dera un considerable xiro coa fin da Guerra Fría e ante a necesidade de buscar un inimigo potencial a fin de configurar unha nova orde internacional. Na rexión árabe pode dicirse que se produciron cambios a raíz do 11-S pero non tan significativos como para alterar a nova orde mundial establecida nesa zona do mundo coa Guerra do Golfo. Non penetraron novos actores, nin se estableceron novas alianzas, nin regras de xogo,… ó contrario do que pode parecer o 11-S serviu para dar un paso atrás na política internacional e baixo a batuta dos Estados Unidos retomar a tendencia dun mundo polarizado e dividido en bloques, a aposta da política exterior republicana dos Bush.

A pesar disto, a influencia do 11-S no mundo árabe non deixou de axilizar dinámicas xa existentes na zona pero que se ralentizaran debido á diferencia que marcou a política demócrata de Bill Clinton durante os seus oitos anos de mandato. As cuestións máis relevantes e consecuencia directa foron a guerra de Afganistán, o posicionamento israelí fronte a cuestión palestina e a cuestión dun cambio forzoso de goberno en Iraq.

A guerra con Afganistán significou un alineamento a nivel mundial cos Estados Unidos; incluso por parte dos Países Árabes non houbo maior reparo que as advertencias a que este contencioso non se estendese a outros países como podería ser Iraq. A guerra propiciou un cambio profundo na política afgana e no seu goberno que non afecta tanto á poboación, que segue a vivir na mesma situación precaria e mísera, como a posición occidental na zona que se reafirma e gaña tantos fronte os seus sempiternos competidores, China e Rusia, en busca sempre do control enerxético mundial a través de múltiples inxerencias nas políticas locais. O papel de pacificador, mediador e padriño en Afganistán producirá enormes beneficios xeoestratéxicos para Occidente (créase un novo Estado tapón entre os bloques) e económicos para as empresas americanas e europeas que puxaban polo tesouro do Caspio (petróleo e gas natural).

O recrudecemento do conflicto palestino-israelí é a peor consecuencia deste novo clima internacional de loita contra o terrorismo froito da "carta branca" outorgada por Bush a todo aquel que quixera unirse á cruzada. Os esforzos que as distintas Administracións norteamericanas, europeas e israelís fixeran nos últimos anos para chegar a unha posible saída ó conflicto, entraron en vía morta coa chegada ó poder do Primeiro Ministro israelí, Ariel Sharon, e estouparon a partires do 11-S. A política de pacificación mudou por unha política israelí de agresión, violencia, e falta de respecto ós dereitos humanos. Israel se ocupou, coa compracencia dos Estados Unidos, de desacreditar a ANP (Autoridade Nacional Palestina) e humillar ó seu líder, Iasser Arafat, diante de toda a opinión pública internacional para despois dar renda solta a unha política de reocupación militar dos territorios e represión brutal de toda a poboación que xa ninguén máis que o propio goberno israelí pode solventar para chegar a un novo punto de inflexión semellante ó acadado durante a década dos 90.

Este é un dos factores que no mundo árabe crea resentimento contra Occidente e provoca alteracións na resistencia árabe que poden chegar a xerar, como xa pasou no 11-S, tensións que se liberan por medio do odio reflectido en ataques terroristas. En cambio, un ano despois do 11-S, dende os Estados Unidos se aposta por non acadar un statu-quo ata que a súa preeminencia na rexión sexa absoluta pese ás consecuencias que poida acarrexar; e ese floco solto chámase Iraq.

Estamos a vivir estes días un tira e afrouxa da Administración Bush en diversos escenarios: primeiro de todo con ela mesma xa que non todos os compoñentes do seu gabinete apoian cegamente ó Presidente (caso do Secretario de Estado, Collin Powell); segundo, co seu Congreso e Senado que esixen probas da construcción de armas nucleares, químicas ou bacteriolóxicas por parte de Iraq para autorizar un ataque; e terceiro, os recelos tanto das Nacións Unidas como de Europa na que nalgúns casos, como Alemaña e Francia, existe unha oposición manifesta. Pero ninguén dubida que se a intención de Bush é crear un réxime afín en Bagdad, así será.

Con este cambio en Iraq, atopariamos un Oriente Medio totalmente baixo a tutela americana e aínda que nalgúns países non é de todo ben vista esta situación, mentres os axude a manter as súas oligarquías, os seus reximes de corrupción e represión, non darán renda solta ó seu descontento. Os Estados Unidos tan só deben ter en conta que neste puzzle existe un talón de Aquiles que pode desbaratar toda a súa estratexia loxística: a necesidade dun Estado Palestino soberano.