Memoria polaca

Conforme se aproxima o décimo aniversario da caída do muro de Berlín, avanzan os preparativos para conmemorar tan transcendental data; especialmente na Alemaña, que a pesar do controvertido resultado do proceso de unificación, engrandecerá a efémeride, capitalizando simbólicamente a fin da guerra fría e da Europa bipolar. Mil e un actos se anuncian para lembrarnos a todos que a ameaza nuclear que planeaba sobre todo o continente esfumouse dun día para outro, como por arte de maxia, sen darnos tempo sequera a interiorizar a transcendencia e significado do novo estado de cousas. É lastimoso sen embargo que ata agora ninguén se lembrara minimamente do papel de Polonia naqueles acontecementos de hai dez anos. Sen as fendas abertas na patria de Chopin, dificilmente caería o muro en Berlín.

Foi a Polonia de Jaruzelski quen forzou a apertura da caixa dos tronos nun ano que comezaba coa posta en marcha dunha "mesa redonda" na que sentarían goberno e oposición arredor dun mesmo debate (un ano máis tarde as mesas redondas reproduciríanse na practica totalidade dos países do Leste, incluída Alemaña oriental). Foi en Polonia onde por primeira vez nun país da Europa sovietizada admitíase o pluralismo sindical legalizando a Solidarnosc de Lech Walesa. Tamén foi en Polonia onde se celebraron as primeiras eleccións pluralistas que en xuño otorgaban un aplastante trunfo ós candidatos dos Comités Cívicos, afins a Solidarnosc. Nun agosto como este, Tadeusz Mazowiecki, un socialcristián, converteriase no primeiro gobernante non comunista dun país do Pacto de Varsovia.

Mentres outros líderes da Europa do Leste botaban as mans á cabeza, Guennadi Guerasimov, portavoz da perestroika, anunciaba o fin da "era Breznev" e da soberanía limitada para dar paso a que baptizou como "era Sinatra" (cada país á súa maneira). Polonia foi, como recoñece o propio Gorbachov nas súas Memorias, o primeiro "campo de probas", modelo para ben (transición pacífica) e para mal (terapia de choque que provocou un drástico empioramento da situación económica e social) e hoxe é o único de todos aqueles países da outra Europa que ten un PIB superior ó de 1989.

As relacións de Galicia con Polonia son aínda escasas pero prometedoras. Existen factores culturais (a Galiztia polaca, a influencia católica, etc) que poden favorecer a aproximación. A súa ubicación no centro do continente fai dela unha ponte inevitable para calquer estratexia de penetración nos difíciles mercados da Europa oriental, báltica e nos demáis países europeos da antiga URSS.