Mesa para seis


 Diálogo hexagonal sobre Corea do Norte en Beijing, clic para aumentar
Estará disposto Pyongyang a abandonar agora as armas nucleares? Haberá encontro bilateral de Corea do Norte con Xapón, o máis severo na imposición de sancións? Ata onde cederá Washington para acadar un acordo? A volta ao diálogo é unha boa noticia, pero as expectativas de obtención de resultados concretos non son moi optimistas. (Foto: Diálogo hexagonal sobre Corea do Norte en Beijing. De esquerda a dereita, Sergey Ravoz (Rusia), Kim Kye-gwan (Corea do Norte), Chun Yung-woo (Corea do Sur), Kenichiro Sasae (Xapón), Christopher Hill (EEUU) e Wu Dawei (China)).
 

Esta semana se retoma na capital chinesa o diálogo hexagonal sobre Corea do Norte. Despois dun ano de estancamento, as seis partes (as dúas Coreas máis Xapón, Rusia, EEUU e China) regresan á mesa de negociacións para iniciar o que será a quinta rolda de conversas cun único asunto na orde do día: a aplicación da Declaración Conxunta aprobada o 19 de setembro do ano pasado coa que culminou a cuarta rolda. Desde 2003, cando deu comezo este diálogo, ata hoxe, a evolución do contencioso tivo os seus máis e os seus menos, se ben coidando sempre de que as altisonantes declaracións de uns e outros non afectasen ao mantemento do statu quo xeral. Non obstante, o ensaio nuclear realizado por Pyongyang en outubro pasado complica seriamente a situación.

China, consciente dos efectos que lle podería deparar unha crise incontrolada na zona, actuou sempre como impulsora e árbitro das conversas. Pese a todo, nesta nova rolda afronta un reto difícil pois está en xogo a propia credibilidade da vía diplomática para que non todo se quede en falar por falar e se dean pasos significativos cara a desnuclearización da península coreana. Rusia apoia os esforzos chineses. Corea do Sur debátese entre a fidelidade a EEUU e uns intereses nacionais que reclaman o entendemento co Norte, sempre complexo. Xapón endureceu a súa postura, a sabendas de que un escenario belixerante favorece os propósitos “emancipadores” de Shinzo Abe. Na Declaración Conxunta, Corea do Norte comprometeuse a descartar toda intención de posuír armas nucleares, a renunciar ao actual programa nuclear e a aceptar a supervisión da AIEA. EEUU, pola súa banda, confirmaba que non tiña armas nucleares no Sur da península nin tampouco intención de atacar ou invadir o Norte.

Pero estará disposto Pyongyang a abandonar agora as armas nucleares? Haberá encontro bilateral de Corea do Norte con Xapón, o máis severo na imposición de sancións? Ata onde cederá Washington para acadar un acordo? A volta ao diálogo é unha boa noticia, pero as expectativas de obtención de resultados concretos non son moi optimistas. Oficialmente, ninguén quixo poñer data á conclusión destas conversas. Segundo Qin Gang, portavoz de exteriores chinés, “a duración dependerá do seu desenvolvemento”. Máis incerteza non se pode pedir.