O próximo 22 de abril os montenegrinos están convocados ás urnas nunhas eleccións lexislativas anticipadas, o primeiro round dun combate político decisivo no que partidarios e detractores da independencia medirán as dúas forzas. O actual Parlamento, elixido en maio de 1998, puido rematar a tempo a aprobación da lei sobre o referendo. No decurso do debate parlamentario quedou en evidencia a total e absoluta oposición do Partido Socialista Popular e do Partido Popular ás tentativas secesionistas de Milo Djukanovic, o actual Presidente da República.
A cuestión da independencia divide profundamente ao país. En xaneiro de 2000, un 42 por cento dos montenegrinos interrogados eran partidarios dela, mentres que un 40 por cento se opoñían. Outras fontes falan de que en tres anos o apoio popular á independencia pasou do 25 ao 57 por cento. Nas eleccións municipais de xuño de 2000, a alianza Vivir Mellor de Djukanovic superaba a barreira do 50 por cento na capital, pero en Herceg Novi, na costa, o bloque rival Iugoslavia-Momir Boulatovic do entón primeiro ministro federal, orixinario de Montenegro e partidario de Milosevic, resultaba vencedor. Djukanovic gañou as presidenciais de 1997 gracias ao apoio das minorías albanesa e musulmana que representan o 21 por cento da poboación de Montenegro.
En 1999, o presidente montenegrino Milo Djukanovic anunciaba a próxima celebración dun referendo sobre a independencia da súa República. En xaneiro de 2000 calificaba, sen embargo, esa mesma iniciativa de prematura e amósabase disposto a negociar con Belgrado (Milosevic) unha saída á crise da Federación. Nese cambio de criterio pesaron entón as presións de Washington e Bruxelas para que contribuíse coa súa permanencia no seo da Federación a unha democratización en Serbia. A cambio, recibiu un xeneroso financiamento (18 millóns de dólares o pasado ano, 55 millóns no último bienio) que segundo as forzas da oposición foi malversado polos seus partidarios.
A saída de Milosevic do poder en Belgrado non mellorou substancialmente as relacións bilaterais. As diferencias entre ambas Repúblicas son importantes. Serbia é 17 veces máis grande que Montenegro. Son realidades ben coñecidas. Pero a nova situación dos Balcáns e o relevo na administración norteamericana poden facer fracasar as expectativas independentistas de Djukanovic. O calendario presidencial debía ser o seguinte: eleccións lexislativas anticipadas en abril, referendo en xuño. Pero de Bruxelas a Washington, a mensaxe é outra: deben atopar unha solución no marco federal para organizar a súa convivencia. Na súa recente visita a Estados Unidos, Djukanovic non foi recibido nin por Bush nin por Colin Powell.
O Partido Democrático dos Socialistas (DPS), é a principal forza do país e parte novamente como favorito. No seu seo, algúns observadores aventuran unha próxima ruptura liderada polo actual Presidente do Parlamento, Svetozar Marovic, máis partidario da idea de establecer un novo compromiso con Serbia que da independencia. O DPS rexeitou a proposta de alianza electoral prantexada polo Partido Socialdemócrata (SDP). En opinión de Rifat Rastoder, vicepresidente do Parlamento e pertencente a esta formación, iso obrigará a incrementar a competencia entre os partidarios da independencia, pero dende o DPS afirmase que ese tirón aportará máis participación e maior número de votos. Da mesma opinión é a Alianza Liberal.
No outro extremo do escenario político montenegrino estaría o Partido Socialista Popular (SNP), moi fragmentado internamente. Momir Bulatovic, exprimeiro ministro iugoslavo, mesmo podería fundar un novo partido para concorrer ás eleccións. O Partido Popular, tradicional aliado do SNP, desmarcase agora dos máis firmes valdedores de Milosevic na República. Cada quen, pois, por libre, e logo xa veremos que pasa. Ambos os dous partidos preanuncian o boicot ao referendo sobre a independencia de Montenegro previsto para xuño.