Níxer, o mercado da fame

Apartados xeográficos África ARQUIVO
Idiomas Galego

 Centro Médicos sin Fronteras en Maradi, clic para aumentar
Miles de nenos morreron, mesmo nos centros de nutrición, aínda que, tal e como relata o informe 2006 de Anmistía Internacional, nunca se deron datos da desfeita, pois Mamadou Karijo, presidente en democracia, sempre se ocupou máis de ocultar as vergoñas do país e de defender a súa xestión do déficit público perante os depredadores do FMI que de alimentar aos seus gobernados. (Foto: Nais cos seus nenos, enfermos e subalimentados, nun centro de alimentación de Médicos sen Fronteiras en Maradi, Níxer, o 30 de xullo de 2005. ©Michael Kamber).
 

Níxer é o país máis pobre do mundo. Mellor, o máis miserento, pois non estamos a falar da súa extensión, nin das súas reservas de uranio, que por certo son moitísimas, nin do petróleo que están a descubrir no norte do país. Ese desértico estado do Sáhel africano, terra maldita, ocupa este ano o derradeiro lugar (177) na clasificación que elabora o PNUD segundo o Índice de Desenvolvemento Humano (IDH), que se fai medindo parámetros como a esperanza de vida, a mortalidade infantil, as taxas de escolarización e alfabetización e o PIB por habitante.

Níxer sempre andou polo fondo desa dolorosa listaxe, como os outros 29 países africanos que se fan sitio entre os 32 máis desgrazados do orbe, pero as consecuencias da grave crise alimentaria acontecida o ano pasado, aquela que só nos deixaron ver cando o tsunami asiático perdeu interese mediático, relegaron ao país a ese lugar de onde xa non se pode caer, salvo á extinción da vida.

Un ano antes da fame grande de 2005 moitas ONG xa advertiran á ONU do desastre que viría logo de sufriren unha terríbel seca e unha praga de lagostas que esnaquizou o reducido agro nixerino (15% da terra cultivábel). Só cando as imaxes de centos de nenos inertes de face desorbitada e corpos chuchados ata o inimaxinábel saíron nas televisións do mundo a comunidade internacional reaccionou para achegar, en febles pingueiras, os 13 millóns de euros necesarios para alimentar urxentemente a 3,2 millóns de nixerinos en risco. Foron moi lentos. A un mes do desesperado chamamento das axencias só chegaran ao país 3,8 millóns. E se á malnutrición severa –un de cada catro menores de 5 anos morre, o que equivale a 160.000 ao mes– lle engadimos a indiferenza mundial, pois xa sabemos o que pasa.

Miles de nenos morreron, mesmo nos centros de nutrición, aínda que, tal e como relata o informe 2006 de Anmistía Internacional, nunca se deron datos da desfeita, pois Mamadou Karijo, presidente en democracia, sempre se ocupou máis de ocultar as vergoñas do país e de defender a súa xestión do déficit público perante os depredadores do FMI que de alimentar aos seus gobernados.

É certo que as causas destes crónicos andazos de fame dos países do Sáhel, dende Níxer a Malí, Mauritania, Chad ou Burkina Faso, teñen moito de estruturais. Níxer é un país ermo, ateigado de nómades, con pouca educación, mesmo no eido alimentario e sanitario, onde non hai electricidade, nin auga, nin seguridade social e no que só se atopa un médico por cada 33.000 habitantes. Porén, non son poucos os que afirman que o problema non é a falta de comida, senón que a meirande parte da poboación é tan pobre que non ten con que mercala e, xa que logo, en momentos de crise a súa capacidade de resposta e nula.

Ao cabo sempre chegamos ao mesmo: o mercado, o neoliberalismo. Níxer ten o peor IDH do mundo e gasta máis en pagar a débeda externa que en educación e saúde. Cando os alimentos se esgotan as familias venden o que teñen para os mercar, mesmo o gando, que polas leis dese mercado rexido pola oferta e a demanda e non polas necesidades da poboación, hoxe non vale ren, mentres que o prezo da comida se disparou. Nese miserento país a sanidade é de pago: unha consulta costa 75 céntimos e un parto seguro 10 euros. E todo grazas ás políticas de axustamento estrutural do FMI e o Banco Mundial, esas polas que hai que reducir como sexa o déficit público para recibir axudas en forma de créditos, e que xa estudan que os pais paguen aos mestres de escola [Ramón Lobo, El País, 2005] e impoñen a eliminación do control gobernamental no prezo da gasolina e a privatización dos sistemas de rega no agro. Outro dato máis: o 80% dos deputados son terratenentes.

Este ano a colleita en Níxer foi mellor, mais as familias venderon o gran para pagar as débedas do ano pasado. Acción contra el Hambre e Unicef levan meses avisando doutra desfeita alimentaria para este ano, na que 3,8 millóns de persoas –700.000 nenos e nenas– se enfrontan de novo á fame grande porque non existe un apoio internacional sostido. A UE achegou o mes pasado 10 millóns de euros, pero ata entón as axencias só recibiran o 51% dos 200 millóns imprescindíbeis para salvar a crise, para que a poboación sobreviva á chamada “estación da fame”, entre agosto e setembro.

Leo que o Real Madrid de fútbol pensa pagar entre 30 e 38 millóns de euros por un tal Mahamadu Diarra. A acabación é que o coitadiño é de Malí. Seranche as cousas do mercado, pero a min danme todos noxo?