O ano negro de Fernando de la Rúa

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

Con tres folgas xerais, de crecente éxito, o Presidente De la Rúa achégase ao seu primeiro ano de mandato. Son moitos os arxentinos que abatidos polo desencanto, ven no Presidente unha prolongación do anterior inquilino da Casa Rosada ata o punto de denominalo “O Ménem Louro”. O artífice do milagre económico do primeiro lustro dos 90, deixou unha herdanza negra que se manifesta nunha pesada lousa de millóns de dólares de déficit anual. Nas arcas do Estado xa non quedan fondos das xigantescas privatizacións coas que se maquillaron as contas dos alegres 90.

De la Rúa só ten dúas opcións: ou aumentar a presión fiscal, ou reducir as prestacións sociais, ou… ambas as dúas. Tanto ten… a factura débena pagar outra volta todos os arxentinos.

Moita da sólida ilusión que os arxentinos puxeron no cambio esfarélase precipitadamente. O termómetro da popularidade do Presidente baixou do 71% ao 34% en menos dun ano. Os sobrenomes de “Celeiro do Mundo” o a “Terra da oportunidade”, sempre identificados coa Arxentina, aparecen coma burlescas esaxeracións desmentidas pola crueza do día a día. O país dispón de tal cantidade de cereais, gandería, minerais, productos enerxéticos… que resulta difícil de comprender o que lle acontece a este xigante empequenecido do Mercosur que herdou da dictadura unha economía illada, non competitiva nunha economía globalizada e unha sociedade perforada polos enormes buracos da corrupción xeneralizada.

O “milagre Ménem” só durou o primeiro lustro do seu mandato. O crecemento da economía foi espectacular. Amarrou a descomunal inflación atando o peso ao dólar e gozou de saborosos ingresos pola privatización de empresas públicas (só unha de cada tres grandes empresas ten hoxe capital autóctono). Mais a época de bonanza non foi utilizada para equilibrar as contas do estado, senón que ao ser un disciplinado alumno do FMI e da BM pediu e obtivo ilimitados cretos a prezos de saldo, pero que aumentaron o desequilibrio orzamentario. Ao tempo, comezou un populismo fiscal que beneficiou as grandes empresas e diminuíu a importancia dos impostos directos na estructura fiscal do país. Era o trunfo total do neoliberalismo.

O Tequilazo do 94, que dende México sacudiu toda América Latina, cebouse coa burbulla Arxentina que estaba artificiosamente inflada. Cando o Estado deixou de ingresar 40.000 millóns de dólares anuais por privatizacións que se volatilizarón sen deixar rastro, gastados alegremente e dos que só o 20% dos arxentinos chegou a percibir unha parte dese reparto billonario; cando se elevaron as taxas de intereses dos cretos internacionais, incrementando a carga da pesada débeda; cando o dólar disparou o seu valor levou atado ao peso ata lugares pouco competitivos portando prezos inalcanzables para os arxentinos e disuasorios para o comercio internacional ou para o turismo. Cando a economía arrefriou diminuíron os ingresos…Arxentina foi achegándose a paso lixeiro cara ao precipicio da suspensión de pagamentos. O cóctel de populismo social mesturado con política neoliberal que pretendeu a “Revolución Productiva”, acabou en naufraxio económico.

Debilitado Carlos Ménem nos últimos anos, desacreditado polos escándalos de corrupción, a malversación e o clientelismo non foi quen de adelgazar a rede populista e clientelar de servicios sociais. Discreto éxito tiveron medidas correctoras como o "impuestazo" de xaneiro do 99 co que buscar novos ingresos e impostos que equilibrasen as contas do Estado. Cando quixo meter o dente ao gasto público, a víctima foi o antes prestixioso sistema público de educación ao que pretendeu limar 280 millóns de pesos, levantando as iras dos docentes.

O país, en período electoral foi abandonado en caída libre ata ter un déficit anual de 25.000 millóns de dólares. De ineficaz axuste, en inútil axuste, os arxentinos quixeron un cambio radical, especialmente os dous millóns de parados, os dous millóns de subempregados, os 14 millóns que viven loitando directamente contra da pobreza que para case 4 millóns é miseria extrema.

De la Rúa era a esperanza dos desesperados, o contrapunto do neoliberalismo o contrapeso para reequilibrar os excesos do pasado, a diáfana luz da transparencia, a desexada chegada da honestidade.

A ilusión que chegou en decembro, e inundou o país. Ilusión que foi fuxindo por múltiples furados: as reformas laborais, o escándalo da compra de senadores opositores para aprobar as reformas, a diminución dos salarios dos empregados públicos que gañasen máis de 1000 dólares mensuais, o axuste fiscal, os recortes sociais, fin do sistema de xubilación solidario, anulación da prestación básica universal para os xubilados, incorporación da menciña privada ás prestacións sociais, aumento da idade da xubilación para as mulleres ata os 65 anos.

A dieta recomendada polo FMI para poder acceder a un novo creto de 20.000 millóns de dólares, deberá ser completada con 5 anos de conxelación do gasto do Estado.

Na filas oficialistas, o sapo e difícil de tragar por moito que aperten os dentes para trabar a lingua e o grupo parlamentario da coalición está fracturado.

As dúas bandas enfrontadas do sindicalismo peronista da CGT (Confederación General del Trabajo) e a esquerdista da CTA (Central de Trabajadores Argentinos) teñen aglutinado o descontento social en tres folgas de crecente éxito cun marcado discurso rompedor contra do liberalismo e do FMI: A primeira do 24 de febreiro contra a reforma laboral, a segunda do 9 de xuño contra da política económica, a terceira de 36 horas aconteceu os día 23 e 24 de novembro contra da dureza do axuste fiscal.

A inestable coalición gobernamental vota man da contundencia policial. Ameaza con ilegalizar as folgas, descualifica ao movemento sindical por violento acusándoo de votar leña ao lume agora, cando puxeron panos tépedos na década do culpábel, Ménem. Axita a pantasma da conspiración urdida dende grandes grupos económicos, e aseguran que teñen a responsabilidade de evitar a creba do estado.

Para a maioría dos arxentinos este goberno é unha prolongación do anterior que atados polo FMI apertan máis e máis o cinto das clases máis humildes e mesmo das clases medias. As restriccións non amosan efectividade algunha. Moitos concordan coa fatalidade de ser arxentinos. A súa impotencia e frustración crónica resúmea o poeta César Fernández Moreno no cruel aforismo “ Ser arxentino é como ter unha nai idiota”.

De la Rúa está atrapado pola sombra de Ménem e ten moi complicado liberarse, neste mandado, da súa herdanza.