O Cumio dos pobres

Apartados xeográficos África ARQUIVO
Idiomas Galego

 Barry Aminata Toure, clic para aumentar
O Foro dos Pobos se fai eco tamén das mobilizacións que recorren os estados africanos en contra dos procesos de privatización das sociedades algodoeiras abertos por impulso do Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional, que xa son realidade en Liberia, Benin, Burkina Faso, Côte d´Ivore e Ghana, e que para Malí presentan o horizonte do 2008 como límite para a privatización da Compañía Malinense do Desenvolvemento de Fibras Téxtiles. (Foto: Barry Aminata Toure, presidenta do CAD-Mali, durante unha xornada internacional de debates organizada en Lieja (Bélxica) polo CADTM (Comité pola Anulación da Deuda do Terceiro Mundo) con motivo do 60 aniversario do FMI).
 

Dos días 6 ao 9 de xullo tivo lugar a IV edición do Foro dos Pobos na cidade de Fana, en Malí. Alí se xuntaron máis de mil persoas de diferentes países africanos, tamén dos outros continentes, representando aos variados sectores das súas sociedades civís: organizacións campesiñas, sindicatos, ONGs, movementos sociais, grupos de mulleres… que se deron cita na cidade africana para construír un espazo de diálogo, información e intercambio. O Foro dos Pobos se convoca anualmente na mesma cidade, está integrado no Foro Social Africano e no Foro Social Mundial, e como principal organizador, ten detrás á Coalición Africana para a Débeda e o Desenvolvemento (CAD-Mali).

Aínda que xa se teñen convocado tres Foros con anterioridade, o deste ano presenta unha importante peculiaridade que subliña a súa importancia: discorre paralelo ao cumio do G-8, “o cumio dos ricos”, que tivo lugar estes días en Geneagles, Escocia, e que situou ao continente africano e a súa problemática económica e social como eixo temático. En base a isto, o Foro dos Pobos se proclamou como contra cumio africano ao encontro dos estados máis ricos do mundo que, aínda que representan o 60% das riquezas mundiais, a penas contan co 10% da poboación mundial. É por iso que, a cidade de Fana acolleu ás voces máis críticas ao G-8 para conformar unha rede horizontal de comunicación e de análise dos principais temas sobre os que pivota o estrangulamento económico das sociedades africanas.

Máis alá da superficialidade coa que é tratado o drama da pobreza nos centros de poder do Norte enriquecido, máis alá das declaracións de boas intencións anunciadas a “bombo e platillo” e que se esquecen amontoadas en informes dos que parece importar máis o seu número de páxinas, o Foro dos Pobos recolle as experiencias e as opinións das persoas verdadeiramente protagonistas que, analizando o seu día a día, denuncian as trampas e os obstáculos aos que os somete a economía e o comercio, tal como se entenden a día de hoxe no ámbito internacional. Neste senso, a débeda externa, as crises alimenticias do Sahel, a privatización dos recursos naturais e económicos, a introdución dos cultivos transxénicos, entre outros, se entenden como os trazos máis destacados dunha economía globalizada en favor das grandes corporación económicas, pero que marxinaliza a amplos sectores da poboación mundial.

Non é casualidade que Malí sexa o estado receptor do contra cumio, tendo en conta o valor estratéxico que ten o cultivo do algodón na súa economía: representa un 47% das exportacións e resulta a base de subsistencia duns tres millón de persoas. Fana, coñecida como a cidade do algodón, conta cun moi minoritario sector de grandes produtores por un lado, e uns elevados índices de pobreza polo outro, realidades paralelas e contraditorias que reflicten o panorama xeral do continente africano. O sector do algodón, punteiro para as economías do Oeste africano, vive dende 1998 unha crise na súa produción, intimamente ligada coas prácticas dos estados do Norte coñecidas como dumping: venda dos excedentes de produción agrícola no mercado internacional con prezos por debaixo dos costos de produción, que levan ás unidades produtoras locais a unha competencia case imposible que as acaba expulsando da circulación económica. A produción excedentaria do Norte é posible grazas aos subsidios que os estados ofrecen ás grandes producións agrarias nacionais como unha disimulada forma de proteccionismo á vez que se proclama as virtudes do libre comercio para os estados do Sur.

Por outra banda, o Foro dos Pobos se fai eco tamén das mobilizacións que recorren os estados africanos en contra dos procesos de privatización das sociedades algodoeiras abertos por impulso do Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional, que xa son realidade en Liberia, Benin, Burkina Faso, Côte d´Ivore e Ghana, e que para Malí presentan o horizonte do 2008 como límite para a privatización da Compañía Malinense do Desenvolvemento de Fibras Téxtiles. Os impactos máis denunciados das correntes de privatización se sitúan na perda de prezos seguros e garantidos para as e os produtores que pasan a depender das flutuacións, case sempre á baixa, dun mercado internacional marcado pola vontade das corporacións multinacionais que se fan co control da produción. Nesta liña, o descenso dos prezos das materias primas, a carga da débeda, a fuga de capitais, a non asumible competencia á se ten que enfrontar a produción africana, entre outros temas, foron as principais fontes de denuncia que se trataron no contra cumio.

O IV Foro dos Pobos serviu tamén para abrir o diálogo sobre a posibilidade de construír alternativas. Entendendo o desenvolvemento non como un proceso unidireccional nin neutro, senón como un proceso que pode contar con diferentes concepcións, incluso ás veces contraditorias dependendo de quen ou como se utilice, dende Fana se ve imprescindible impulsar os debates sobre o seu significado e alcance. Porque non hai unha soa forma de pensar o mundo, téntase crear espazos a través dos cales ir articulando alternativas e amosando que hai outras maneiras de entender e organizar as economías e que a competitividade e a privatización non teñen porque ser verdades únicas e válidas universalmente. Por exemplo, dende Fana se parte do reclamo da soberanía alimentaria como dereito dos pobos a decidir sobre a forma e o contido das súas producións agrarias e, en consecuencia, da súa alimentación, para vencer a dependencia alimenticia na que se somerxen cos modelos de produción agroexpotadores. “Consumamos local” ven sendo, deste xeito, o lema do contra cumio.

O Foro dos Pobos, en contraposición ao cumio do G-8, serve para ilustrar dúas formas de facer as cousas, unha de arriba a baixo, o cumio dos ricos, que radica a súa lexitimidade no grao de riqueza da elite participante, e outra que comeza de abaixo e pretende facer presión cara arriba, onde son as persoas interesadas as que promoven o seu propio desenvolvemento, cunha lexitimidade baseada no inevitable achegamento ás súas problemáticas. É por este contraste que, dende Fana se cuestiona o G-8 como foro internacional de toma de decisións e se apela ao reforzamento dos organismos multilaterais dependentes de NNUU nos que todas as sociedades deben ter cabida.