A illa de Cuba vive inmersa nun furacán político de considerables proporcións. Fidel, dando mostras, unha vez máis, dun vigor físico e intelectual que lle permite falar de xeito ininterrompido durante case cinco horas e de pé, como fixo no discurso pronunciado na Universidade capitalina o pasado 18 de novembro, lidera a nova cruzada contra a corrupción. Despois de máis de corenta anos de empeño revolucionario, esa lacra pesa aínda como unha lousa sobre o socialismo cubano, ata o punto de que, como el mesmo afirmou, o risco de derrubamento da revolución cubana non radica hoxe nunha invasión militar de EEUU senón no roubo xeralizado ao Estado.
O realismo de Fidel, que enumera dende hai semanas os principais problemas do sistema cubano, é unha impresionante lección para todos aqueles que consideran que toda crítica ao socialismo na illa é unha expresión de inimizade. Se é Fidel quen fala dos problemas é autocrítica revolucionaria, se o fan outros, estes son inimigos da revolución. Obviamente, hai intencionalidades e intencionalidades. Como tamén neste propio empeño de Fidel de sanear as estruturas do réxime podería advertirse un propósito de illar a certos dirixentes dos escalóns medios que non son de total confianza da Revolución e que albergan serias dúbidas respecto do futuro post-Fidel.
Está por ver o alcance deste novo episodio da "batalla das ideas". É obvio que a corrupción non se limita aos empregados das gasolineiras que, en suma, poden roubar moitos millóns de pesos, ou ao conxunto do sector turístico, paladares e jineteras incluídas. Existe unha economía somerxida de proporcións colosais que agora debería saír a flote. Pero quen coñeza un pouco aos cubanos, sabe que son escurridizos coma ninguén e de aí o escepticismo respecto aos resultados últimos deste furacán "artificial", pensado, como di Fidel, para crear unha sociedade nova e recuperar os valores éticos que están no cerne da Revolución.
A situación que se viña dando nos últimos tempos en Cuba era moi paradoxal. Os sectores sociais máis acomodados e de raíz non estrictamente partidaria ou política disimulaban cada vez menos as súas críticas ao réxime. Os máis beneficiados parecían os menos contentos. E os que vivían á marxe desa economía máis boiante, expresaban tamén o seu malestar polo avance da desigualdade social. Con este furacán, Fidel aspira a recuperar o apoio social dos colectivos máis febles e que non tiñan acceso ás economías expresadas en divisas. Esa será a base principal de adhesión ao réxime, chamada a defender a súa continuidade.
Con todo, o apelo á ética no que Fidel fundamenta á súa estratexia, incluso nunha sociedade cuns niveis de educación tan elevados como a cubana, semella insuficiente para garantir a transformación que se pretende. Precísanse medidas estruturais e políticas que garantan a prevención e un mellor goberno. Todo o mundo sabía en Cuba o que estaba pasando, pero esa verdade non formaba parte da realidade oficial ata que Fidel falou dela con toda crueza. É un absurdo. Se a verdade é sempre revolucionaria deixen que flúa tamén dende abaixo. Tan importante é revolucionar a vida económica ou a pirámide social como garantir a mesma liberdade de expresión de que goza Fidel ao conxunto da cidadanía. Esa sombra tamén é corrupción.