20051121 hugo chavez nestor kirchner gasoducto do sur

O peso de América do Sur

 Hugo Chávez e Néstor Kirchner, clic para aumentar
Hai dous anos, Venezuela e Arxentina propuxeron a creación dun gasoduto do sur, que atravesaría o continente suramericano para transportar o gas natural de Venezuela e Bolivia a países como Brasil, Uruguai, Chile e a propia Arxentina. A obra, cun custe previsto de 20.000 millóns de dólares e 8.000 quilómetros de lonxitude, permitiría relacionar os sistemas de gas de varios países do subcontinente. (Foto: Hugo Chávez e Néstor Kirchner acordan en Caracas, o 21 de novembro de 2005, a construción dun gasoduto entre ambos os países, que fornecería gas a gran parte de América do Sur).
 

Numerosos expertos en relacións económicas internacionais coinciden en sinalar a existencia de tres ou catro grandes bloques económicos rexionais no futuro mapa económico global. Estes serían América do Norte, Europa, Asia oriental e, chegado o caso, América do Sur. Pero este último aínda é unha incógnita. Moito dependerá da súa propia capacidade para articularse como tal e de contar coa suficiente vontade e capacidade de liderado.

A Declaración de Panamá, resultado do cumio de ministros de exteriores da OEA (Organización de Estados Americanos) celebrado o pasado 5 de xuño, insta a fortalecer a cooperación enerxética no cono sur. No mesmo sentido apuntou o I Cumio Suramericano de Enerxía, celebrado en Caracas o pasado abril a instancias do presidente Chávez. Hai dous anos, Venezuela e Arxentina propuxeron a creación dun gasoduto do sur, que atravesaría o continente suramericano para transportar o gas natural de Venezuela e Bolivia a países como Brasil, Uruguai, Chile e a propia Arxentina. A obra, cun custe previsto de 20.000 millóns de dólares e 8.000 quilómetros de lonxitude, permitiría relacionar os sistemas de gas de varios países do subcontinente.

Sen integración rexional enerxética, será difícil que esta rexión aproveite as extraordinarias oportunidades que se lle presentan. As iniciativas de Chávez e de Kirchner recibiron o respaldo de Brasil e outros países e xa se formaron varios equipos de traballo para acompañar a viabilidade do proxecto. Uruguai, Arxentina, Brasil, Bolivia, multiplican os acordos de cooperación en proxectos menores que, unha vez salvadas as dificultades financeiras, tecnolóxicas, ambientais e políticas, poderían callar na vertebración deste indispensable proxecto.

Esas dúas dimensións da cooperación, a bilateral e a rexional, poden facilitar moi boas condicións para a integración económica suramericana e afirmar o proxecto estratéxico dun sistema rexional en toda a América do Sur. Con todo, con ser importantes, o máis delicado non serán os desafíos citados, senón, sobre todo, a firmeza do compromiso político dos líderes da rexión para estimular un obxectivo destas características que poría fin á tradicional subalternización dunha rexión en extremo dependente de América do Norte e que corre o perigo de quedar marxinada do futuro sistema económico internacional.