O que se debe a Bruxelas

En 1986 percorrer os 80 quilómetros que separan O Porriño de Ourense supoñía máis dunha hora e media de curvas. Aquel ano Galicia entrou na entón Comunidade Económica Europea (CEE) e comezou unha chuvia de millóns que permitiu rematar en 1999 a Autovía dás Rías Baixas e reducir a viaxe a 45 minutos. Ese mesmo 1999, o Concello do Porriño comezou os trámites para construír un centro de interpretación do espazo protexido das Gándaras de Budiño. O edificio inaugurouse en 2002 tras gastar nel 420.000 euros, 300.000 deles de fondos europeos, pero nunca se usou. O pasado decembro a súa ruinosa estrutura veuse abaixo e matou un parado de 36 anos que recollía ferralla.

Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Idiomas Galego

En 1986 percorrer os 80 quilómetros que separan O Porriño de Ourense supoñía máis dunha hora e media de curvas. Aquel ano Galicia entrou na entón Comunidade Económica Europea (CEE) e comezou unha chuvia de millóns que permitiu rematar en 1999 a Autovía dás Rías Baixas e reducir a viaxe a 45 minutos. Ese mesmo 1999, o Concello do Porriño comezou os trámites para construír un centro de interpretación do espazo protexido das Gándaras de Budiño. O edificio inaugurouse en 2002 tras gastar nel 420.000 euros, 300.000 deles de fondos europeos, pero nunca se usou. O pasado decembro a súa ruinosa estrutura veuse abaixo e matou un parado de 36 anos que recollía ferralla.

O Porriño, nó de comunicacións e núcleo industrial clave da área metropolitana de Vigo, exemplifica que fixo Galicia cos 20.000 millóns de euros de fondos europeos recibidos dende 1986, que a sitúan como a segunda comunidade en volume de axudas tras Andalucía. Destináronse fundamentalmente a infraestruturas e contribuíron a modernizar o país, pero o seu impacto real na economía galega, coinciden os economistas consultados, é moi difícil de valorar e, de feito, apenas se intentou. O que si aumentou nestes 28 anos é a capacidade de decisión sobre ese diñeiro do Parlamento Europeo, que se renovará nas eleccións do próximo día 25, as sétimas nas que votarán os galegos.

O profesor da Universidade de Santiago (USC) Melchor Fernández, director durante oito anos do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega), apunta que “o control dos fondos europeos é fundamentalmente posterior e de fiscalización, de Tribunal de Contas, de se se gastaron legalmente, pero non de eficiencia, non do uso que se lle deu finalmente á estrada construída, do seu impacto no benestar do cidadán”, o que atribúe a que “a cultura avaliadora é moi recente”. Por iso, argumenta, é difícil saber o impacto real deses fondos nos últimos 28 anos da economía galega, porque “ao cruzar indicadores, non sempre sabes a que política atribuír a súa evolución”. Similar opinión ten Edelmiro López Iglesias, tamén profesor e economista da USC e do Idega, con responsabilidades na xestión de fondos europeos durante o bipartito na Consellería de Medio Rural. “Só se fixeron estudos con perspectiva contable ou para un investimento determinado, pero non hai avaliacións globais”, indica.

Unha aproximación pode ser o estudo que os economistas José Franciso Armesto e Santiago Lago realizaron en 2009 sobre o impacto de 3.600 millóns recibidos no período 2000-2006. A súa conclusión ao analizar o Produto Interior Bruto (PIB) per cápita, elemento clave para recibir axudas, foi que “a converxencia coa media española se produciu exclusivamente pola perda de peso poboacional”. Melchor Fernández achega a esa reflexión outro matiz, a xeito de pescada que se morde o rabo: “Os problemas demográficos que temos son en parte porque non xeramos actividade económica abondo para atraer traballadores e cambiar a dinámica de envellecemento”.

A análise de Armesto e Lago admitía que “a forte inxección de fondos comunitarios posibilitou un crecemento económico superior ao que se rexistraría en ausencia da devandita axuda” e que "as carencias infraestructurais da economía galega eran moi grandes”. Pero reclamaba “deixar máis espazo para a formación continua e a I+D+i”, unha petición que os autores consideran vixente. A UE vén apostando por eses eixes menos visibles politicamente dende 2000, pero potenciaraos aínda máis no seu novo presuposto 2014-2020, cando Galicia recibirá uns 2.800 millóns, un 30% menos que ata agora por mellorar a súa renda. Claro que a idea inicial, antes de aprobarse esa “aterraxe suave”, era que Galicia deixase de recibir fondos en 2013, cambio que o Goberno galego atribúe á súa xestión.

O insuficiente aproveitamento das axudas europeas non é un problema novo. Xa a finais dos anos 90, nun informe da Comisión Europea realizado polos economistas da USC Alberto Meixide e Juan José Ares, eloxiábase a mellora en infraestruturas de transporte e telecomunicacións pero advertíase de que a converxencia co resto de Europa e España en canto a PIB e paro debía mellorar. López Iglesias fai agora unha visión de conxunto e considera que nos 15 primeiros anos na UE “houbo un comportamento negativo” da economía galega no que, non obstante, “se foron xerando unhas condicións, coa mellora de infraestruturas e da competitividade empresarial, que permitiu que a economía emerxese a finais dos 90”. Hoxe, apunta Melchor Fernández, recortouse o desequilibrio entre as comunidades, pero aumentou dentro delas, tamén en Galicia, onde ao seu xuízo favoreceuse ás zonas que xa estaban máis desenvolvidas".

López Iglesias está de acordo con esa afirmación e matiza que, así como os grandes investimentos se destinaron a zonas xa activas, como a costa atlántica, no resto houbo unha “chuvia fina”, sen planificación, na que se combinaron a “modernización produtiva do rural” con “cousas irracionais” e “parvadas” cuxa suma “é en todo caso infinitamente inferior ao custo do Porto Exterior da Coruña”. E recorda que esa concentración dos investimentos en zonas xa puxantes non é exclusiva de Galicia: “Repítese en toda España ao potenciar o Mediterráneo e Madrid; porque a T4 de Barajas tamén se fixo con fondos europeos”.

Armesto, coautor do estudo de 2009, é dos que destaca o “abuso da chuvia fina”, ese “café para todos sen priorizar”. “O impacto dos fondos foi positivo, demos un salto importante, especialmente en infraestruturas”, destaca, pero admite que non hai estudos sobre o que podería ter feito con eses recursos “se se tivesen investido con prioridades claras”. El é dos que considera que o medio rural non foi ben tratado e o atribúe a “un proceso de urbanización que se dá en todo o mundo”.

A visión da Xunta difire. Asegura que o 30% das axudas foron ao medio rural e a pesca, o 24% a infraestruturas e o 12% a medio ambiente. Para o futuro, a Consellería de Facenda, que fai algo máis dun ano reforzou o seu departamento de control e planificación dos fondos europeos, asegura que “para maximizar o impacto dos fondos, formularase un enfoque cara a resultados”. Tamén indica que se centrarán os investimentos “nunhas poucas prioridades, as fundamentais para o crecemento e o emprego”, admitindo implicitamente que era unha cuestión a mellorar.

Pero os economistas e estudos consultados deixan claro que as posibles lagoas investidoras teñen múltiples pais máis alá da Xunta, aínda que o propio Goberno autónomo admita que lle correspondeu xestionar nestes anos o 61% do total dos fondos. En Galicia tamén canalizaron fondos europeos o Executivo central, os concellos, as mancomunidades ou a Eurorrexión, polo que algunha decisión implicou, mesmo, ao Goberno portugués. Exemplifícao un destacado economista que prefire non dar o seu nome: “Os alcaldes optaron por investir os fondos en redes de sumidoiros que podían ter realizado con impostos locais, pero son impopulares; os sindicatos e a patronal destináronos a financiar as súas estruturas; as empresas a contratos temporais... Como sociedade non rendibilizamos todo o posible ese diñeiro”, sentenza. Nesa liña, López Iglesias e Armesto coinciden en que toda a sociedade debe facer autocrítica. E Melchor Fernández apunta unha última clave: “Non se preguntou ao cidadán de a pé polas súas necesidades, só agora a UE di que hai que facelo”.