O servizo exterior europeo

O artigo 27 do Tratado de Lisboa prevé a creación do servizo diplomático europeo co obxecto básico de garantir a coherencia e a coordinación da política exterior e de seguridade da Unión, facilitando a creación dun auténtico servizo exterior con capacidade para asistir ao Presidente da Comisión e do Consello europeo no eido das relacións internacionais. O Servizo debe estar operativo en xaneiro de 2011.

A decisión de crear o SEAE (Servizo Europeo para a Acción Exterior) é froito dunha longa e labiríntica negociación entre os estados e as institucións da UE. O Parlamento europeo, actor clave pero recoñecido cunha función meramente consultiva, ten reivindicado un papel singular no control orzamentario e político do SEAE. No decurso da presidencia española da UE, o 21 de xuño asinouse un compromiso en Madrid entre a Comisión, o Parlamento, e a Alta Representante para os Asuntos Exteriores e a Seguridade da UE, que permitiu que en xullo último os deputados de Estrasburgo aprobaran o proxecto de creación do SEAE.

O SEAE estará ubicado en Bruxelas baixo a dirección da alta representante, a británica Catherine Ashton. Contará cun orzamento inicial aproximado de 8 mil millóns de euros, terá representantes especiais para conflitos ou zonas xeográficas e disporá de 136 delegacións no exterior, uns 6.000 funcionarios dos que uns dous terzos serán permanentes e comunitarios… Como tantas iniciativas da UE será moi singular en relación aos servizos diplomáticos comúns.

As pelexas por definir cotas por país ou por situar a nacionais nos postos chave da súa estrutura, sen afectar por iso á preservación de certo equilibrio xeográfico e paridade veñen dificultando, como cabía agardar, unha conformación na que o criterio do mérito cede ante outras esixencias. Por outra banda, o SEAE terá que delimitar con precisión e cautela as súas relacións con outras institucións da UE, para evitar solapamentos e contradicións coas diplomacias gobernamentais e intergobernamentais, exhibindo as súas mellores artes para xestionar e superar as desunións habituais en materias delicadas e importantes nas que habitualmente os 27 teñen moitas dificultades para falar cunha voz única e común.

O SEAE debera contribuír á elaboración de propostas relativas á política exterior, pero as súas posibilidades son limitadas. A Comisión, por exemplo, manterá as súas competencias en materia de políticas de desenvolvemento e veciñanza, así como canto atinxe ao alargamento ou as cuestións comerciais. Non obstante, de existir vontade política, pode cumprir cunha meta esencial, a de visibilizar a UE como un referente efectivo dunha sociedade internacional multipolar na que ven perdendo influencia.

O SEAE abre a porta para contar cunha diplomacia continental máis activa, o cal non soamente permite, a priori, unha maior incidencia nos asuntos globais, senón que potencia un poderoso factor de reforzamento da identidade europea nun tema que goza de crecente ascendencia nas respectivas opinións públicas.