O 1 de decembro foi o día escollido polo Xuíz Juan Guzmán Tapia para romper a barralla. O procesamento de Augusto Pinochet e o seu arresto domiciliario foi e detonante. A busqueda dun final honorable, consesuado e lexítimo na que estaban embarcados as comisións de Dereitos Humanos do Congreso e o Senado pasan por un momento crítico. O exército parecía disposto a aceptar os regulamentos da partida da reconciliación con dúas condicións: Militar procesado… militar á reserva, e Pinochet é intocable.
O encausamento de Augusto Pinochet ten especialmente encrespado ao estamento militar e na picota ao comandante en xefe das forzas armadas Ricardo Izurieta. O calvario que agora transita canso e murcho o dictador, non comezou aquel 17 de outubro de 1998 cando foi detido en Londres, ao atender Scotlan Yard un requirimento do polémico xuíz Baltasar Garzón. A súa cruz comezara, con absoluta discreción, catro meses antes cando a xornalista Patricia Verdugo fora convocada polo xuíz Juan Guzmán para interesarse polo seu best-séller, o libro Los zarpazos del Puma.
Nel, Patricia facía un seguimento da macabra expedición militar, que a abordo dun helicóptero dos coñecidos polo sobrenome de Puma, e facendo cinco escalas en Cauquenes, La Serena, Copiaco, Antofagasta e Calama foi deixando un regueiro de sangue. Transcorrido un mes dende o golpe de estado do once, un grupo de militares en ronda, aceleraron os procesos sumariais contra de prisioneiros políticos, propugnaron execucións sen garantías legais, fixeron desaparecer detidos… era a tristemente célebre Caravana de la Muerte. O tráxico ronsel que atravesou o país, ás ordes do xeneral Sergio Arellano, deixou unha estela de 75 víctimas, das que 18 aínda continúan desapararecidas.
A citación diante do xuíz Guzmán deixou intranquila á Patricia, mais pronto sosegou ao comprender que o interese do maxistrado estaba en coñecer polo miúdo a operación e a cadea de mandos da Caravana. Dous anos máis tarde o Xuíz chegou a conclusión de que o xeneral Pinochet foi o autor intelectual da operación, xa que ten a certeza de que estes delitos non foron executados á marxe da cadea de mandos. Esta decisión revólvese contra dos que desconfiaron da capacidade interna para impartir xustiza en Chile, pero encrespa aos residuos do réxime que estaba dispostos a diluírse paseniñamente, mais sempre coa súa particular noción de dignidade.
O presidente Lagos xa tiña perfilado o seu discurso para a sesión do 6 de xaneiro na que debía dar conta dos avances na Mesa do Diálogo. Dispuña de boas cartas para a partida: A igrexa xa pedira perdón pola súa colaboración coa dictadura, Augusto Pinochet asumira a responsabilidade do acontecido (sen chegar a pedir perdón), nos próximos meses vanse pechar moitos dos procesos máis emblemáticos dos 80 coma a Operación Albania ou o asasinato do dirixente sindical Tucapel Jiménez…, o exército mostrábase disposto a colaborar na procura dos desaparecidos a cambio do seu anonimato, tamén asumía o feito de pasar á reserva aos oficiais procesados, tamén contaba coa colaboración na mesa do diálogo dalgunhas das organizacións de dereitos humanos que gozan de prestixio….Mais a partida comezouse a escapar das mans coas condenas e solicitude de extradicións cursadas hai uns días pola Xustiza arxentina, polo crime do xeneral e vicepresidente Carlos Prats, axitou ao estamento militar. A dúbida está en saber darán dixerido o arresto e procesamento de Pinochet coas regras da partida esnaquizadas.
O comandante en xefe das forzas armadas Ricardo Izurieta que durante as últimas semanas recorrera os cuarteis portando unha mensaxe de tranquilidade e confianza, quedou espido de argumentos diante dos seus subordinados, que temen que por un efecto dominó os masivos métodos de tortura e o xenocidio se desplome sobre as súas cabezas, que xa non senten como sólida a protección da autoamnistía.
A tea de araña da reconciliación parcial que moi pacientemente teceran entre a igrexa, o exército e os parlamentarios, ten unha verdadeira proba de forza ao ter que soportar o peso da xustiza, sen ataduras, á marxe dos pactos de punto final.