Obama-EUA: balance en 11S e ano electoral

O 6 de novembro celébranse as eleccións á Presidencia dos EUA, aínda a primeira potencia económica mundial e sen dúbida a única superpotencia militar. Xóganse hexemonías con consecuencias globais. Obama terá que vencer ao republicano e moderado Romney (republicano centrista, que se impuxo ao Tea Party) se quere seguir a ser o primeiro Comandante en Xefe negro.

Apartados xeográficos Estados Unidos
Palabras chave Obama 11S premio nobel
Idiomas Galego

O 6 de novembro celébranse as eleccións á Presidencia dos EUA, aínda a primeira potencia económica mundial e sen dúbida a única superpotencia militar. Xóganse hexemonías con consecuencias globais. Obama terá que vencer ao republicano e moderado Romney (republicano centrista, que se impuxo ao Tea Party) se quere seguir a ser o primeiro Comandante en Xefe negro.

Calquera balance sobre Barack Obama pode partir de dous marcos que nos axuden a ler a situación actual do proxecto norteamericano: o 11 S e as súas posteriores operacións de xustiza infinita, e a crise económica brutal que explotou durante o anterior proceso electoral norteamericano, onde Obama conseguiu imporse.

O primeiro camiño a seguir é un marco forte deste S.XXI, xa que o episodio do 11-S de 2001 deulle unha volta de rosca brusca á historia das relacións internacionais. O Goberno de Bush fillo, que gañara 6 meses antes as eleccións ao Al Gore de maneira moi polémica, promoveu tralo 11-S unha doutrina militar externa e interna que desacreditou por completo a gobernanza global, pisando os procesos multilaterais de decisión e o sistema da ONU, situando a historia nun chamado choque de civilizacións posterior aos felices anos 90 do fin das ideoloxías.

As guerras en Afganistán e Iraq, a Doutrina patriótica ou o crecemento no imaxinario do conservadorismo; configuraron uns EUA e unha hexemonía republicana que se derrotou a si mesma entre todas as contradicións do proceso e o estalido da crise financeira en Wall Street, coa agónica caída de Lehman Brothers o 15 de setembro de 2008 a menos de tres meses das eleccións.

Nese punto da historia conflúen os dous marcos nos que se pode ler a Obama e a súa chegada ás televisións de todo o planeta, coma o produto político máis refrescante producido polos EUA desde o 11-S, cunha primeira emenda á totalidade da hexemonía republicana integrada no yes we can, o refresco do soño americano e a propia cor da súa pel.

A posibilidade dun Presidente negro confirmouse trala vitoria sobre Hillary Clinton nas primarias demócratas. As circunstancias económicas, o desgaste da hexemonía republicana e o seu talento posibilitáronlle a Obama producir no imaxinario a imaxe dun novo Roosevelt, enganchando a radios e televisións a un discurso político novo, reclamando o peche de Guantánamo e reformas profundas no social xunto ao control dos poderes fácticos do Estado dos EUA. A súa cor non facía máis que acentuar a súa excepcionalidade como fenómeno político de masas, dentro e fóra dos EUA.

A ilusión que espertou entre o seu electorado e que o levou a vitoria, non tardou moito en desilusionarse trala súa investidura. No interior, os demócratas máis decididos a intentar un cambio para saír da crise acusárono de timorato e dubitativo ás primeiras de cambio, sen realizar unha reforma financeira de verdade que reformase aos chicos de Wall Street. Pactado isto, o seu proxecto socioeconómico alporizou sempre aos republicanos sen apaixonar aos seus partidarios.

Pese ao Premio Nobel da Paz, o atractivo das súas palabras e a súa presenza, o balance de Obama no marco das guerras post 11-S dos EUA non se pode máis que cualificar de continuísta, cos matices inevitables da realidade; coma os movementos para retirarse de Iraq e consolidar a campaña de Afganistán (coa variante Af-Pak). A execución extraxudicial de Bin Laden foi de feito un dos elementos que máis fixo medrar a súa popularidade durante este primeiro mandato, quizais compensando o desgusto polo non peche de Guantánamo.

O smart power do equipo dos demócratas engadiu na posta en escena e nas propias operacións militares, o encanto da política da Tv e o carisma do Presidente, mais a diplomacia e o poder global  tradicional do Estado dos EUA que retractan os papeis das Embaixadas americanas feitas públicas por Wikileaks ao longo de todo o seu mandato, segue vixente.

Se realmente quixo mudar a doutrina post 11-S, non o conseguiu. O complexo industrial-militar foi o de maior crecemento durante o seu mandato e o orzamento do Pentágono definido como intocable. A gobernanza global segue atascada no marco guerreiro do 11-S e as novas emerxencias globais.

Finalmente, e para atemperar este balance ao interior do país, no enredo da batalla do sistema lexislativo Obama sacou adiante a reforma da sanidade, que pese ás insuficiencias que lle achaquen é todo un resultado e un símbolo para a súa xestión nesta campaña, que lle vale as acusacións máis duras de antiamericano por parte dos republicanos. É a demostración diante dos seus, de que cando menos ten un camiño propio.

Obama continúa a posuír encanto nas súas alocucións públicas aínda que os soños teñan que ser xa enunciados con ambicións menores: o seu maior éxito é saber defenderse e posicionarse como diferente fronte a campaña demonizadora permanente da oposición, e coñecer xa de preto aos poderes que o rodean, que neste primeiro mandato lle ensinaron as follas de ruta posibles.

Será posible que un segundo Obama impoña un liderado novedoso no propio Estado cambiando aos EUA, como prometía o seu famoso discurso viral? Tralo primeiro parece imposible.

A día de hoxe existe o convencemento de que Obama volverá gañar produto da inevitable composición demográfica americana, e a convicción nunha parte importante do electorado de que darlle o poder aos demócratas é o mal menor, nun país onde un grande sector republicano se escora cara posicións extremas e excluíntes de país. O Presidente é un bo tipo, din a enquisas.

Pero a campaña sempre da novidades: hai máis paro e a crise continúa.