Aos seis meses de chegar á Secretaría Xeral da ONU, Kofi Annan expresou a ineludible necesidade de dignificar a obsoleta institución, encargada de arbitrar os conflictos mundiais. Desexaba un cambio radical ao que sempre se referiu como "A Revolución Tranquila" ou, simplemente, como a inaprazable evolución para adaptarse á realidade do século XXI e que se abordaría no Cumio do Milenio.
Coa habilidade dun agudo prestidixitador, Kofi Annan aproveitou o capricho do calendario que mudaba o seu díxito das unidades de millar, para remover principios, modelos de actuación, organización, financiación e, mesmo, o propio edificio material. A imprescindible institución enfermaba de gravedade, ferida de falta de credibilidade e de escasa eficacia.
Ao inmoble de 39 andares, deseñado por eminentes arquitectos como Le Corbusier, Óscar Niemeyer e Wallace K. Harrison, e chantado nas beiras do East River, tocoulle a primeira quenda. O 25 de xullo puxo enriba da mesa un proxecto por valor de 964 millóns de dólares para rematar cos ascensores atrancados, as pingueiras, os decorados desgastados, o mobiliario deteriorado, os sistemas de comunicación arcaicos, os soportes de seguridade vetustos, as rancias paredes invadidas por enormes manchas de barolo… etcétera.
Mais non é o económico o principal obstáculo para dignificar a institución, a pesares de que EE UU arrastre unha débeda de 1.600 millóns de dólares logo de cinco anos de non aportar a cota do 25%.
Os principais retos da ONU están no déficit democrático que supón o privilexio de veto ou de presencia no Consello de Seguridade das potencias vencedoras na 2ª Guerra Mundial, nas insultantes desigualdades entre nacións ricas e pobres, nas intervencións arbitrarias ao servicio das potencias, na incapacidade para a prevención e resolución de conflictos, no artrítico funcionamento burocrático… etcétera.
Diante da apatía das nacións para abordar estes desafíos, o Secretario Xeral, rompeu moldes e buscou a colaboración de ONGs, igrexas, entidades privadas…Pronto, palpou a desconfianza dos gobernos, a desaprobación de colaboradores directos e o escepticismo xeneralizado. Co mecenado privado, puido presentar o 3 de abril do 2000, tres logros, ben amarrados: 10.000 páxinas de internet con informacións e recursos sanitarios á disposición dos países en desenvolvemento, unha lexión de voluntarios para formar aos países nas tecnoloxías da información e un batallón de teléfonos móbiles e satélites, xentileza de Ericsson, para permitir as comunicacións en zonas afectadas por catástrofes naturais.
Os seguintes esforzos da "Revolución Tranquila" foron dirixidos a conseguir das multinacionais fondos para os programas da ONU. A CNN de Ted Turner xa comprometeu un millón de dólares para a próxima década. A Microsoff, de Bill Gates, outros 400 coa OMS para un programa de erradicación da poliomelite. A British Aiways ten ofertado 20 millóns de dólares para a UNICEF.
O pasado 26 de xullo, Kofi Annan, deu un novo paso ao desvelar o "Global Compac": unha alianza entre a ONU e 50 sociedades multinacionais. Ninguén se atreve a rexeitar estes fondos para tarefas humanitarias, mais cada vez se escoita un maior número de voces alarmadas. Para algúns é un sacrilexio prostituír o templo institucional, por excelencia, con empresas que buscan utilizar un nome do prestixio da ONU. Para outros, como acontece co Secretario Xeral Adxunto, John Ruggie, é perigoso afastarse da desidia dos gobernos para botarse en brazos dos intereses das grandes empresas. O comentario máis ácido veu do conselleiro do propio Secretario Xeral, Tahoor " eu aborrezo o día en que pola televisión se anuncie…Coca-cola patrocina os cascos azuis no Kosovo".