Os galeguistas e Portugal

Agora que conmemoramos o cincuenta cabodano de Castelao e agraciámonos coa presidencia semestral de Portugal na Unión Europea, é, quizáis, unha ocasión excelente para afondar nun dos aspectos no que a coincidencia no seo das forzas políticas galegas é maior. A forza de Portugal é tal que pode, por riba das lexítimas diferencias, facilitar a comunión de intereses.

O certo é que con intensidade e orientacións non sempre coincidentes, houbo nas figuras máis destacadas do galeguismo unha conciencia clara sobre a importancia desta cuestión, sobre a necesidade de fomentar o coñecemento e o intercambio cultural, literario, artístico e político con outras realidades similares. As Irmandades da Fala primeiro e o Partido Galeguista despois, realizaron un esforzo significativo neste senso, afincando sólidamente a proxección exterior como un dos pilares fundamentais da súa política.

Á par da integración no rexurdimento nacionalista europeo e internacional e do celtismo, Portugal foi sempre unha clave irrenunciable. "Noso porvir de galegos está intimamente ligado a Portugal", dicía Bartolomé Calderón. Os galeguistas eran conscientes das dificultades existentes nas relacións entre España e Portugal. E ó tempo que denunciaban o negativo papel de Madrid no afrouxamento dos lazos entre as comunidades lusa e galega, reivindicaban a condición de interlocutores privilexiados para efectivizar unha aproximación respectuosa entre os dous estados e os dous pobos.

Na Asemblea Nacionalista de Lugo (1918), Antón Vilar Ponte daba lectura a unha proposición dirixida á Academia das Ciencias de Portugal, na que se enfatizaba a irmandade de galegos e portugueses e concretábanse vieiros lingüísticos, educativos, económicos, xurídicos e políticos para reforzar a cooperación mutua. Os ecos destas apreciacións eran recollidos, entre outros, por Pina de Morais no xornal "O Primeiro de Janeiro". Na III Asemblea, celebrada en Vigo, acordábase enviar a Portugal unha comisión de nacionalistas "como embaixadores dos nosos ideais". Castelao, por último, no Sempre en Galiza, amosase partidario daquela forma de goberno que nos permita o achegamento a Portugal. Aínda que o impulso europeo alentou con inusitado empuxe a aproximación de galegos e portugueses, son estes antecedentes importantes que nos deben lembrar que non todo comezou hai quince anos.