A sexta reunión mundial do Foro dos Pobos Indíxenas na FIDA, celebrouse os días 9, 10 e 13 de febreiro de 2023

Os pobos indíxenas preséntanse como líderes climáticos ante a comunidade internacional

O Foro Mundial dos Pobos Indíxenas, que alberga o Fondo Internacional de Desenvolvemento Agrario (FIDA), axencia especializada da ONU con sede en Roma, Italia, celebrou neste mes de febreiro a súa sexta reunión mundial. O Foro debateu e deu visibilidade á problemática que afecta aos pobos indíxenas, e presentou as súas deliberacións ao Consello de gobernadores do FIDA, a máxima autoridade na toma de decisións do brazo financeiro da ONU para o desenvolvemento rural.
Apartados xeográficos Outros

“Ninguén, ningún agrónomo ou profesional do desenvolvemento, poderá chegar a comprender tan ben a natureza como os pobos indíxenas”, afirmou o presidente do FIDA, o español Álvaro Lario, na apertura do Foro. Porén, a explotación ilegal dos recursos mineiros ou madeireiros, entre outros, que se atopan nas súas terras e territorios, así como a intensificación da crise climática, seguen erosionando as vidas indíxenas e as súas culturas milenarias. Decote asoballadas pola industria extractiva, os pobos indíxenas ven minguada a súa capacidade de servir como puntas de lanza na crise climática, na xestión da natureza e a biodiversidade.

Os pobos indíxenas son os gardiáns dunha cuarta parte da superficie terrestre —estamos a falar dunha área catro veces o tamaño do Brasil, na que se atopan o 40% dos espazos protexidos e unha parte moi significativa da biodiversidade terrestre e mariña do planeta. Estímase que unhas 476 millóns de persoas no mundo se definen como indíxenas, unha poboación maior cá da Unión Europea. Non obstante, ante a súa indefensión ou incapacidade militar, unida á súa debilidade económica e política – conceptos que non existen tan sequera na concepción da vida e relación coa natureza de moitos destes pobos, o sistema económico está acelerando a súa extinción cultural e vital. A apisoadora da homoxeneización global, famenta de recursos, está aniquilando esas “prácticas e modos de pensar que teñen un valor incalculable para afrontar o desafío do cambio climático”, que Lario puña en valor nun comunicado de prensa do FIDA.

Namentres e de fondo, a violencia contra activistas e líderes indíxenas tingue a súa loita de sangue e fica a miúdo impune. En 2020, segundo a ONG Global Witness, máis dun terzo dos asasinatos relacionados con cuestións medioambientais foron líderes indíxenas; e tres de catro aconteceron en América Latina, unha proporción desorbitada xa que o 70% dos indíxenas son asiáticos.

Líderes climáticos ante o Papa Francisco

No marco do Foro, os líderes indíxenas foron recibidos polo Papa Francisco no Vaticano. 40 representantes indíxenas de tódalas rexións do mundo presentaron a súa preocupación polo modelo económico mundial, que segundo eles, alimentado polas industrias extractivas, segue a aumentar a desigualdade económica, impide o cumprimento e mailo acceso a dereitos humanos básicos, así como a sustentabilidade, segundo explicaron os líderes indíxenas. “Os humanos continúamos a destruír a natureza, contaminar as augas e prender lume a selvas e bosques”, dicían na carta que lle entregaron ao Santo Pai. “A depredación non é da terra, senón do home”, dixo ao saír da audiencia papal a líder e sacerdotisa da nación Wanka de Perú, Sonia Astuhuamá . “A nai terra vai rexenerarse e nós nin sequera estaremos xa aquí para ver”, engadiu.

O modo e medios de vida, agricultura, gandería, caza-recolección, etc., dos pobos indíxenas están intimamente ligados coa natureza e os recursos naturais, e por tanto, son dos primeiros en sufriren as consecuencias do cambio climático. A alteración dos patróns de chuvia, por exemplo, e o incremento de fenómenos meteorolóxicos extremos están poñendo contra as cordas a moitas comunidades.

Por exemplo, no altiplano boliviano, as comunidades indíxenas que dependen de camélidos como llamas ou alpacas, ven perigar o seu gando que lles dá la, carne e transporte, debido á mortalidade crecente relacionada con nevadas inesperadas, xeadas ou sarabia. Algúns efectos irreversibles da crise climática precisan de medidas de adaptación de xeito inmediato. Cando reciben o apoio necesario, os resultados son esperanzadores, como neste proxecto que protexeu os medios de vida de máis de 10.500 persoas no altiplano boliviano, grazas á financiación do FIDA.

Recursos, dereitos e voz

“Para enfrontar o cambio climático esperamos que haxa máis recursos financeiros e políticos que cheguen aos pobos indíxenas. É fundamental promover o diálogo político efectivo entre as comunidades indíxenas e mailos seus respectivos gobernos”, declarou Myrna Cunningham, líder da comunidade indíxena Miskita de Nicaragua, á Axencia EFE.

Na súa loita de David contra Goliat, as comunidades indíxenas defenden os seus dereitos, recollidos na Declaración ONU dos Dereitos dos Pobos Indíxenas, malia que moitos Estados seguen privilexiando os intereses comerciais e económicos de grandes corporacións sobre os dereitos indíxenas. E por extensión, sobre a acción climática e o futuro no planeta das vindeiras xeracións. Entre outros, o dereito ao consentimento libre, previo e informado (coñecido como FPIC, polas súas siglas en inglés), é dicir, o dereito dos indíxenas a participaren en calquera toma de decisións que os afecte, continúa sendo ignorado por moitos, ben sexa por falta de conciencia ou coñecemento.

Alén do seu propio Foro Mundial bianual, os pobos indíxenas seguen na procura dun sitio na mesas de negociación, tanto en foros tanto nacionais como internacionais, para que se teña en conta súa voz no debate global sobre a crise climática, ademais de seren parte das decisións que os afectan directamente. Polo momento, o FIDA é a única institución financeira internacional (IFI) que recolle metas e compromisos relacionados cos pobos indíxenas nos seus documentos oficiais, e ten “a determinación de seguir defendendo o papel fundamental destes pobos na conservación da biodiversidade grazas á súa custodia e coñecementos ancestrais”, como recolle a súa política de compromiso cos Pobos Indíxenas renovada en 2022.