A semana pasada, o Washington Post publicou unha serie de artigos nos que se describían con inusual detalle os entresillos da relación entre saudíes e americanos. A calidade das súas fontes (Príncipe Bandar, embaixador saudita en Washington, persoas en Ryad do entorno do Príncipe Coronado Abdullah, algún Bush) indícanos que xa está en marcha a campaña de relacións públicas que os sauditas decidiron realizar, poucos días despois do 11 de setembro. Deronse de conta de que tiñan perdida a guerra de imaxe que acompaña hoxe a calquer estratexia de poder. E para vencer ó lobby xudeu, non basta con laiarse, hai que xerar outro lobby.
As claves da relación entre sauditas e americanos xa eran coñecidas. Mentras uns aportan seguridade ós poucos donos das grandes reservas de petróleo, estes donos aseguran o subministro a prezos razoables e invisten en América os seus petrodólares excedentarios. As diferencias entre ambos países eran negociadas por un grupo reducido de xentes que mantiña estreitos vínculos. Nada o exemplifica mellor que o alcume que os texanos daban ó embaixador saudita: Bandar Bush.
Pero o máis novidoso da reportaxe é o relato de certos acontecimentos que precederon ó 11 de Setembro. Como é sabido, a Presidencia Bush fora recibida con certa esperanza no mundo árabe, e con pánico apenas disimulado no sector israelita. O antigo presidente George Bush Sr. non só era amigo personal e socio dos dirixentes sauditas, senón que a ninguén se lle ocultaba a súa hostilidade cara Israel. Esta hostilidade fora unha das causas da súa derrota fronte a Clinton. Nas eleccións do 2000, o lobby xudeu apostara forte polo ticket Gore-Liebermann, mentres que Bush recibía apoio sobre todo das corporacións do petróleo, de tendencias proárabes.
As expectativas dos sauditas ante o triunfo de Bush Jr. foron pechándose cando puideron comprobar que a Casa Branca mantiña un apoio incondicionado a Israel e prefería non involucrarse no conflicto de Oriente Medio, a pesar da segunda insurrección palestina e a escalada bélica de Sharon (Cheney pasoulles unha mensaxe ós dirixentes da zona: "Deixarlles que se fritan").
O malestar do Príncipe Coronado Abdullah ante esta situación crecía co tempo. Rexeitou os acercamentos de Bush Jr. As verbas tranquilizadoras de Bush Sr. ("o meu fillo tén o corazón no lugar axeitado") non bastaban para calmalo. A súa paciencia pareceu esgotarse o 23 de Agosto. Durante o telediario, Abdullah puido ver a imaxe dun soldado israelita pisoteando a cabeza dunha muller palestina. O Príncipe, home impulsivo e apasionado, estoupou nun arrebato de ira ("unha muller agredida por un home, este é o insulto definitivo.."). Chamou ó seu sobriño embaixador, quen non estaba na casa. Iso deu ocasión para que o príncipe observara á mañá seguinte cómo Bush, en roda de prensa, esixía a Arafat que se esforzara máis por deter a insurrección do seu pobo. Outro ataque de furia de Abdullah. Esta vez conseguiu localizar a Bandar no seu palacio privado de Aspen (valor catastral: 55 millóns de dólares), e deulle ordes tallantes. Debía visitar de inmediato a Bush coa seguinte mensaxe: os sauditas respectaban que Estados Unidos mantivera unha alianza estratéxica co réxime de Sharon, pero iso implicaba que Arabia Saudita deixaba de sentirse ligada polo vello pacto de amizade que lles unía. "Para nós, a partir de hoxe, you are from Uruguay".
A mensaxe provocou pánico na Administración Bush (¿cantos países hai en condicións de asustar a Estados Unidos?). Nos dous días seguintes, trataron por tódolos medios de reparar os danos. Cruzaronse cartas con toda rapidez. O Príncipe Abdullah explicou a Bush "que non podía aceptar esta "unamerican" tendencia pola cal o sangue israelita é máis sagrado que o palestino". Na súa resposta, Bush conseguiu plasmar ese desexo por agradar e empatizar que é esencial na súa popularidade. Negou que él realizara distincións entre distintas mortes, e en referencia velada ó incidente que tanto molestara a Abdullah, engadiu que "él rexeitaba as humillacións a calquer individuo". Insinuou Bush a Abdullah que Estados Unidos preparaba un cambio na súa política cara a zona: implicación no proceso de paz, recoñecemento dun estado palestino viable. A rapidez da resposta fixo pensar ós sauditas de que este cambio de política levaba fragúandose certo tempo.
Ben pode imaxinar ún o segredo con que se levaban a cabo estas manobras. Anque Bush non era o candidato preferido dos hebreos, non deixaba de haber membros do lobby xudeu nas altas esferas, ós que conviña manter oculta toda a negociación. Nos pasillos de Washington as paredes oen, e nin sequera os teléfonos da Casa Branca son fiables (cando a Lewinski narrou ó mundo os seus amenos diálogos con Clinton, todos se fixaron na libido do Presidente, e pasou inadvertido un asombroso comentario deste: "por este teléfono non podo falar, sospeito que unha embaixada estranxeira o tén pinchado").
O Príncipe Abdullah, esperanzado polo tono da carta de Bush, decidiu amosarllela ós principais líderes do mundo árabe. Arafat, que estaba en Sudáfrica, foi requerido en Ryad para lela. O fin de semana do 8 e 9 de setembro, diversos elementos da administración Bush prepararon cós árabes a posta en escena da publicación dese cambio de política. Discutíase se o ía anunciar o proprio Bush ou o faría Powell na Asemblea Xeral da ONU. Bandar sentíase eufórico.
Máis chegou o 11 de setembro. E ó Príncipe Bandar Ben Sultán se lle botou o mundo enriba: "Non poido maxinar unha maneira de facer máis dano ó Islam e ó mundo árabe". O cambio de política quedou aprazado, e os sauditas atópanse dende entón aínda máis na defensiva, acosados por tódolos medios de comunicación. E de tódalas guerras que se están a librar hoxe, ningunha máis importante nin decisiva como a de proisraelistas fronte a proárabes (quizáis sexa máis axeitado dicir "fronte a nacionalistas americanos") nos pasillos de Washington. Admítense os golpes baixos.