Outro paradigma

O proceso de militarización que estamos a vivir en numerosos conflitos e áreas do planeta, con escusas e manifestacións diversas, é a outra cara dos graves riscos de implosión que atravesa o sistema financeiro en Occidente, nomeadamente en Europa Occidental e EUA, en clara desvantaxe ante a prosperidade que amosa o Pacífico. Os esforzos orientados a afastar a Ucraína da órbita rusa están relacionados coa implementación do sistema de defensa estadounidense en Polonia, en Romanía e co Aegis que foi despregado en España, todos eles mostras da doutrina do golpe preventivo. Moscova deixou en claro a Washington que non aceptará este sistema que basicamente pretende anular a súa capacidade de resposta. Unha política semellante está en xestación no Pacífico, onde o rival a neutralizar é China. O secretario de Defensa de EUA, Chuck Hagel, de xira estes días pola zona, anunciou a presenza de dous navios máis equipados co sistema Aegis. A escusa son as provocacións norcoreanas (novos disparos de míseis condenados por Pequín), pero a razón última é outra.

Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

Os intentos de salvar a alianza transatlántica sen poñer fin á economía casino que nos levou á crise probablemente fracasarán, o que pode derivar nunha desfeita aínda máis grave que a vivida en 2008. O modelo chipriota, baseado na imposición de obrigas expropiatorias a toda a poboación, destruíndo por completo a economía do país, marcou o rumbo de conveniencia co beneplácito de poderes fácticos e instancias transnacionais. Non hai barreiras efectivas que nos protexan dos efectos da evaporación inmediata de todo o sistema en virtude da conexión entre os mercados. Estamos á intemperie.

Os proxectos de establecemento de grandes zonas de libre comercio, tipo Acordo Transpacífico ou a Parceria Transatlántica para o comercio e os investimentos, o que en suma pretenden é dar unha volta de rosca que reforce ainda mais os grandes imperios empresariais (apenas uns centos), todopoderosos fronte a Estados diminuidos e gobernos sometidos ao seu ditado. Mentres, dous mil millóns de persoas seguen sen poder satisfacer a diario as súas necesidades básicas. Estatísticas recentes amosan que 85 individuos acumulan fortunas equivalentes ás de 3,5 mil millóns de persoas, qué razón pode xustificar que 85 individuos acumulen máis riqueza que a metade da humanidade? As dinámicas económicas e militares en curso pretenden reforzar esta situación. A ideoloxía imperante baseada nun sistema de beneficios especulativos e afastados da economía real é a mesma que nutre a lóxica militarista, mesmo cando esta se presenta coa faciana humanitaria. O poder occidental, a cada paso mais concentrado, fará o imposible e mais por facer prevalecer a súa hexemonía global.

Os perigos dunha dinámica destas características non deben ser infravalorados. Todo é posible, mesmo unha guerra a gran escala. Ou muda a maneira de pensar ou chegará un momento en que o nivel de risco será inasumible. O paradigma no que seguimos instalados, botando contas da evolución da correlación de forzas, do balance xeopolítico e da guerra como recurso, deturpa a esencia dun debate que sen minusvalorar o valor daquelas claves debe trascendelas necesariamente.