PCP

Militantes históricos viven con certa amargura o Congreso que o Partido Comunista Portugués vai celebrar esta fin de semana en Lisboa. O enferruxamento da ortodoxia acabou coa paciencia de membros tan significativos da dirección como Helena Medina, responsable dos intelectuais; António Andrez, responsable de Lisboa; Edgar Correia; José Soeiro, responsable do Alentejo, quen aínda dubida; António Lopes; Emídio Ribeiro; Demétrio Alves; Carlos Brito; Maria Manuela; Branca Carvalho, e un longo etcétera.A esencia do debate radica na interpretación do pasado recente, nas apostas de futuro, pero sobre todo, na demanda de máis transparencia na vida interna, de superación do enorme déficit democrático que existe nese Partido con paredes de vidro, que dixera Alvaro Cunhal. Os que se apartan fanno sen boato, con serenidade e discrección, porque comparten cos que se quedan os mesmos obxectivos lexítimos de fonda transformación social, se ben, como afirma Urbano Tavares en "Visao", pensan de diferente maneira. Os chamamentos á disciplina non poden coartar o debate. En tempos de confusión, un partido grande como o PCP debera esforzarse por osixenar as súas células e someter os seus medos á irradiación de grandes doses de libre circulación de ideas.