Foi na véspera dos Santos Iñocentes cando Alberto Kenyo Fujimori anunciou que competiría nas eleccións que hoxe se celebran en Perú. O escándalo inicial foi maiúsculo porque opta a un terceiro mandato que a propia Constitución prohíbe taxativamente. Desafiante e autoritario, cando tres dos cinco xuices do Tribunal Constitucional determinaron a ilegalidade do seu propósito, Fujimori decretou a súa destitución. Non menos fulminante foi a posterior reorganización do Xurado Nacional de Eleccións que permitiu ó goberno o nomeamento dos seus cinco xuices. Se a estas circunstancias engadimos os excesos da manipulación informativa, denunciados reiteradamente por observadores locais e internacionais, resulta evidente a perversión do actual proceso.
Fujimori confía en gañar explotando os éxitos do seu primeiro mandato, a loita contra o terrorismo ou a mellora económica dos anos 93 a 97. Pero as sombras dunha década de fujimorismo económico comezan a saír á luz: o desemprego, a pobreza, a inmensa poboación de "pirañitas" (nenos ladróns) ou o pésimo estado de sectores como a sanidade ou a educación, evidencian o esgotamento do modelo. Na economía somerxida atopa refuxio hoxe o 55% da forza laboral. Non soamente hai fraude electoral, tamén cabe salientar o fracaso político. O seu máis directo rival, o populista Alejandro Toledo, podería dar a sorpresa. Lamentablemente, no seu programa non se advirte unha maior sensibilidade social. Semella que en Perú os valedores do neoliberalismo aínda non tomaron conciencia dos seus límites.