A condena que o Perú tivo que cumprir, pola súa transición, foi dun ano menos un día. As últimas presidenciais do 9 de abril do 2000 deixaron a Fufimori sen a maioría absoluta no lexislativo e acelerou un proceso de putrefacción iniciado no autogolpe do 92. Hai un ano findara a tolerancia e a comprensión internacional coa sempre contou e no acto da súa terceira toma presidencial só houbo un ministro europeo: Mariano Rajoy. As eleccións do día 8 só tiñan que despexar a incógnita de saber se A.Toledo ía ter rival ideolóxico na segunda rolda ou se esta ía ser unha descafinada disputa entre afíns: liberais e democratacristiáns. O socialdemócrata defenestrado Alán García remontou espectacularmente e desputará a presidencia no prazo dun mes.
Os candidatos sobresaltáronse o domingo cando salto a noticia do fallo informática na ONPE(Oficina Nacional de Procesos Electorais), na mente renaceron as pantasmas do pasado . Neste organismo cocíanse os pucheirazos da época Fufimori que todos cheiraban e que o ano de transición ten suficientemente acreditado.
Dez meses xustos durou o dobre embarazo para expulsar do corpo da xeografía peruana a Montesinos ata partir nun veleiro Karisma cara ás Galápagos o 29 de novembro. Máis complicado foi o de Alberto Fujimori, quen prolongou a súa cómoda estancia no interior quince días máis. A xestación do proceso comezara o 29 de febreiro do 2000 cando os medios de comunicación fixeron pública a falsificación de máis dun millón de sinaturas para inscribir no proceso electoral á candidatura oficialista da Fronte Independente Perú 2000.
A intensidade da transición percibiuse a golpes de inconstáncia. Ás veces máis pareceu unha auténtica ruptura na que foron seccionados os sectores cangrenados da xustiza, do exército, do parlamento, das xuntas electorais….pero finalmente impúxose a sensación de que a corrupción acadara tal dimensión que a enfermidade continua en silencio.
14.906.233 electores estaban obrigados a votar e tiñan a responsabilidade de escoller entre os tres candidatos con posibilidades de pasar a segunda rolda: Alejandro Toledo, Lourdes Flores e Alán García.
A única sorpresa novidosa das eleccións, foi a irrupción de Alán García dende o inferno do descreto, do exilio e da desconfianza dos electores.
Con só 35 anos o socialdemócrata exerceu a presidencia do Perú entre 1985 e 1990, deixando ao país no máis absoluto dos desastres. Abandonado polo FMI e a BM, cunha inflación do 7.650%, cun derrube do PIB do 20% en dous anos. Tampouco no seu lustro presidencial foi quen de deter a carreira de 17.000 mortos que deixaron as guerrillas de Sendero Luminoso e do MRTA. Aínda lle quedaría tempo para cometer un último error ao apoiar a Alberto Fujimori cando competiu pola presidencia en 1990 con Mario Vargas Llosa. Quizais, podería contextualizarse este feito se lembramos que, daquela, Fujimori defendía un estado social forte e Vargas Llosa só tiña fe no mercado e no neoliberalismo.
Viría logo unha década de transmutación. O exército que dicía combater o narcotráfico e a guerrilla acabou metido en operacións de tráfico de armas, de droga, de vulneracións masivas dos Dereitos Humanos. O Goberno do Chino foi finalmente un disciplinado alumno das receitas neoliberais do FMI e a protrección social só unha disculpa para tender os fios da rede clientelar.
Alán García resucita para ofrecerlle a Perú unha alternativa ideolóxica. Parece que os peruanos están dispostos a esquecer o súa nefasta herdanza antes que elixir entre dúas opcións conservadoras tan semellantes como dúas pingas de auga.