Os polacos son uns cidadáns europeos orgullosos do seu país e ciumentos da súa independencia. Non é para menos se lle damos unha revisión á historia recente de Europa. Vivir encaixonado entre dous grandes estados como Rusia e Alemaña, que un día chegaron a repartirse o seu territorio, deixa unha gran pegada na conciencia colectiva, e recrea constantes pantasmas e receos.
Días antes do encontro mantido dos máximos dirixentes europeos e o primeiro ministro ruso o 22 de outubro, para falar dunha estratexia enerxética común, polacos e alemáns ensarilláronse nunha contenda verbal na que Varsovia esixía ser consultada á hora de adoptar unha política enerxética entre rusos e alemáns. Amais, chovía sobre mollado, pois na época Schröder alemáns e rusos alcanzaran importantes acordos en materia enerxética que simplemente ignoraban a presenza dos polacos entremedio, e acabaron con Gerhard Schröder nas súas labores como presidente do Consello de Vixilancia da empresa construtora do gasoduto do Báltico Sociedade do Gasoduto Norteuropeo, polo que percibiría un salario anual de 250.000 euros.
Este feito esgotou a paciencia de Varsovia, que dende hai tempo reclama que Berlín se faga cargo da débeda histórica xerada pola invasión da Segunda Guerra mundial, e bate agora coa perturbadora e persistente actitude alemana no affair do gasoduto.
A tensión acrecéntase aínda máis tendo en conta a crucial importancia da autosuficiencia enerxética nun contexto de incremento da competencia internacional polas fontes de enerxía, entre fortes divisións dos estados europeos que son incapaces de presentar unha política conxunta e coherente fronte ó xigante abastecedor do leste.
Alemaña mirou exclusivamente polos seus intereses e decidiu firmar un acordo con Rusia para a creación dun gasoduto que bordea Polonia polo norte, e que pasa por diante dos países bálticos ignorando a Polonia, o que fai temer que o actual conduto que pasa polo territorio polaco pasará a ser secundario e se enfrontaría ás ameazas dos cortes enerxéticos rusos.
Cada un mira polo seu. E a Comisión Europea non é quen de artellar un discurso conciliador, mentres dende Alemaña se acusa ó primeiro ministro polaco, Jaroslaw Kaczynski de populista. As súas razóns ten para poder selo, tendo en conta que en Europa todos miran para o seu embigo.