Sharon, por riba do ben e do mal

Con satisfacción e un delgado fío de esperanza acollían os palestinos o fallo emitido o venres pasado polo Tribunal Internacional de Xustiza contra a construcción do "muro da vergoña" de Cisxordania. A Autoridade Nacional Palestina reclamaba momentos despois, a inmediata aplicación do fallo en tanto que, coma explica o Tribunal da Haia na súa sentenza condenatoria, o goberno israelí está na obriga de rematar "coas súas violacións do dereito internacional paralizando a construcción do muro erixido no territorio palestino ocupado, incluído o treito arredor de Xerusalén este".

A sentenza fortaleceu a postura de Arafat, tamén acurralado por un muro de tanques na súa residencia de Ramala. A máxima autoridade da ANP, considera agora irrevogábel o desmantelamento da cerca de separación construída en Cisxordania.

O TIX atreveuse a chegar aínda máis lonxe ao esixir ao goberno de Israel que indemnice aos palestinos afectados pola construcción da "barreira de seguridade", que ocasionou cuantiosas perdas de terras e propiedades, alén de ter arrasado cos emblemáticos campos olivareiros da zona.

Xa non caben desculpas, cren os palestinos despois da condena. Non para Sharon quen, coma cabía esperar, sacou da manga unha incríbel coartada en defensa do seu polémico montón de pedras argumentando que o do TIX, "é un dictame unilateral detrás do cal só hai consideracións políticas" e engadindo que "o fallo ignora totalmente a razón da construcción da barreira de seguridade, que é o terrorismo palestino". De tal xeito é como o goberno israelí, eternamente por riba do ben e do mal, ousa con total impunidade plantar cara ao TIX como antes fixera enfrontándose ás Nacións Unidas: a construcción do muro seguirá adiante pese a quen se poña por diante. Claro está, a sentenza non vai ser vinculante.

En outubro pasado, cando se emitía a resolución da Asemblea Xeral das Nacións Unidas e sen ceder un milímetro, o segundo de a bordo de Sharon, Ehud Olmert dicía que a construcción do cerco de seguridade seguiría adiante en resposta aos ataques terroristas palestinos para garantir a seguridade dos cidadáns israelís.

O documento aprobado pola AXNU por unha abrumadora maioría de 144 votos a favor, con 4 en contra máis 12 abstencións e no que se denunciaba a construcción do cerco coma "un feito que se aparta da Liña do Armisticio de 1949 e contravén as previsións relevantes do dereito internacional" foi naquela ocasión vetado polo grande aliado de Israel, Estados Unidos. A sentenza agora pronunciada polo TIX inclina a balanza do lado de Palestina e da Resolución da Asemblea Xeral. Mais polo visto, a Sharon pouco lle importa. Agora atrévese, e isto é do máis grotesco, a responsabilizar do último atentado perpetrado en Tel Aviv o sábado pasado ao Tribunal da Haia. O premier israelí ordenou ademais continuar coas obras nunha reunión celebrada no domingo, só 48 horas despois de ter sido pronunciado o dictame do TIJ. Por enésima vez, a polémica está servida.

O "muro da vergoña", construído segundo a versión israelí para impedir a entrada de suicidas palestinos en Israel ou "muro do apartheid" segundo as autoridades palestinas, non fixo senón pechar aínda máis toda oportunidade ao desfalecido proceso de paz. O certo é que o humillante muro de formigón só serviu a Israel para seguir anexándose máis e máis terras. Por iso, non fica máis esperanza para os palestinos de Cisxordania que a do seu desmantelamento.