20061215edificio berlaymont benvida bulgaria romania eu

Somos 27

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Edificio Berlaymont, clic para aumentar
Os novos membros Bulgaria e Romanía están na fronteira leste do continente político europeo, e figuran na lista dos países en disputa coa área de influencia rusa. (Foto: Mensaxe de benvida a Bulgaria e Romanía na fachada do edificio Berlaymont, sede da Comisión Europea en Bruxelas. ©European Community).
 

O primeiro de xaneiro do 2007, dous novos países se incorporarán á construción de UE, que pasará de 25 a 27 estados. Os novos membros Bulgaria e Romanía están na fronteira leste do continente político europeo, e figuran na lista dos países en disputa coa área de influencia rusa.

Os novos membros chegan nun intre xusto no que comezan a escoitarse voces que reclaman o peche da lista de convidados ao privilexiado clube dos escollidos que moran nos países máis desenvolvidos. Na construción da Europa do século XXI, máis materialista e pragmática que a dos idealistas que lle asistiron a súa concepción e parto no tratado de Roma do ano 1957, se pregunta con demasiada insistencia: Que é o que nos van aportar os novos membros? Ou dito doutro xeito: Cantos nos vai custar a súa incorporación? Ou mesmo, vamos perder parte do noso estatus por aceitar novos convidados?

A perspectiva dos que moran máis alá das fronteiras da actual Unión Europea, ten varias ópticas, pero maioritariamente son favorables a entrar neste espazo sociopolítico. Afirmar que son proeuropeos, tal como se recolle habitualmente nos grandes medios de comunicación da vella Europa, é unha distorsión reducionista do termo, xa que tanto Romanía como Bulgaria forman parte da construción histórica da Europa que hoxe somos.

Sen embargo, xusto na hora da integración, unha boa parte dos búlgaros están mudando a súa percepción. Agora ollan cara a Europa con escepticismo. Hai exactamente unha década, o país estaba en vías de converterse nun estado falido: as distintas terapias de choque postas en marcha polos gobernos socialistas que resultaron electos nesa década, acabaron nunha espiral hiperinflacionista, en recesión económica e en protestas multitudinarias na rúa. Naquel panorama de pesimismo, Europa era idealizada como a solución necesaria para saír da crise, como a armadura ríxida para conter a ineficacia dos gobernos locais.

Mais, o difícil proceso de negociación, levo a mudar esta imaxe benefactora da vella Europa, cada vez menos solidaria e máis egoísta. A Bruxelas do século XXI, ten agora un perfil mercantilista máis definido, no que as grandes beneficiadas poden ser as elites económicas locais.

Para articular a contestación a integración, teñen gañado espazo político, partidos que non só defenden os sectores económicos nacionais que poden ser prexudicados pola integración económica, senón que mesmo se cuestionan os principios ou son escépticos cos efectos benéficos da democracia, que tras da transición comunista fora idealizada como solución máxica de todos os males do vello sistema.

Os dous grandes referentes EEUU e a UE, teñen perdido parte do ser brillo como estrelas as seguir. Os norteamericanos polo seu unilateralismo belicista, e os europeos polo seu egoísmo e hermetismo cara á integración dos outros membros de Europa que aínda non forman parte dela.

Neste contexto, é no que se move a actual diplomacia rusa, en relación aos países veciños. Moscova ten reservados cinco millóns e medio de euros anuais para promover e cohesionar na Europa Oriental, o pensamento político soberanista nos intereses económicos locais e antiliberal no pensamento político global, que sexa atractivo os desencantados dos modelos occidentais.

A vella Europa, se quere seguir sendo referende non pode renunciar aos valores serviron para a súa constitución e deixar de priorizar os aspectos económicos.

Bulgaria e Romanía son só dúas fichas no taboleiro da Europa Oriental, no que tamén xoga Rusia. Os Balcáns, Xeorxia,Ucraína dou Belarús son outros escenarios nos que Europa e Rusia están implicados dende perspectivas e intereses contrapostos.

Facer movementos unilaterais pode desencadear graves consecuencias imprevistas e non desexadas. O pasos de Europa deberían estar máis inspirados nos principios que alumaron a vella Europa e menos nos intereses dos privilexiados.