Hebdomadario da Política Taiwanesa
Semana do 28 de marzo ao 3 de abril de 2016

Taiwan Hebdo 13-2016

1.      Informe

O presidente saínte Ma Ying-jeou e a presidenta electa Tsai Ing-wen reuníronse esta semana para discutir aspectos relacionados coa transferencia do poder e as políticas públicas de Taiwan para asegurar unha transición sen problemas coa vista posta no próximo 20 de Maio. Foi a súa primeira reunión trala vitoria “verde” en xaneiro e é a terceira vez que se rexistra unha alternancia no goberno desde as primeiras eleccións presidenciais directas de 1996.

Apartados xeográficos China e o mundo chinés
Idiomas Galego

1.      Informe

O presidente saínte Ma Ying-jeou e a presidenta electa Tsai Ing-wen reuníronse esta semana para discutir aspectos relacionados coa transferencia do poder e as políticas públicas de Taiwan para asegurar unha transición sen problemas coa vista posta no próximo 20 de Maio. Foi a súa primeira reunión trala vitoria “verde” en xaneiro e é a terceira vez que se rexistra unha alternancia no goberno desde as primeiras eleccións presidenciais directas de 1996.

Entre os temas abordados a porta pechada nas dúas horas de reunión citáronse as pensións, a situación diplomática, o emprego, a enerxía, o Mar de China meridional, sen poder entrar nos asuntos relativos ao Estreito por falta de tempo. Todo apunta a que o tránsito realizarase sen creba algunha.

Cabe sinalar que en paralelo a este encontro, a actividade lexislativa do PDP maniféstase con moita enerxía afectando a numerosos ámbitos, aínda que significativamente aborda aspectos como a “xustiza de transición” (memoria histórica, bens dos partidos, reconciliación, imparcialidade da xudicatura…) ou a normativa que rexe as relacións entre Taiwan e China continental con niveis de control e esixencia redobrados en aspectos como as viaxes alén do Estreito de ex presidentes ou ex vicepresidentes para evitar “fendas de seguridade”. O KMT, á cabeza da oposición, móstrase pouco compracido con estas propostas que reflectirían “pouca visión” e inconveniencias engadidas para preservar as canles de comunicación con Beijing. Aínda así, outros advirten que o ton das propostas do PDP moderouse en relación aos borradores previos. Paradoxalmente, a nova lei sobre o traspaso de poder segue estancada na lexislatura e o presidente Su Jia-chyuan advertiu que podería non chegar a aprobarse a tempo.

Nas últimas semanas, tanto Ma como portavoces do continente insistiron na importancia de renovar a validez do Consenso de 1992 como base para o entendemento bilateral. A Oficina de Asuntos de Taiwan do Consello de Estado manifestou a súa oposición á norma de supervisión dos acordos a través do Estreito sinalando que obstaculizaría o logro de futuros acordos.

Diferentes enquisas nas últimas semanas revelan un estado de opinión que certifica o apoio ao mantemento do status quo (máis do 80 por cento) aínda que en torno ao 50 por cento cre que a unificación é “inevitable”. Esta disxuntiva segue pesando na definición do ton que finalmente adoptará o PDP como signo distintivo da súa xestión nos próximos catro anos.

2. Observacións de contexto

* A ministra de xustiza Luo Ying-shay encabezou unha delegación de funcionarios taiwaneses a Beijing e Shanghai para impulsar as relacións bilaterais en materia xudicial. Ademais, participou en varios seminarios e simposios. En 2009, Taiwan e China continental asinaron o Acordo de Cooperación Xudicial contra a Delincuencia no Estreito. 

* A SEF cancelou unha prevista viaxe a China continental á vista dos reparos do Yuan lexislativo. Algúns deputados acusaron ao titular Lin Join-sane de simplemente intentar esgotar o orzamento para este fin.

* Taiwan aínda non recibiu a invitación para acudir á edición da Asemblea Mundial da Saúde que se levará a cabo do 23 ao 28 de maio. Fontes da illa aseguran que “non hai indicios de presión por parte de Beijing” para impedir a participación taiwanesa. Desde o ano 2009 viña participando nestes eventos a titulo de observador.

* A situación no Estreito de Taiwan estivo presente na reunión entre os presidentes Obama e Xi en Washington, no marco do cuarto Cume de Seguridade Nuclear. EUA alentou a ambas partes a continuar a cooperación tralo traspaso de poder.

* As autoridades taiwanesas reaccionaron con prudencia ao anuncio de Tokio do establecemento dunha unidade de vixilancia na illa Yonaguni, a só 100 km da costa este de Taiwan. A unidade, de 160 membros, dispoñerá dun radar para controlar barcos e avións na zona das illas Diaoyutai/Senkaku.

* Taipei publicou un informe sobre o incidente de barcos pesqueiros con navíos indonesios que poñen en causa a versión oficial de Yakarta a quen se propuxo a firma dun acordo de cooperación similar ao subscrito con Filipinas. Noutro conflito, Beijing reclamou a Taiwan a liberación de 41 pescadores detidos cando pescaban en augas das illas Dongsha.

* Taiwan abriu unha oficina de representación económica e cultural en Myanmar.

* A decapitación dunha nena de catro anos en Taipei conmocionou Taiwan e reabriu o debate sobre o mantemento ou supresión da pena capital. En xuño do ano pasado foron executados seis condenados a morte.

3. Datos relevantes

* A economía taiwanesa podería crecer en 2016 en torno ao 1,6 por cento segundo a previsión do Banco Asiático de Desenvolvemento.

* O volume comercial entre China continental e Taiwan experimentou unha caída do 15,4 por cento nos dous primeiros meses de 2016. 

* EUA remprazou a China como maior debedor de Taiwan sobre a base do risco directo. Sobre a base do risco último, China segue sendo o maior debedor do sector bancario de Taiwan

* Taiwan investiu en fondos en India en 2015 o equivalente a US$ 1.542 millóns, situándose só por detrás de EUA e Xapón. 

* Foxconn anunciou a adquisición do 66 por cento das accións ordinarias da compañía xaponesa Sharp.

* O consorcio continental Qinghua Unigroup espera investir en 3 empresas taiwanesas de empaquetado e test IC adquirindo o 25 por cento das accións de cada unha delas. O Consello de Revisión de Investimentos analiza o proxecto. 

* O 86 por cento dos taiwaneses menores de 35 anos prefiren crear os seus propios negocios a traballar para outras persoas, segundo unha enquisa da axencia “1111Job Bank”. 

* Segundo fontes da Axencia de Seguridade Nacional, o ano pasado 35 estranxeiros sospeitosos de pertencer a grupos xihadistas intentaron entrar en Taiwan. Non hai información dispoñible sobre taiwaneses alistados no Daesh como tampouco existen riscos de ataques terroristas en Taiwan. Aínda así, algunhas voces reclaman a aprobación de leis contra o terrorismo ante as insuficiencias do marco actual. Taiwan quedou no posto 113 no Índice de Terrorismo Global 2015.

4. Nomes relevantes

* Chung Chao-cheng, Le Chien-lang e Le Hsing, foron galardoados co Premio Nacional de Cultura.

* Hung Hsiu-chu, tomou posesión como presidenta do KMT nunha cerimonia que contou coa presenza de pesos pesados do partido como Ma Ying-jeou, Lien Chan, Wu Poh-hsiung, Wu Dean-yih ou Wang Jin-pyng. O KMT controla só un dos seis principais municipios da illa e conta con 35 dun total de 113 deputados. 

* O presidente da Academia Sínica, Wong Chi-huey, presentou a súa dimisión tras unha controversia sobre unha nova medicina contra o cancro. 

* Arlindo Ramos, ministro de Interior de Santo Tome e Príncipe, visitou Taiwan.