Taiwán non quere ser chinesa

A sociedade taiwanesa vai a remolque do interese chinés pola unificación

Taiwán celebrou onte eleccións presidenciais. Son os segundos comicios pluripartidistas en toda a milenaria historia de China. A República Popular seguiu moi atentamente todo o proceso electoral. Se en 1996, Beijing realizaba manobras militares para intentar condicionar o sentido do voto dos cidadáns de Taiwán, desta vez a publicación dun novo “Libro Branco sobre o problema de Taiwán”, advertía sobre as terribles consecuencias dun pronunciamento independentista: a China ameaza con invadir a illa.

A existencia do chamado “problema de Taiwán” ten a súa orixe na guerra civil e na derrota sofrida polas forzas do Kuomintang. Ao proclamarse en 1949 a República Popular, Chiang Kai-shek, o Xeneralísimo das tropas nacionalistas exiliouse en Taiwán baixo a protección de Estados Unidos. Durante vinte anos, Taipei representou a toda China nas Nacións Unidas, pero a partir dos anos setenta, coa normalización de relacións entre Washington e Beijing, Taipei perdeu aquela preminencia. Dende entón, pode afirmarse que Taiwán é un estado de feito, pero non de dereito, é dicir, nin é membro de Nacións Unidas nin goza do recoñecemento internacional, se ben actúa na práctica como un auténtico estado. A maior parte da comunidade internacional recoñece a China como o lexítimo e único representante de todo o pobo chinés.

O réxime dictatorial imposto en Taiwán por Chiang Kai-shek cebouse coa poboación nativa. O chamado “terror branco” permitiu asentar no poder á élite nacionalista orixinaria do continente. Os taiwaneses tiveron que aprender o mandarín para significarse e sobrevivir.

A desaparición de Chiang abriu as portas a un proceso de transición impulsado dende arriba. Dende as propias filas do Kuomintang, Lee Teng-hui, un nativo de Taiwán que medrou ata os máximos órganos de poder, é o principal valedor do cambio. A aposta democrática é inseparable desa autoafirmación que rexeita o abrazo amargo do continente, vivido nas propias carnes e durante décadas de dictadura. En Lee Teng-hui cristaliza a esperanza de que un réxime democratico conte con máis apoios internacionais á hora de desafiar á outra China autoritaria. Ata entón compartían sistemas políticos similares, se ben ideolóxicamente encontrados. A consolidación dunha democracia taiwanesa introduce un elemento de diferenciación importante respecto do continente e demostra que o autoritarismo non constitúe un “destino fatal” para China. En Beijing, replican que o proceso democratizador iniciouse en Taiwán cando xa acadara un importante nivel de desenvolvemento económico. Primeiro, pois, a economía; logo, a política…

Unha economía poderosa

Segundo afirma José Luis García-Tapia, director da Cámara de Comercio española en Taipei, a economía de Taiwán mantivo elevadas taxas de crecemento nos últimos anos. A súa renda per cápita é de 13.203 dólares, similar á de España e moi por riba da República Popular (790 dólares). As súas reservas de divisas ascenden a 110.000 millóns de dólares. O dinamismo comercial deste país de 22 millóns de habitantes baralla cifras, tanto en importacións como exportacións, superiores ás de España. Taiwán é a décimocuarta potencia comercial mundial. A súa densidade de poboación é de 607 habitantes por km2, a segunda maior do mundo. En Taiwán existen 420 vehículos por km2, o dobre que en Xapón e 20 veces máis, por exemplo, que en Estados Unidos.

Bautizada polos intrépidos navegantes portugueses como a Ilha Formosa debido á súa gran beleza natural, a sociedade taiwanesa vive hoxe cautiva do interese continental pola unificación. Ata agora, os dirixentes de Taiwán admitiron o principio de “unha China”, é dicir, que a división entre as dúas Chinas obedecía a causas coxunturais, pero que ambas compartían un mesmo horizonte de unidade común de toda a nación chinesa. Sen embargo, nos últimos anos, a medida en que os nativos gañan influencia e poder político, ese compromiso coa idea da unificación vai a menos. ¿ Por qué non dúas Chinas?, pregúntanse en Taiwán.

China ofrece a Taiwán un réxime especial, similar ó contemplado para Hong Kong ou Macao. Pero a fórmula “un país, dous sistemas”, semella insuficiente para dar cobertura ás aspiracións taiwanesas. Certamente o seu caso é moi diferente ó das excolonias do Reino Unido e Portugal. Taiwán é un país e con todas as limitacións que se queira, dispón dun Exército e dunha diplomacia propia. Ata agora esas circunstancias especiais non son tomadas en serio por unha China que todo o reduce a soflamas patrióticas.

Taiwán, importante para Galicia

Galicia mantén con Taiwán un interesante intercambio comercial, moi importante nalgúns capítulos. En efecto, Galicia vende a Taiwán máis granito en bloque do que vende, por exemplo, a Portugal. É a segunda praza en importancia no exterior. Exportamos máis a Taiwan que a toda China, e dalí importamos manufacturas plásticas, material de transporte, maquinaria eléctrica e sobre todo productos pesqueiros (fletán, entre outros). Segundo afirma Francisco Ou, director da Oficina Económica e Cultural de Taipei en Madrid, aínda existe unha ampla marxe para promover os intercambios entre Galicia e Taiwán. España é o séptimo socio comercial de Taiwán en Europa.

¿É posible unha guerra?

A economía exerce un gran poder disuasorio. Dende que en 1987 Taipei decidiu eliminar as máis importantes restriccións, as relacións bilaterais, tanto en comercio como en investimentos directos, experimentaron un notable incremento. A pesar de que o goberno taiwanés elevou a prudencia en relación ós investimentos en China, Beijing sabe tirar proveito da proximidade xeográfica e cultural. Medidas como o establecmeento de topes á contía dos investimentos (máximo de 50 millóns de dólares), a limitación das transferencias de tecnoloxía ou o favorecemento, dende 1994, da chamada “política cara o Sur” co obxecto de abrir unha nova vía para os investimentos no sudeste asiático, non deron o resultado agardado. Moi ó seu pesar, os empresarios de Taiwán sintense máis cómodos e seguros traballando no continente e apoiando “ós bandidos chinos comunistas”. Para todos eles, China é unha opción natural.

Por outra banda, unha guerra frustaría a estratexia chinesa de integrarse na economía mundial. Os efectos serían desastrosos para o desenvolvemento do proceso modernizador que este ano experimenta un xiro cara ás zonas do interior e do oeste, aínda a enorme distancia das rexións costeiras.

No exterior, tamén preocupa a unificación. De sumar o peso das economías de Hong Kong. China e Taiwán, no ano 2002 xa superarían en PNB a Estados Unidos. Segundo estimacións do Instituto Internacional de Estudios Estratéxicos de Londres, no ano 2020 China será a economía máis forte do mundo. Por outra banda, a unificación deixaría en mans chinesas o control da principal arteria económica de Xapón, o estreito de Taiwán, por onde pasa a ruta do petróleo que abastece a economía nipona. Por último, dende unha perspectiva global, consumada a desfeita sovietica, China é o unico país con capacidade potencial suficiente para enfrontarse a Estados Unidos no novo milenio.

Pero para Beijing a unificación é unha misión histórica irrenunciable. A mediados de xullo pasado, en plena crise polas declaracións de Lee Teng-hui á Deutsche Welle, Jiang Zemin declaraba a un diario local que “existen forzas en Taiwán e na comunidade internacional que teñen como meta a separación da illa. Non nos manteremos como espectadores deixando que iso aconteza”. Non se trata de afirmacións gratuitas. China estima que no suposto de recorrer á guerra, Estados Unidos nunca chegaría ó enfrontamento directo. Pero ata as previsións máis fundadas poden chegar a trabucarse. O diálogo é a mellor forma de prevención. E comeza a adquirir un certo perfil de urxencia.