Tensións entre Romenia e Moldova

Despois de que o ano pasado a república de Moldova elixira un goberno de orientación comunista e favorable ao restablecemento de estreitas relacións con Moscova, as tensións co veciño romanés non deixaron de ir a máis. Hai unhas semanas, Moldova expulsou ao agregado militar romanés e Romenia fixo o propio co primeiro secretario da embaixada moldova. No fondo da crise, a orientación estratéxica de Moldova: mirando a Moscova ou mirando cara Europa, via Bucarest.

A espoleta que alenta o enfrontamento é a decisión do goberno que preside Vladimir Voronin de introducir o ensino obrigatorio da historia rusa e do idioma ruso nas escolas, a pesar de que os moldavos falan hoxe maioritariamente o romanés, aínda que lle chamen moldova. A expulsión de Ion Ungureanu obedece, aseguran, aos seus contactos coas forzas da oposición que rexeitan esa aproximación de Chisinau a Moscova. O primeiro ministro romanés, Adrian Nastase, acusa a Voronin de atizar o enfrontamento bilateral sen motivo algún.

As relacións entre os dous países nunca foron especialmente boas, pero empioraron de maneira substancial coa chegada ao poder dos comunistas, gañadores incontestables dos últimos comicios, feito que acontece por primeira vez nunha das antigas repúblicas soviéticas. Contra a rusificación de Moldova xurden numerosas voces no país que atopan na veciña Bucarest un auditorio privilexiado. Cómpre non esquecer que antes de 1939, o esencial do actual territorio de Moldova pertencía a Romenia. O ministro romanés de asuntos exteriores, Mircea Geoana, asegura que non sosteñen ningún tipo de reivindicación territorial pero si se consideran obrigados a preservar a cultura e a lingoa común ás xentes do seu país.

O equilibrio étnico e a identidade nacional de Moldova, se modificaron, asegura Marian Chiriac, cunha campaña de rusificación forzada durante a época de Stalin. Dous tercios de moldavos son romenos e o resto constitúe unha minoría rusófona que se fixo forte nos últimos anos na autodenominada República do Trandsniester. Nesta rexión, os preto de 700.000 eslavos que a habitaban, iniciaron no comezo dos noventa, un movemento secesionista ante o temor de que Moldova se aproximara de máis a Romenia. Ata a fin da URSS a lingoa oficial era o ruso que podian falar nove de cada dez habitantes da República. Un escoramento demasiado pronunciado cara Moscova pode destapar a caixa dos tronos nos sectores máis radicais e proromenos.

A crise social pode agravarse como vía de escape ante unha situación económica calamitosa, tanto nunha como noutra República. Mutuamente empobrecidos, un non pode axudar ao outro, pero si entre ambos os dous facerse moito dano.