Terceiro tempo

 Valo publicitario do Roewe 750; clic para aumentar
Estados Unidos xa non é o primeiro exportador mundial (está detrás de Alemaña e de China), nin o primeiro construtor mundial de coches (China e Xapón van por diante), hai máis euros en circulación ca dólares, e o euro reempraza ao feble dólar como principal moeda de cambio. (Foto: Valo publicitario do Roewe 750 contruído con tecnoloxía Rover pola Shanghai Automotive Industry Corp, SAIC).
 

O ano 2007 remata marcando unha nova tendencia nas relacións internacionais. Entramos no terceiro tempo da posguerra fría, poñendo fin a dúas etapas convulsas nas que o predominio hexemonista, o desprezo á legalidade e o recurso á ameaza e o uso unilateral da forza evidenciaron unha profunda incapacidade para reformular o sistema internacional con miras a introducir maiores cotas de estabilidade, xustiza e de progreso.

Os síntomas desa nova tendencia asoman en numerosos escenarios. A viraxe experimentada en contenciosos como o de Corea do Norte ou Irán indica que a diplomacia gaña terreo sobre a inminencia do uso da forza. Cando en 2008 remate o mandato de Bush, rematará tamén a segunda fase da posguerra fría que tivo o seu inicio no 11 de setembro de 2001, situando o terrorismo como a maior das ameazas para a estabilidade mundial, e brindando un argumento incontestable a Washington para alargar a súa influencia estratéxica en escenarios ata entón inimaxinables. En América Latina ou África medra a convicción de afirmar procesos autóctonos e de establecer novos modelos de relación cos principais actores internacionais e con áreas ata entón practicamente ignoradas, fortalecendo a cooperación Sur-Sur. E a moderación afírmase como o valor predominante nos contenciosos máis encistados, o cal non quer dicir que poidamos agardar solucións inmediatas, pero o recurso á forza como vector predominante para procurar beneficios estratéxicos, alentada desde a primeira da guerra do Golfo e a disolución da URSS, que abriron a primeira fase da posguerra fría, ten os seus días contados.

Os protagonistas principais dese cambio de tendencia son dous: Rusia e China. A Moscova de Putin, pese aos seus múltiples trazos grises, afirma os seus intereses estratéxicos, plantando cara ás ambicións de Washington non soamente no seu estranxeiro próximo, senón tamén en litixios graves como o de Irán. Pola súa banda, China, cada día máis segura de si mesma, comeza a dar mostras dunha hábil diplomacia que con outro modelo, tirando proveito da forza da súa economía e forzada polas necesidades que tamén suscita, está forxando alianzas de gran calado estratéxico en todos os continentes. O impulso tecnolóxico, unha das carencias máis notorias da súa emerxencia, colle forza á par da súa carreira espacial.

Estados Unidos xa non é o primeiro exportador mundial (está detrás de Alemaña e de China), nin o primeiro construtor mundial de coches (China e Xapón van por diante), hai máis euros en circulación ca dólares, e o euro reempraza ao feble dólar como principal moeda de cambio. Wall Street perde peso en relación ás bolsas europeas, e mesmo a rusa ou as asiáticas. Como destacaba The Economist recentemente, EEUU é o país máis endebedado do mundo, con maior poboación carceraria, e co maior nivel de consumo de enerxía. Segue en cabeza, pero o pelotón vaise ampliando e ameaza seriamente un predominio que tentou afirmar, sen éxito, coa forza dos seus exércitos, cada día menos invencibles.