Moderación podería ser a palabra clave que mellor defina a orientación principal das relacións internacionais no ano que remata. Nos principais contenciosos, de Corea do Norte a Irán, pasando polo mediático acordo de Annapolis, a busca de solucións diplomáticas semella imporse fronte ao uso da forza, unha tendencia que cómpre consolidar con resultados e que pode abrir expectativas positivas noutros escenarios, desde Iraq ou Afganistán a Sudán.
As causas dese cambio de tendencia relaciónanse directamente co fracaso da estratexia da Administración Bush que coa súa guerra global contra o terrorismo, encubridora en demasiados casos de apetencias estratéxicas polo control das principais fontes de enerxía, promoveu a inestabilidade "e non a democracia", abrindo cada vez máis frontes de tensión. Ademais, o plante de Rusia e China, afirmando os seus propios intereses cunhas economías en boa situación, sinalou diques de contención de Washington, difíciles de remontar cunha economía asediada polas débedas e cun dólar feble. Pola contra, o seguidismo e inhibición da maior parte dos países europeos en pouco positivo contribuíu a fortalecer políticas de paz e distensión no mundo.
As crises de 2008 non son poucas. Á sempre presente ameaza dos golpes indiscriminados do terrorismo, cómpre engadir o incerto futuro da tensión en Palestina e en todo o Oriente Medio, as crises políticas de Paquistán e os conflitos de baixa intensidade que perduran en Afganistán e tantos outros lugares. Tamén cómpre seguir de preto a tensión entre China e Taiwán ou entre Serbia e Cosova, litixios político-territoriais que poden deparar algún sobresalto.
Europa, que deixou atrás a súa crise constitucional, abre un horizonte de ratificación do Tratado de Lisboa. Será un ano de transición e só cabe desexar que permita esa mellora da eficiencia tan buscada, pero tamén a formulación de políticas diferenciadas que exclúan, por exemplo, unha nova hipoteca do territorio europeo ás estratexias belicistas de EEUU. América Latina e África, que viven momentos de afirmación dos procesos de integración continental, deberán atopar camiños para plasmar o cambio de discurso en apreciables melloras sociais para unhas poboacións aínda moi castigadas pola pobreza e o esquecemento. É nese aspecto onde cabe apostar polo maior dos radicalismos e excluír a moderación.