¿Un novo bloque?

A intensificación do diálogo Moscova-Beijing pode ter implicacións estratéxicas. O actual cumio ruso-chinés non é unha improvisación. En 1993, tanto o Centro de Investigacións Políticas do Comité Central do Partido Comunista da China como o Buró de Investigacións Militares da poderosa Comisión Militar Central consideraron chegado o momento de propor o establecemento dunha alianza sino-rusa contra o hexemonismo norteamericano. Segundo formulara Deng Xiaoping, xunto ás catro modernizacións e a reunificación do país, a loita contra hexemonismo, é unha das tres tarefas políticas principais durante o período da reforma. Nese mesmo ano asinouse un acordo de defensa e a partires de entón multiplicaronse os encontros de funcionarios chineses e rusos de alto rango.

¿Sobre que bases pode establecerse esa nova alianza? En primeiro lugar, constatando a superación dos contenciosos do pasado. Camboia, Afganistán ou Vietnam, hoxe semellan formar parte doutra galaxia; os conflictos que pululaban polos máis de 4.000 quilómetros de fronteira común están desactivados; a maior parte solventaronse con acordos e verificouse unha enorme desmobilización de efectivos por parte de ambos os dous exércitos.

En segundo lugar, debemos considerar a complementariedade das súas economías. A China vende a Rusia productos alimenticios e téxteis e adquire metais, maquinaria e equipamentos de transportes. Moscova ademáis proporciona boa parte das materias primas e incluso tecnoloxías básicas que se precisan nas provincias norteñas da ex-Manchuria. Por parte rusa, Siberia e o Extremo Oriente lideran un intenso comercio fronteirizo. O goberno chinés está a crear nestas zonas polos de desenvolvemento seguindo o modelo de Shenzhen. En Liaoning, técnicos rusos dirixen a construcción dunha central nuclear de 2.000 MW. Un millón de chineses trasladanse ás veciñas cidades rusas, a inmensa maioría deles ilegalmente, para suplir o déficit de man de obra local. A China convertiuse no principal socio de Rusia no Pacífico, por diante mesmo do Xapón.

No campo da defensa, terceira reflexión, Rusia participa activamente na modernización do exército chinés; a cada paso subscriben acordos para novos subministros a Beijing de míseis de elevada tecnoloxía e outros equipos. En cuarto lugar, úneos unha similar concepción do momento internacional actual. Comparten un crecente nacionalismo e o desexo dunha efectiva multipolaridade das relacións mundiais, e acusan o carácter problemático do seu entendemento cos países occidentais. Rusia ambiciona frear a toda costa a expansión oriental da OTAN; a China observa o delicado estado das súas relacións con Estados Unidos -Tíbet, dereitos humanos e sobre todo Taiwán- e efectúa as súas proxeccións tendo en conta un substancial debilitamento da súa alianza estratéxica con Washington.

A búsqueda dun camiño propio, o alonxamento do mimetismo occidental, unha maior influencia no contexto internacional que sirva de equilibrio e contrapeso ó determinante poder de Washington, ben poderían cimentar o nacemento dun eixe estratéxico Moscova-Beijing, ó que poderían sumarse algúns países, aínda orfos, do chamado Terceiro Mundo.

Así pois, dende os comezos da República Popular, o diálogo bilateral vive un dos seus momentos máis esperanzadores. Pero non todo son luces. No seu debe, cómpre tomar en consideración ese balance históricamente conflictivo que alimentará sempre a mutua desconfianza. Probablemente pesen agora circunstancias en exceso tan coxunturais como para librar de apaixonamento o entendemento mutuo. Nun momento de crítica e illamento internacional, Moscova agradece o apoio chinés ó xenocidio checheno (¿alguén pode crer agora que os atentados de Moscova foron obra de terroristas caucásicos?). Beijing agarda idéntica comprensión e respaldo no hipotético suposto de fracasar o seu intento de reunificación pacífica con Taiwán.

A China precisa engaiolar a Rusia para tratar de mellorar as súas relacións con Estados Unidos, pero ninguén pode asegurar que esa relación se reforzará unha vez remate o actual periodo electoral. A quebra rusa, gangrenada en boa medida por Occidente, e tanto inmediatismo hipotecan a consolidación dunha alianza, hoxe máis táctica ca estratéxica.