20080206roma giorgio napolitano disolucion parlamento

Volve Berlusconi?

 Giorgio Napolitano asina decreto disolución Parlamento italiano; clic para aumentar
O presidente Giorgio Napolitano lamentou ter que tomar a decisión de poñer fin á lexislatura cando só levan transcorridos menos de dous anos, pero a resistencia dos partidos de centro dereita a un goberno provisional fixeron inevitable esta decisión. (Foto: Giorgio Napolitano asina o decreto de disolución do Parlamento italiano o 6 de febreiro de 2008. Xunto a el están, de dereita a esquerda, Romano Prodi, Salvatore Sechi, Donato Marra e Enrico Letta).
 

As eleccións anticipadas convocadas para o 13 e 14 de abril, coincidindo coas locais e rexionais xa se verá, abren paso de novo na política italiana ao líder do centro dereita, Silvio Berlusconi (71 anos). Tanto nas formas como nas mensaxes e contidos programáticos, ao alcalde de Roma, Walter Veltroni (52 anos), do Partido Demócrata e seguro rival, resultaralle difícil tomar distancias con respecto ao breve mandato de Romano Prodi. O presidente Giorgio Napolitano lamentou ter que tomar a decisión de poñer fin á lexislatura cando só levan transcorridos menos de dous anos, pero a resistencia dos partidos de centro dereita a un goberno provisional fixeron inevitable esta decisión. Para todos, o reto maior será vencer o probable abstencionismo que emerxe como expresión do desencanto ante a sempre alambicada evolución da política italiana.

Atendendo aos datos ofrecidos polas primeiras enquisas, a volta ao pasado, cando menos no nominativo, parece servida. Il Cavaliere, que competirá por quinta vez consecutiva, cos seus habituais aliados (o postfascista Gianfranco Fini, o populista Umberto Bossi e o centrista Pierferdinando Casini), aposta agora por unha imaxe afastada do histrionismo e inflexibilidade que partiu en dous a sociedade italiana. Este "novo" Berlusconi preséntase como campión do diálogo e da política construtiva, capaz de renovar os cimentos da política italiana e limitar os contornos dos enfrontamentos que acabaron por liquidar o goberno de Prodi. Propaganda e fogos de artificio, pois, están asegurados para seducir á cidadanía. Logo veremos, como na veciña Francia de Sarkozy, se hai algo máis e de que se trata.

Sexa quen sexa, o gañador deberá impulsar a reforma da lei electoral. A vixente normativa, votada durante o mandato de Berlusconi uns meses antes das lexislativas de abril de 2006, favorece a entrada no parlamento dos pequenos partidos (co limiar do 2 por cento), agravando a crónica inestabilidade. Prodi debía negociar coas 13 formacións que apoiaban a súa coalición de centro esquerda.

Veltroni, que se presenta por primeira vez e liderando a nova formación impulsada por Prodi, elixido como candidato a través dunhas primarias inéditas en Italia, ten un remontada difícil. En calquera caso, a liquidación da fórmula do Olivo, que durante quince anos viu librando as grandes batallas da política italiana, abre paso a un novo tempo no centro esquerda.