Xeorxia, entre as dúas potencias

 Bush e Saakashvili, clic para aumentar
A visita de George Bush semella ter avanzado o proceso sobre a entrada de Xeorxia na OTAN, algo que Rusia equipara ao establecemento dun cerco por parte dos países occidentais, tentando rodeala a traveso de golpes de man nos países da súa influenza máis próxima. A construción do oleoduto que evita pasar por territorio ruso, o chamado BTC (Bakú, Tblisi, Ceyhán), apoiado polos Estados Unidos, semella ter tamén importancia na estratexia que Moscova interpreta como un intento de minguar a súa influenza no Cáucaso
 

Os Estados Unidos selaron definitivamente os lazos con Xeorxia durante a visita do presidente Bush a este estado do Cáucaso. Xeorxia é un país con graves conflitos territoriais, sobre todo nas rexións separatistas de Osetia do Sur e Abxasia, ambas con fortes lazos con Moscova, tan estreitos, que os habitantes destas zonas dispoñen de visados especiais para entrar na Federación Rusa sen os problemas que teñen o resto dos habitantes xeorxianos.

O presidente Saakashvili sabe moi ben o problema que habita dentro das súas fronteiras e, dous anos despois da chamada "revolución das rosas" na que acadou o poder encabezando unha revolta popular para derrocar ó presidente Shevarnadze, o apoio norteamericano faise patente, sobre todo na resolución destes conflitos territoriais, pero tamén a propósito da retirada das bases militares rusas en territorio xeorxiano (incluso adoptando unha resolución no Senado estadounidense), unha reclamación máis intensa de Xeorxia dende o cambio político no 2003. Para calmar os ánimos, George Bush animou a Xeorxia a cooperar de modo máis directo con Estados Unidos por medio da OTAN.

A inclusión deste pequeno país na OTAN non comporta moitos problemas pola parte xeorxiana. Saakashvili ten unha formación académica estadounidense (estudou nas universidades George Washington e Columbia), e o seu discurso xira en torno a que a inclusión do seu país na OTAN é un grande chanzo para a democracia, un grande chanzo para incrementar o seu potencial cara Occidente. ¿Por que tanto interese? Xeorxia é un pequeno país por onde é necesario que pase o oleoduto que uniría as reservas de gas e petróleo do Mar Caspio cos mercados internacionais. Por esta razón máis que ningunha outra, os Estados Unidos pretenden "estabilizar" Xeorxia, nomeándoa "faro para a liberdade desta rexión e do mundo", cualificativos que se autoimpoñen os mesmos norteamericanos falando de si mesmos cando liberan a certos Estados dos seus ditadores.

Á visión rusa non lle agrada excesivamente a entrada de Xeorxia na OTAN, xa que as disputas entre os dous países céntranse na posible retirada das súas bases militares do territorio xeorxiano, e tendo en conta que as negociacións entre ambos Estados estaban supeditadas a que a OTAN non se estendese cara o leste. Moscova ameaza con tomar represalias para contrarrestar as sancións que Xeorxia impón ás bases rusas. As espadas están en alto.

As represalias das autoridades rusas centráronse en premer ás autoridades por medio de presións á poboación: denegación de visados ós xeorxianos que non habitasen nin en Abxasia nin en Osetia do Sur ou os cortes de subministros de gas en pleno inverno. Tendo en conta que Rusia é o primeiro exportador de gas en Xeorxia é evidente que a súa importancia vai máis alá das conexións políticas. Estas represalias tiñan como obxectivo primordial o cambio de actitude do goberno xeorxiano cara os territorios separatistas de Abxasia e Osetia do Sur, aínda que os cortes de subministros tiñan a súa explicación "oficial" a partires da suposta falta de pagamento das taxas do gas por parte do goberno de Xeorxia.

As medidas que tomará o goberno xeorxiano, segundo fontes oficiais, consistirán na non concesión de visados ós militares rusos e non se permitirán os subministros rusos cara as bases militares na zona, ademais da retirada do embaixador ruso e a revisión dos prezos da enerxía subministrada ás bases por parte do goberno.

As bases que centran a discusión son as de Batumi, na ribeira do Mar Negro, e Alhalkalaki, na fronteira con Armenia e Turquía, as dúas en posicións xeoestratéxicas para o control tanto de persoas coma de produtos comerciais da zona. As autoridades xeorxianas veñen reclamando fortemente, sobre todo dende hai algúns meses, a retirada de ditas bases porque supoñen unha invasión da súa soberanía. Sen embargo, as conversas mantidas por autoridades tanto rusas coma xeorxianas dende hai meses facían prever que as reclamacións dos dous países en conflito ían ter un bo resultado, con concesións por parte dos dous bandos, dando uns prazos para a resolución da controversia ata o 2007, pois Tblisi quería que as bases se desmantelasen nuns poucos meses, e Moscova falaba de dous anos para rematar a saída de Xeorxia.

O resultado parece desembocar por outra vía diferente que hai un trimestre, cando comezaron as conversas entre a ex república soviética e Rusia, alcanzando un acordo polo que se comprometían a manter as conversas sobre as bases militares para non ter que tomar represalias por parte de ningún dos países.

A visita de George Bush semella ter avanzado o proceso sobre a entrada de Xeorxia na OTAN, algo que Rusia equipara ao establecemento dun cerco por parte dos países occidentais, tentando rodeala a traveso de golpes de man nos países da súa influenza máis próxima. A construción do oleoduto que evita pasar por territorio ruso, o chamado BTC (Bakú, Tblisi, Ceyhán), apoiado polos Estados Unidos, semella ter tamén importancia na estratexia que Moscova interpreta como un intento de minguar a súa influenza no Cáucaso.