A Coca-enCola paramilitares e guerrilla

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

O proceso de paz de Colombia mantén solidamente encolados guerrilla con paramilitares. Forman un único pano ríxido que non da estirado para tapar a todos co manto da paz, sen rachar. Se se despraza para cubrir a violencia enxendrada polas guerrillas coa intención de recubrilas para sempre, da outra banda destápanse con anovadas enerxías as bandas paramilitares da AUC (Autodefensas Unidas de Colombia). A forma, tempo e ritmo de erradicación da coca é un dos maiores atrancos nas mesas de negociación coas FARC-EP ( os seus orzamentos aliméntanse nun 30% da coca); e dos beneficios da coca tamén saen os fondos que nutren as crecentes forzas dos paramilitares.

A paz depende da coca. Lamentablemente o Plano Colombia chegado do país da Coca-cola, so observa con nitidez a violencia guerrilleira, ao situala en solitario como obxectivo do seu punto de mira, por máis que a maioría das masacres leven o selo indiscriminado das AUC de Castaño, que hoxe constitúan o maior risco para a paz.

Dende de xaneiro do 99 Andrés Pastrana aventurouse persoalmente nun proceso de Paz ilusionante, máis por necesidade máis que por convencemento. Colombia precisa crer na paz tras décadas con ducias de milleiros de víctimas mortais. A violencia de distintos signos que inunda o país afectou, no ano 2000, a 38.820 persoas, un 7% máis que o ano anterior.

Cando o presidente conservador empeza a albiscar algunha luz na empantanada negociación coas FARC e co ENL, agroma con máis forza que nunca o tumor dos paramilitares e son moitos o que diagnostican que será precisamente este tumor o que remate coa vida do fráxil proceso de diálogo. En círculos próximos as mesas de negociación manifestan que poden estar maduros os primeiros froitos en materia económica que permitirían unha reducción na intensidade do conflicto e que xa está moi avanzado, para a súa sinatura, un acordo humanitario de intercambio de presos que teñan unha precaria saúde. Un primeiro paso que propicie un clima de distensión.

Pero nos 28 meses nos que perdura a negociación, o número de adscritos as AUC, aumentaron nun 80% e xa roldan os 8150 efectivos. O profesor Mauricio Romero da Universidade de Bogotá non demostra sorpresa por este dato. Argumenta que foi precisamente no ano 1982, durante outro proceso negociador , cando apareceron os primeiros grupos paramilitares nas zonas rurais. As reformas económicas, sociais e agrícolas que poidan emanar dos acordos de paz non espertan simpatías nas clans dominantes nas zonas rurais que aumentan a contratación de mercenarios cos cartos aportados polas mafias da coca ou dos latifundistas.

No Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos do Home, hai tempo que sinalan aos paramilitares de Carlos Castaño como os responsábeis da maioría das masacres, secuestros e desprazamentos masivos da poboación. Pero e tal é a forza que están a adquirir, que mesmo asustan a sectores da Departamento de Estado dos EUA, partidaríos ata este momento de seguir o seu vello principio de actuación internacional “os enemigos dos meus enemigos son os meus amigos, sexa amigos meus ou non”. No ano 2000 incluíron as AUC como organización terrorista no seu anuario, cousa que endexamais aconterera ata agora.

Ningunha instancia oficial se atreve a xustificar a existencia dos paramilitares, pero detrás deste formulación aparentemente correcta, agáchanse moitos sectores da política e a economía convencidos de que, no caso de non ter existido as AUC, a guerrilla xa tería tomado o goberno colombiano hai moito tempo, e ese escenario non queren imaxinalo nin nos pesadelos. Mais un país atrapado por paramilitares incontrolados sería o peor dos infernos, nos que teñen vivido os colombianos nos últimos 40 anos.