Avances no Cumio Ucraína-UE

A semana pasada, no balneario de Yalta (na península de Crimea), celebrouse o Cumio Unión Europea – Ucraína. O obxectivo da reunión foi a avaliación do proceso de achegamento de Ucraína á Europa unida, que considera aínda a necesidade de moitas reformas políticas e económicas. Unha preocupación adicional foi a recente sinatura dun acordo sobre a creación dun Espacio Económico Único entre Belarus, Kazakistán, Rusia e Ucraína. O presidente ucraíno L. Kuchma, amósase máis propenso a restablece-los "tradicionais vencellos" con Rusia que a esforzarse por entrar nunha Europa onde, ata o de agora, non se albisca disposición a aceptar a Ucraína proximamente como un membro máis da Unión.

Ucraína estará disposta a negocia-la súa adhesión á UE o ano 2011, manifestou Kuchma tras unha entrevista en Yalta co primeiro ministro italiano Berlusconi, na presidencia de quenda da Unión. Así mesmo, Kuchma subliñou publicamente que o seu interlocutor europeo criticase o feito de que se teña indicado unha data tan distante.

As declaracións das dúas partes do proceso semellan seguir un círculo vicioso: Ucraína non se achega a Europa porque esta non a quere, e Europa non aborda a súa adhesión polo miúdo porque non considera a Ucraína preparada. Poren, as dúas partes constataron no cumio que o Acordo sobre Partenariado e Asociación, o documento básico para o desenvolvemento das relacións bilaterais, está a cumprirse con éxito. Acordouse, cara á implantación desta política de achegamento de Ucraína á UE, deseñar un plan de accións onde se formulen tarefas e quede establecido un calendario para o seu cumprimento, incluíndo tamén os necesarios criterios de avaliación do progreso. Este Plan de Acción entrará en vigor o vindeiro ano.

Na declaración conxunta do cumio mencionouse por primeira vez a "integración" de Ucraína na UE, un termo tradicionalmente evitado polos interlocutores europeos. Mesmo R. Prodi, que antes dicía que para Ucraína non habería nunca un lugar nas institucións europeas, dixo en Yalta que nesta fase histórica "compartimos cos nosos amigos todo, salvo o aspecto institucional". A parte europea destacou tamén que Ucraína é unha prioridade para a UE no marco da "Europa ampliada" e, de feito, foi o primeiro país co que comezou a traballar sobre un plan de accións conxunto.

A parte ucraína pensa que o plan pode ter un prazo de tres anos e, logo do seu cumprimento, é dicir, cando se acaden tódolos obxectivos planeados no Acordo de Partenariado e Colaboración, exista a posibilidade de dispor unha transición para a adhesión de Ucraína á UE. Aínda que os participantes do Cumio de Crimea trataron de ser moi cautelosos para non se comprometer demasiado, fíxose patente que as dúas partes recoñecen a necesidade de aumentar cualitativamente o nivel das relacións entre Ucraína e a UE.