Angola: Petróleo contra diamantes

As letras de Zeca Afonso, entrañábel e solidario aval da autodeterminación angolana, son as únicas verbas fermosas que logo de 3 décadas evoca un país azoutado pola violencia. En Angola, 7 é hoxe o número meio de fillos por muller, 46 os anos de esperanza de vida ao nacer, 3 os millóns de desprazados, 8 os médicos por cada cen mil persoas, 5 o número de teléfonos por cada 1.000 habitantes e 1, o privilexiado de cada 100 que chega á universidade. Estas son as cifras dun país á deriva no seno dun continente negro coma as súas esperanzas.

Logo de 27 anos de loita esquecidos polo mundo, coa morte do dirixente histórico do grupo armado de oposición UNITA, Jonás Malheira Savimbi, en febreiro de 2002, despéxase á fin o pedregoso itinerario cara unha incerta transición democrática sobrevida coa oficial, que non oficiosa pacificación do país.

Os angolanos seguen a padecer na actualidade as terríbeis consecuencias dun tornado bélico que absorbeu nunha espiral de violencia extrema as vidas de millóns de víctimas e refuxiados da guerra. Co terror supostamente quitado, liquidaron-se tamén as axudas procedentes do exterior, que paradóxicamente alimentaran financeiramente a continuidade dun conflicto atroz e non pola contra, a reconstrucción derivada de seus devastadores efectos.

Certamente Angola posúe importantes reservas petrolíferas e diamantíferas; o ouro negro abasteceu de munición e metralla a loita do MPLA contra os diamantes que Jonás Savimbi convertera en proxectís. Contra toda lóxica, as grandes riquezas naturais dun país inmenso foran convertidas nas armas que haberían de perforar a vida de máis dun millón de seres. O patrimonio incomparábel dos seus pozos petrolíferos, fan do país o segundo exportador africano de petróleo. Entrementres, os recursos diamantíferos de Lunda, abastecen as luxosas vitrinas da cidade belga de Amberes, dende onde se comercializan os dous terzos mundiais deste apreciado material e da compañía sul-africana De Beers, primeira firma mundial na mercantilización de diamantes.

A reconstrucción posbélica do décimosexto país máis pobre do mundo está a ser impedida pola cultura do caciquismo, por mor dunha aguda crise humanitaria, pola completa destrucción de toda canta estructura productiva puideran ter algún día erguido os colonizadores portugueses e pola permanencia dunha elite de lacaios, corte de paxes e servos da usura empresarial estranxeira que moi ben souberon instrumentalizar a violencia ao servizo do poder, coma lucrativa fonte de rendementos.

Actualmente o país padece unha grave crise humanitaria: desnutrición, fame, malaria e violencia desorganizada son as causas primeiras que determinan unha situación de emerxencia xeralizada. Por si non abondara, ate o momento no que Savimbi cae abatido hai escasamente dous anos, as organizacións e convois de axuda humanitaria non tiveron acceso ás zonas do país embargadas pola UNITA, nas que se concentraban grandes mareas de poboación en obscena situación de fame e carestía. Con dentes afiados, o desastre humanitario, rara vez documentado polos rotativos da imprensa mundial, estaría a rillar coma serpe na vida de 3 millóns de persoas.